|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 9 Marzo 2005 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
7
|
SUMARIO
DIANTE DO PROXECTO DE CONSTITUCIÓN EUROPEA
CAMIÑO ÚNICO NEOCONS EUROPEOS ROTA OU DESAPODERADA A QUÉN CONVÉN A UNIÓN EUROPEA PEDIR OU CRIAR PROPAGANDA INMORAL PROPAGANDA QUE NON CONVENCE
ALICERCES NACIONALISTAS
PODER POLÍTICO E CRIATIVIDADE
================================================-================================================ DIANTE DO PROXECTO DE CONSTITUCIÓN EUROPEA Encol do proxecto de Constitución Europea sometido a referendo para o día 2O deste mes pódense ver, ademáis destas reflexións, as que fixemos no anterior número (época 4, número 8) deste Boletín. Clique en Números anteriores Camiño único O da Constitución é secundario: un paso máis nun camiño que se quer apresentar como único. O que había que pensar era se lles convén a Galiza e a España estar na Unión Europea ou non. Iso nunca se decidiu democráticamente, porque a Unión Europea apresentouse como algo que nen se podía discutir e que tiña as vantaxes todas, non só dende o ponto de vista político e económico, senon tamén moral e cultural. A Unión Europea tiña superioridade nata. E, en calquer caso, non podía haber outra opción. O de que non había outra opción resultou certo, non porque non a puidera haber, senon porque os que querían impor o proxecto fixeron imposíbel outra cousa. Ao mesmo tempo que facían imposíbel quedar fóra na práctica, inseriron un fatalismo autoritario que fixo da Unión Europea unha entidade santificada, cunha aureola case relixiosa e un esplendor místico. E cando un proxecto político apreséntase como absolutamente necesario e como o único camiño válido, hai que recear que se vai impor pola forza por moito que a retórica sexa liberal. E así se constrúe o pensamento único. ================================================ Neocons europeos O proxecto da Unión Europea tal como se foi desenvolvendo e como está pensado que se desenvolva coa constitución que se aveciña, parece inventado polos “neocons”. Hai a mesma confusión, o mesmo facer crer que vai ser dunha maneira cando vai ser da outra, o mesmo autoritarismo desmandado e disfrazado de liberación, o mesmo elitismo e o mesmo secretismo. E sobretudo a mesma incompetencia e os mesmos pésimos resultados que se poden observar nas actuacións dos neoconservadores de outros continentes aos que, según nos contan, a Unión Europea oponse en principio. Tanta é a semellanza que nesta constitución da Unión Europea até está prevista a guerra preventiva. ================================================ Rota ou desapoderada Aos que tanto medo teñen de que España quede esfarelada e rompa en anaquiños se non ten un governo centralizador, non lles asusta para nada que esa España que tanto din que defenden quede desaparecida, encativada e sometida a unha autoridade allea. Cando unha nación, grande ou pequena, deixa ir a sua soberanía, é dicer, a faculdade de resolver os seus asuntos como mellor lle pareza, perde o que a configuraba como nación. Sería polo menos coerente contrapor á España “rota” unha España con poder decisorio sobre os seus asuntos. Mas non é ese o caso; a pesares da retórica patrioteira, o que se contrapón á España “rota” e unha España desapoderada, sen forza para nada e inhabilitada para dispor do seu. Entre o pouco que dese xeito lle queda a ese Estado está o poder de seguir freando as nacionalidades sumidas nele. Esa é a principal e case única soberanía que non perde. =============================================== A quén convén a UE Convén aos Estados Unidos de América, que axudaron a ideala e a construila, e convirá a calquer outra potencia mundial que poda xurdir có tempo. Para os Estados Unidos agora, e será igual para a China, a India ou calquer outro país que obteña a hexemonía no mundo, é mil veces mais apetecíbel e fácil entenderse cun conglomerado de ex nacións que deixaron os poderes todos en mans dunha burocracia centralizada, que entenderse con moitas nacións por separado. No terreo político, contarán cun bloco satélite que fará o que eles queiran en cada momento, ainda que na retórica e na propaganda se apresente moitas veces como indignado e contrariado. E no terreo económico, non podía haber nada mellor para as potencias mundiais que un mercado único, simplificado e ultrapolitizado. Como a base económica da Unión Europea é desaxeitada, non fará a competencia a esas potencias. Convén tamén aos que utilizan a política para se sentiren importantes e figurar. O único que quedará de apariencia democrática na Unión Europea serán unhas eleccións que se celebrarán nos países para escoller políticos que non van poder facer política neses países e que serán os intermediarios entre o poder feudal que se constituirá en Bruxelas e os cidadáns de estados reducidos á obediencia e sometidos a ese poder. Quen pense que o futuro e a mellora da sociedade está na renovación dunha clase política hoxe desprestixiada, terá que ir abandoando esa esperanza diante do trasplante desa mesma clase cós mesmos instrumentos, e igualmente inepta e irresponsabel, á escala “europea”. Os exemplos á vista están. E convén moito, moitísimo, ás grandes empresas, que poderán facer o que lles pete sen render contas a ninguén e sen ter que xustificar nada nen dar explicacións por nada. En nome da liberdade e das forzas do mercado, esas empresas terán campo libre para cometer os abusos que queran e contarán con millóns de persoas que nunca terán un emprego decente porque iso iría contra a “liberdade”. En cuestións de poder, o aumento de escala crece en progresión xeométrica para os grandes, e non se aplica nen sequer en proporción aritmética aos pequenos. Esas son as matemáticas da unidade e do imperio. ================================================ Pedir ou criar Galiza nunca contou para o estado español e polo tanto non vai contar para nada na Unión Europea. O pouquiño que quede de estado español se encarregará de transmitir a idea de que aos galegos non hai que lles ter medo porque se conforman con calqueira cousa e están sempre divididos entre eles. A pasividade dos galegos é un vicio criado pola historia e as circunstancias do país. A actitude típica dos galegos é a de “a ver se nos dan algo”, cando o que debía ser era “a ver se facemos algo novo e conseguimos algo nós mesmos, sen que nolo den”. Nese reparto que se está facendo e que se vai facer xa sen freo nengún se a nova constitución se instaura, Galiza vai quedar mais abatida e inutilizada que nunca. Agricultura e pesca, nada, porque no reparto cada vez lle vai tocar menos. E industria non quedará nengunha, porque a UE decretará que as poucas que se creen ou que sobrevivan á mala administración de Bruxelas vaian para outros lugares de mais interés “político”. ================================================ Propaganda inmoral Un referendo ou plebiscito ten que ser organizado polas autoridades do momento, polo Estado en definitiva, aínda que o ideal sería que, pola sua natureza de democracia directa, o organizase a sociedade mesma, o que non é doado. Aínda que a iniciativa ou a proposta veña do governo, non pode pasar daí, e o governo ten que extremar a prudencia e non facer propaganda do seu ponto de vista utilizando para iso fondos públicos, é dicer, o diñeiro dos contribuintes. O governo pode gastar diñeiro en darlle á sociedade os medios para que se exprese, pero non para dictarlle o que ten que facer, como se estivese formada por incapaces ou deficientes. O labor puramente informativo e de facilitación do debate está ben. Onde entra a desproporción manifesta e contraria á natureza mesma do referendo é no uso do inmenso poder do estado para esmagar e acalar a diversidade de ideas e impor as propias. Incluso os partidos, na medida en que teñen financiación pública, terían que fiar moi fino neste asunto e non confundilo cós tratos e negocios da vida política “normal” ou parlamentaria. O plebiscito é excepcional, e se non o é perde o valor moral e suprapolítico que debía ter e vira unha trampullada para enmallar aos cidadáns. ================================================ Propaganda que non convence Na propaganda que – indebidamente – fai o governo e os que queren axudalo tocáronse cuestións tan emocionais e tan pouco racionais como a do patriotismo, a do porvir dos fillos, a da loita contra os fascismos, a do agradecimento e a de chegar os primeiros. O patriotismo é a identificación cunha comunidade histórica e a defensa dunha esfera de intereses públicos propia desa comunidade. Iso non se pode criar dun dia para outro nen pode resultar dunha escolla de “valores”. É unha realidade básica, non unha preferencia utópica. Algo do que partir e non ao que chegar. O do porvir dos nosos fillos non ten lóxica histórica. As decisións políticas non se poden tomar sobre esa base. A incerteza esencial do futuro convirte axiña ese pretendido argumento nunha chantaxe psicolóxica. Os pais poden enganchar aos fillos no que a eles lles parece mais proveitoso e ainda así, ou mesmo por iso, poden estar desacertados de todo ou enganarse e coidar que os paxaros maman e non comen miñocas. Pensando no futuro dos fillos mandaron os pais alemáns os seus ás Xuventudes Hitlerianas, por exemplo. O que se consideraba a marcha inexorábel da historia empurraba aos nacidos na Unión Soviética cara aos pioneiros. E todos sabemos, sen ir mais lonxe, os desastrosos resultados que producen as escollas de carreira e do porvir dos fillos que fan os pais. O argumento é puro patriarcalismo. O neofascismo estase criando no caldo de cultivo do neoliberalismo que impón a Unión Europea. Quen acude a ese reclamo é a xuventude desempregada e desesperanzada. Non é a primeira vez na historia. Cando se abusa tanto do laissez faire e florece o capitalismo desmandado e o elitismo plutocrático, xa se sabe o que pasa e o que pasou. A socialdemocracia, que comezou a sua xeira mais moderna dando como xustificación que ía amortiguar eses efectos funestos do capitalismo, é hoxe na Unión Europea a xestora preferida do desmantelamento da seguridade social, do deterioro da educación e do abandono do pensamento independente. Acudir ao medo de “que veñen os fascistas”, ou de que “sen a Unión Europea non pode haber paz porque os habitantes de España non saben facer mais nada que ter golpes de estado e estar sempre en guerra” é como asustar aos nenos con que se non obedecen vainos comer o cocón. E tamén é inferiorizar aos habitantes todos de Europa e moi en especial aos de España. A Unión Europea non ten capital propio e sostela é moi cara. A cada habitante dos países que a integran cóstalle unha cantidade moi considerábel de diñeiro. Polo tanto, a Unión Europea non pode dar nada. O único que poder facer é repartir, ben ou mal, xusta ou inxustamente, con tino ou dunha maneira atrabiliaria. Galiza non ten que estar agradecida de nada. Se o que lle “deron” era xusto, non hai nada que agradecer. E se era inxusto e non llo debían ter dado, por algo sería e algo quererían en troca os que agora pretenden cobrar un favor que nunca existiu. Chegar os primeiros non ten mérito case nunca en politica. Non se trata dunha Olimpiada. Diante de toda cuestión que afecte ao presente e ao porvir do cidadán hai unha obriga de prudencia, siso, cordura e reflexión que exixe tempo. Pódese chegar os primeiros a un desastre ao que máis tivese valido chegar os últimos ou non chegar. ================================================
ALICERCES NACIONALISTAS
PODER POLÍTICO E CRIATIVIDADE O nacionalismo galego non poderá consistir, como consistiu case sempre, en pedir para a Galiza o que xa hai en outros lugares de España. Unha nación, ou un estado, ten que distinguirse das outras nacións e dos outros estados por facer as cousas dun xeito diferente, e ten que inventar, anovar e idear un futuro axeitado. Ainda cando unha nación está formada por varios estados federados, como é o caso dos Estados Unidos de América, cada un deses estados ten o seu sistema propio de tributación, educación, etc., e aporta diferencias esenciais. Esa é a función histórica primordial dos estados, federados ou non, e o seu deber coa Humanidade. E hai casos como o de Escocia, por exemplo, que sempre tivo o seu sistema propio de ensino, xurídico, etc., distinto do da Inglaterra e do dos demais países das illas británicas, tanto cando foi estado en sí como cando entrou no reino unido. Un nacionalismo que non aspire a ter sistemas propios en cada unha das esferas da realidade, non poderá ter forza e rematará sempre querendo o mesmo que teñen “os grandes”, pero en mais pequeno. Un nacionalismo galego que só aspire a poñer á sua xente nos postiños de mando seguirá facendo todo exactamente igual que o estado español, porque os que cheguen ao poder, se non teñen pensadas as cousas de outra maneira, non van querer facer nada novo nen van saber facelo ainda que teñan toda a intención de laborar polo país.
|
|