Grupo de Traballo Galego

de Londres

 

Boletín

Cuarta época

Número 7

                                                                   Decembro 2004

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

7

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


 

SUMARIO

ALICERCES NACIONALISTAS

Nacionalismo e esquerda

Superioridade ética

Historias  mal contadas

EUROPA

A Europa dos Povos

Os perigos da utopía

TEXTOS VARIOS

Laicismo e confesionalidade

 

================================================-================================================

ALICERCES NACIONALISTAS

 

NACIONALISMO E ESQUERDA

 O nacionalismo galego foi catalogado como de esquerda, sen máis distincións, pola especialísima mentalidade histórica do estado centralizado español có seu peculiar fanatismo unitario. Tudo o que se apartara dese modelo era subversivo, esquerdista e “roxo”, calquera que fose o contido ou programa social.  Proba diso é que cando a represión da guerra civil  mataron a moitos nacionalistas que, por onde queira que se ollase, eran de dereitas ou católicos.

 Na época chamada da transición estaba de moda no mundo a esquerda, e cuase daba vergoña comparecer no recén aberto cenário político como non esquerdista. O nacionalismo galego,  sempre tentado a seguir a moda para ser respetábel, sitouse na esquerda como se fose consustancial con ela.

 O nacionalismo ten xustificación filosófica, política, histórica, e seguramente até teolóxica. Hai que facer explícitas esas xustificacións e defendelas, e pódese facer dende a direita e dende a esquerda. O importante é saber é o qué é nacionalismo e o que non o é.  Estas cousas convén aclaralas para que non se utilicen conceitos enganosos que crian confusión e fan perder o tempo.

   

SUPERIORIDADE ÉTICA

 Cando os que falan de ética son os que están no poder non é difícil desconfiar. É relativamente doado descobrer os motivos reais por trás  da roupaxe moralista. É mais complicado cando quen invoca a ética é quen está nalgún xeito de oposición. Confúndese moitas veces a dificuldade de ir contracorrente coa superioridade ética. Ir contracorrente pode ter máis mérito, pero non é máis ético.  Procurar a superioridade “ab initio”,  tanto cando se fai dende o poder como cando se fai dende a oposición, dispensa de pensar mais, endurece o razoamento e paraliza o xuizo.

 Lígase  esa confusión con outra máis ampla: a de que ir a contracorrente e estar “á esquerda” en termos políticos. Se a esquerda ten poder político é evidente que o discurso a contracorrente virá  da banda da direita.  

Quen vai contracorrente poderá ter  razón ou non tela. O que non pode é dar por feito que ten a superioridade ética. Iso hai que demostralo doutro xeito.

 

HISTORIAS MAL CONTADAS

 Na Historia de España que se conta nos libros e se transmite por tradición oral faise a afirmación rotunda de que o imperio español foi superior moralmente aos demais imperios –sobretudo ao británico- porque os españois se mesturaron con outras razas. E esa sorprendente afirmación que tan escaso fundamento ten na realidade dos feitos valeu para afirmar tamén que os españois non son racistas e para non quedar de “imperialistas”. Hai varios equívocos nesa versión da Historia que se conta.

 Os primeiros españois que chegaron ás Américas terían relacións sexuais coas e cós indíxenas, pero iso non quer dicer que os tratasen como iguais. De feito hai unha historia, case descoñecida na península pero minuciosamente rexistrada,  da escravitude a que se someteu primeiro aos indios e logo, cando os colonizadores non tiñan abondo quen traballase para eles, aos negros que se trouxeron da África. Formaba parte da lexislación en materia de escravos o direito dos amos a que os fillos de nai escrava nacesen escravos. Toda a gama de mestizos que xurdiu nesa colonización considerábase sen a mínima dúbida inferior aos “brancos”.

 Na mente deses habitantes da península aos que se lles contou o conto da superioridade moral, os habitantes todos das Américas eran, e son aínda, “indios”, a pesar de que os criollos eran tan españois e brancos como os que non saíran de España e a pesar de que có correr do tempo moitos dos habitantes de outros países europeus marcharon a establecérense nas Américas. Eses “indios” levan seiscentos anos falando e escrebendo a língua castelana. Iso non quita para que o habitante da vella España coide en xeral que non saben falar ben e que calquer ignorante nacido en Castela fala mellor, ainda que o castelán que hoxe se fale na península sexa unha lingua minguada e tosca, e pareza unha traducción mal feita do inglés.

 As versións propagandísticas da Historia enganan e crían sentimentos e reaccións erradas. Sen analizar e entender a Historia de España non será posíbel entender a Galiza nen imaxinar un futuro axeitado para ela.

 

 EUROPA

 

A EUROPA DOS POVOS 

 As ideas sobre a Unión Europa son moi confusas. Seguramente porque hai na apresentación do proxecto moitos equívocos. Un deles é o da “Europa dos povos”. Cando comezou o proxecto europeu tratábase de reconciliar a Francia e Alemania para que, cós outros “socios fundadores” , defendesen ao capitalismo da ameaza dos fortes partidos comunistas que había en varios dos grandes países europeos. As nacións sen estado non contaban para nada nese proxecto. Só  moito máis tarde, e para esmagar os nacionalismos dentro dos grandes estados, lanzouse esa idea da Europa dos Povos.

 Dixeron daquela que os nacionalismos non serían necesarios porque nesa Europa que se estaba construindo desaparecían os vellos estados nacionais e quedaban sustituidos polos diversos “povos”. A idea é tan difusa (e tan confusa) que só actúa no “roupeiro das imaxes” como unha especie de utopía na que non da vergoña crer, por moi absurda que sexa,  porque está respaldada por xente seria e cabal que fala dela arreo. ¿Hai algunha posibilidade de que exista esa Europa dos povos dentro da UE?  Nengunha, se ollamos a marcha asoballadora dun conxunto de Estados que, cando ceden algún poder, cédenllo a unha entidade supranacional e centralizadora, un superestado no que se agrandan moi aumentados os piores trazos dos estados nacionais, desde a burocracia até o expansionismo.

 Os nacionalistas parece que se conforman con calquer cousa, como, por exemplo, con que lles deixen falar alguna vez na capital, Bruxelas, na lingua do seu país.

A Unión Europea non mudou. Foi sempre e segue sendo ultracapitalista, uniformizadora e favorábel ao empresario predatorio. Só poden engancharse contentos a esa locomotora os que crean que o capital non ten patria e que as nacións son un atraso.

 Parece que hai unha incompatibilidade radical entre o proxecto da Unión Europea e os nacionalismos, e ese é un asunto que habería que prantexar con seriedade e tirando do roupeiro mental esa idea enganosa e ilusa da Europa dos Povos.

 

 

OS PERIGOS DA UTOPÍA

 Discútese cál sería o sistema de coexistencia internacional máis xusto, máis estábel e menos guerreiro.

 A esquerda, no senso máis amplo, é a que debía dar respostas progresistas a esta cuestión. Deixa de facelo cando se adhire sen reservas a modelos dogmáticos que prometen utopías pero seguen o curso histórico tradicional das grandes potencias. Así sucedeu có fervor polo modelo soviético, pechando os ollos á realidade, e así vai pasar coa adhesión incondicional a un modelo supranacional dogmático como é o da Unión Europea. Impresiona ver cómo ex-comunistas e entusiastas da imaxinación de 1968 corren cara á devoción europeista. Dificilmente pode ser Europa o foco dos anceios progresistas. A lección que se desprende do curso do pasado século é a de que hai que desconfiar das utopías e das solucións unificadoras, sexan partido único, pensamento único ou mercado único.

 

 TEXTOS VARIOS

 

LAICISMO E CONFESIONALIDADE

 No laicismo que tanto se está proclamando adivíñase un trasfondo de mentalidade católica intolerante e impositiva. E na defensa e admiración da práctica relixiosa islámica, que tantas veces emparella con ese laicismo na política de hoxe, despunta a  nostalxia por unha relixión máis intolerante e fundamentalista, o que fai pensar nunha afeizón maior do que parece á relixión e unha preferencia polas relixións “fortes” que dictan o que hai que facer.

 Unha política laica consiste en manter separadas as institucións estatais das relixiosas e en non deixar que ningunha relixión utilice o sistema político para impor as súas crenzas. É cuestión de institucións, poderes e relacións entre Igrexa e Estado. As cuestións de conciencia non son obxeto de regulación xurídica. Nun Estado laico o crente terá seguramente problemas de conciencia graves, pero ten que resolvelos por sí, sen axudas nen atrancos das institucións, que poden ser alleas á súa condición de crente, pero non á súa condición de cidadán. O respeito ás crenzas de cada ún non siñifica que os poderes públicos teñan que prohibir a exposición de ideas ou imaxes que non sexan agradáveis para os crentes de algunha relixión.

 Non hai moitos Estados laicos no mundo.  Un  Estado de militancia atea non é o mesmo que un Estado laico ou aconfesional. O Estado antirrelixioso crearía maiores dificuldades a quen profese algunha relixión, e na história ten chegado ao extremo de inducir ao martírio. O estado laico, en troques,  non pode estabelecer diferenzas entre crentes e non crentes á hora de contratar funcionarios, por exemplo.  Tratará ademáis, por sentido común, de non facerlles a vida demasiado difícil aos que pratiquen unha relixión, que son tamén cidadáns e teñen direito a unha vida pública normal, aínda que  sen darlles tampouco ventaxa ningunha cara ao resto dos cidadáns. É sabido que, na prática, terá tamén que resistir á presión eclesiástica en procura de favoritismos e poder.

 

 

=====================================

 

1