Grupo de Traballo Galego

de Londres

 

Boletín

Cuarta época

Número 8

                                                                   Xaneiro 2005

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

7

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


 

SUMARIO

¿VALORES EUROPEOS?

O ESTADO NON CADUCOU

SUPERESTADO E SUPERCONSTITUCIÓN

SOBERANÍA E DEMOCRACIA

EUROPA É UN PROBLEMA, NON UNHA SOLUCIÓN

PALABRAS SIN FEITOS....

DIÁLOGO NON É DEBATE

FACER POLÍTICA NON É VENDER PRODUCTOS

TERRA SIN LINDES

 

================================================-================================================

 

¿VALORES EUROPEOS?

 

Disque o  que se fai coa Unión Europea é defender os valores europeos, por seren distintos e mellores que os estadounidenses. É certo que algúns dos grandes adiantos que se conseguiron nalgúns dos países de Europa (non en todos certamente e non dentro de Unión Europea, senon antes de formar parte dela), foi un sistema de seguridade social ou  un Estado do Benestar que acabou con moitas das inxustizas do pasado. Mais ese Estado do Benestar, con atención médica para todos e pensións axeitadas, véñeno descompoñendo sistemáticamente dende hai moitos anos as reformas económicas que, según os fanáticos do mercado libre, tan necesarias son para que podamos viver todos ben. Ou, se cadra, para que as grandes empresas globais podan facer o que queran sen atrancos.  Alemania, un dos países da Unión Europea que acadara depois da segunda guerra mundial unha organización social moi adiantada, está xa eliminando prestacións sociais e  seguirá cortando até que non quede ningunha. E na Gran Bretaña, outro dos países con mellor organización social, se non se cortaron mais esas prestacións foi porque os habitantes do país son menos credoiros das doutrinas de moda e non se deixan convencer da necesidade da “reforma”, polo que os políticos británicos saben a estas alturas que nese asunto non lles queda moito poder de manobra

 

Os Estados Unidos son o modelo oposto a eses “valores europeos”, é dicer, son un país sen unha boa rede de seguridade social para todos. A iso atribúese a axilidade que, según os empresarios globais que mandan nos políticos, necesitan adquirir os países todos do mundo e, en especial, os que forman parte da Unión Europea. Mais o problema é que os países europeos teñen o vicio da burocracia e, por moita “reforma” que se faga, non conseguirán esa axilidade que talvez lles falte. Ao contrario, ao exceso de burocracia que xa tiñan engaden mais cada vez a burocracia de Bruxelas, que terminará por paralizalos de todo. O único que conseguirán será teren cada vez mais desempregados e estaren cada día mais empobrecidos para contentar aos amos das empresas.

 

Ese valor europeo que podería ser a seguridade social xa case desapareceu e vai desaparecer de todo. Sería un erro pensar que ao votar a favor da Constitución Europea se está votando a favor da seguridade social. Ese voto é un voto a favor dos instrumentos xurídicos e políticos que poden acabar con esa seguridade.

 

 

.

O ESTADO NON CADUCOU

 

Segue tendo sentido, aínda que moitos pensen que non, a aspiración do nacionalismo galego a ter instrumentos estatais proprios. O Estado constitucional establecido, ao mesmo tempo que ridiculiza en campañas mediáticas a idea do estado, non renuncia a ela cando lle convén,  e pide o voto a favor dun proxecto de constitución europea que afortalece un superestado. Non hai máis soberanías que as do Estado español e o Superestado da UE.

 O proxecto de constitución europea conserva o estatismo centralizador dos vellos estados. Desfai por completo toda esperanza de federalismo de comunidades básicas. Nen sequer abre o camiño a unha federación ou confederación de estados, porque aquelas se basean nunha pluralidade de soberanías, e esa posibilidade fica cada vez mais lonxana na nova constitución.

 

==================================================

 

SUPERESTADO E SUPERCONSTITUCIÓN

 Para que nada lle falte ao superestado, aqui chega a sua superconstitución. E igual que no superestado criado cós instrumentos ideolóxicos, xurídicos e económicos dos vellos estados europeos vense con aumento as trazas do estado, nesta Constitución escolleuse o modelo menos desexabel do repertorio constitucional. Non se escolleu un marco flexibel, como lle acaería a unha comunidade heterexónea sen nengún dos caracteres de nación que son a base orgánica dun estado, senon unha articulación de preceptos ríxidos, detallados e prolixos, unha camisa de forza para paralizar unha realidade que se despreza.  Unha constitución  na que se prescribe, como nunha confesión de fé, o que hai de crer, cando pensábamos que o civilizado e secular sería unha formulación de procedimento e e non de contidos, un marco formal que iría cós contidos variados e criativos que as soberanías populares na sua evolución lle foran dando. Esta constitución que se aveciña pecha camiños en vez de abrilos. Imaxinemos o inaceptabel que sería unha constitución dun país que impuxese os valores que hai que ter para ser cidadán. O desexabel é que diga como se exerce o poder político e lle fixe límites, precribindo quén pode facer qué e cómo, limitando o poder e protexendo contra o abuso arbitrario deste.

 

=================================================

 

SOBERANÍA E DEMOCRACIA

 

Xa fai desconfiar de que a Unión Europea sexa un proxecto democrático esa propaganda que a arrodea, feita de emocións escuras e de pouca calidade. Parece que ser “europeo” equival a ser pacífico, civilizado, culto e fino, e que criticar á Unión Europea é propio de incivilizados, atrasados e patrioteiros dos de antes. Falar de soberanía non se pode, non é fino. Esas cousas son antigalladas… Mais a cuestión da soberanía é moi importante e non se pode desbotar como se fose un atraso.

 Para un país, ter soberanía significa poder decidir o que quer, en vez de deixar que decidan os demais. E hai unha inmensa contradicción na postura habitual que teñen niso tanto o estado español como os nacionalistas. Os nacionalistas evaden a cuestión fundamental do nacionalismo cando aspiran a non depender de Madrid pero en cambio non lles importa depender de Bruxelas. E se pensan que van ter mais soberanía, é dicer, mais mando nos seus asuntos e mais posibilidades de rexer o seu país como eles queren, con Bruxelas que con Madrid, ten que ser porque arrastan un peso histórico que non lles deixa ver máis alá de Madrid e prívaos, ainda que pensen o contrario, de entendimento do mundo internacional, ao que idealizan como si non houbese nele a mesma política e politiqueria que na parroquia.

 Que os países de España formasen un estado federado ou confederado non sería imposíbel nen ilóxico. O que é disparatado é que se deixen levar, mesmamente por ese estado español do que aspiran a arredarse, a un superestado que nunca lles vai deixar facer nada.

 E a lóxica dos “nacionalistas” da España indivisíbel tampouco resiste a mínima análise. Esa actitude de defensa da España “enteira” só podería ter algún sentido nunha España soberana e con poder sobre o seu destino. Mais a esa España tan sólida e unitaria non parece importarlle deixar ir a sua soberanía e virar provincia lonxana dun imperio, con tal de sentirse forte por andar en piñoca. Tanto nos nacionalistas como nos “nacionais” parece haber afeizón a ter amo e patrón, e aversión a responsabilizárense da governanza e da política.

 

 

EUROPA É UN PROBLEMA, NON UNHA SOLUCIÖN

 

Todo movimento político ten que estar atento ao que pasa, pero é importante que atope niso que pasa os atisbos do futuro.  O galeguismo estivo sempre atento demais a estar á altura dos tempos, até o ponto de sacrificarse á moda. Perdéronse moitas enerxías en amosar que se facía o que se estaba facendon na hora. Houbo falantes cuase “naturais” de alemán cando iso era o culto, existencialistas cando era o que se levaba, republicanos de esquerda no tempo das frontes populares e monárquicos por acomodo cando chegou a hora. Está  claro que de todo tería que haber, se o nacionalismo  galego tivese acadado un fondo social e idolóxico tan enraigañado que soportase todos eses davatares, explicabeis e até necesarios como variedades ou episodios da vida política normal. O malo foi que o labor concienciador, de toma de concencia, educativo no fin, que compría facer, quedou subordinado a esa carreira desenfreada cara a seren admitidos entre os que se xuzgan superiores, e esa ansia queimou esperanzas e seriedade. “A ruda adversidade urxente” ten que ser atendida e confrontada, pero está feita de cuestións graves, non de modas nen maneiras.

 Diante do proceso político que está levando ao afortalamento dun superestado coa capital en Bruxelas, sería un erro fatal para o nacionalismo galego coidar que ese é o fin certo e óptimo da Historia e o final dos seus problemas. Non vai desaparecer o ferreño unitarismo do Estado de Madrid, que aínda non está nas últimas nen moito menos e que, como membro da Unión Europea por direito proprio, vaise entremeter sempre na política dos intereses galegos. E segue vivo o problema fundamental dunha nazón sen estado fronte a un estado que a absorbeu sen entendela e que agora terá, ademais, un superestado aínda mais remoto e alleio.

 Hai que prantexar os problemas que Galiza ten e vai ter nese marco estatal e superestatal, en vez de pensar que o superestado amañado polos estados vai ser tan benévolo que o vai resolver todo.

 A Unión Europea é un motivo de preocupación para o futuro de Galiza e do galeguismo, non unha panacea para as suas doenzas

 

 

 

PALABRAS SIN FEITO…

 Están de moda os xestos, os talantes e as persoalidades dialogantes. Calqueira cousa menos política e governanza. Fanse festas á personalidade dialogante como se iso fose unha demostración indiscutíbel de antiautoritarismo e democracia. Pódese ser dialogante en calquer profesión ou oficio e ser tamén incompetente. Un comerciante, un profesor ou un agricultor poden ser dialogantes e seren pésimos comerciantes, profesores e agricultores. E iso aplícase igual aos políticos. Palabras sin feito, gaita sin punteiro. O que conta son os feitos e ao que hai que atender é ao que fan de verdade os que andan na política. O outro é publicidade, non política.

 

  

DIÁLOGO NON É DEBATE

 Tampouco e política, e menos política democrática, facer como se todo fose unha cuestión de presentación, e coidar que se a xente non parece estar moi convencida de algo que os cociñeiros da “nova política” queren que engulipen é porque non se apresentou ben. Non pode haber democracia sen debate e non pode haber debate se non se descreben con exactitude os pros e os contras de cada cuestión. Hai que partir de que todo ten pros e contras, e de que case nada é santo e intocábel. O consenso non pode sustituir ao debate; moitas veces hai que escoller ainda que non se poda contentar a todos. Nunha democracia a oposición ten tanta importancia como o partido que governa, porque entre o partido que governa e a oposición teñen que apresentar e razoar as distintas opcións diante dos habitantes do país para que éstes podan facerse mellor idea do que se trata e escoller depois. Por iso axuda tamén a ese proceso de escolla que haxa, por exemplo, distintas cámaras que ás veces cheguen a conclusións distintas. Todo iso contribúe a que o cidadán poda entender mellor a situación, o que é completamente diferente de que só se lle bote enriba propaganda.  “Explicar” dende o poder as vantaxes que ten o prato que se quer cociñar, sen que ninguén diga as desvantaxes, é autoritarismo puro.

 

 

FACER POLÍTICA NON É VENDER PRODUCTOS

 Coa moda dos políticos dialogantes ven tamén a da obediencia ao que queren os eleitores. Apresentan iso como democrático, cando non pode haber nada mais antidemocrático que esa actitude. Porque non é que eses que andan na política fagan o que os eleitores queren. O que pasa é que os eleitores “queren” algo porque a publicidade manexada polos patróns convénceos de que ese é o producto desexábel, e os politiqueiros “dialogantes” son os que se encarregan de vender ao público ese producto, que tanto ten que faga falta como que non. Esa falsa obediencia aos eleitores é na realidade obediencia aos que teñen o poder e pagan, e o que se fai con actitudes como esa é traicioar ao eleitor e traicioar á propia política. O comercio entra na política, pero a política non pode guiarse por valores comerciais nen empresarias e non pode consistir na venda de productos.

 

 

 

TERRA SEN LINDES

 Unha das cousas que fan os emigrantes é que, levados pola morriña e a saudade da vida que deixaron atrás e da necesidade de apegárense ás proprias raíces para descobrir quen son entre outros que non son como eles,  idealizan o país do que marcharon e transmiten aos seus descendentes esa imaxe idealizada.

 Isto seguramente influiu moito na ideia que se foi tendo da Galiza, porque esa imaxe idealizada acabou por chegar tamén aos que nunca saíran dela. Eses que non saíran do país mesturaron a imaxe que eles tiñan, que en xeral era a de ser Galiza un país que valía pouco e no que se estaba mal, coa que daban os de fóra, que era a de que Galiza era un país maravilloso e sen igual.

 Se queremos saber que é Galiza, cál é a sua verdadeira pesonalidade e cál pode ser a identidade dos galegos, haberá que ter en conta que, para chegar a algunha conclusión que valga a pena e abra camiños interesantes para o futuro, sería esencial interpretar ben a historia do país. E parte desa historia son as ansias e os ideais dos galegos, dos que quedaron vivindo na Galiza e dos que marcharon para fóra, voltaran ou non. Hai que partir da ideia de que Galiza é unha entidade material e imaterial, corpórea e incorpórea, tanxível e intanxível, como son todos os países ou nazóns, e que o territorio físico non é o mais importante. O mais importante é o espacio intanxíbel que crían os galegos estén onde estén, e nese espacio é onde reside e ten que residir a auténtica Galiza e a verdadeira identidade dos galegos. Cando se cría ese espacio Galiza está viva e cando non se cría non o está, e isto tanto pode suceder dentro do territorio como fóra del.

 

 

 

1