|
|
Grupo
de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 6 Novembro 2004 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
|
SUMARIO ALICERCES NACIONALISTAS Esencialismo Pasado, presente e futuro LINGUA Afirmacións discutíveis Mentalidade contaxiada
================================================-================================================ ALICERCES NACIONALISTAS
ESENCIALISMO
Recean algúns galeguistas de que os podan acusar de “esencialismo”. O termo non ten boa imprensa, pero habería que ver se, por evitalo, non se está coutando unha vía de entedimento dos alicerces do nacionalismo. Seguro que a mala sona venlle ao termo de que nestas cuestións se pensa que leva ao racismo. Pero o caso é que o racismo sempre correu a acobillarse a distintas doutrinas filosóficas ou relixiosas, e aproveitou calquer método para chegar ao que verdadeiramente lle importa, que é o suprematismo. Nen sequer lle importa moito que as diferencias nas que se apoia sexan “esenciais” ou accidentais, mentres as poida utilizar para o que quer, que é instituir a superioridade inata e indiscutível . Compre andar con moito tino para recoñecer diferencias e non invocar o “respeito” polas diferencias para impor bantustáns ou “reservas de nativos” . Pero iso non debe trabar o desenvolvimento das potencialidades que se poden atopar entre individuos e grupos e que son unha fonte indispensável de enriquecimento. En países como os da penísula ibérica, fortemente distorsionados pola neurose unitaria, é doado criar e cultivar un suprematismo baseado na unidade. O medo a recoñecer que as diferencias son fontes de libertade pode abrir a porta á discriminación más perigosa, que é a de impor un dogma e esmagar tudo o demáis. Non hai por qué terlle medo ás esencias. Os direitos humáns, por exemplo, non son nada se non responden a unha esencia. Mesmo quen pensa que o mais progresista é ver en todo construccións sociais que poderían ser como son ou doutro xeito, deixa de desconstruir cando chega aos direitos humáns. Mais se son un “constructo” pódense desconstruir e non hai por qué respeitalos. Cando o nacionalismo se enfoca sen pensar en esencias ou como queramos chamar a ese algo irreductível que merece defenderse e potenciarse, acábase buscando a identidade nun pasado sen analizar e aceitando como identidade propria o que talvez sexa moi contrario a esa singularidade na que se ten que basear.
PASADO, PRESENTE E FUTURO
Unha nazón precisa coñecer o pasado, entender o presente e imaxinar o futuro. Na Galiza o pasado nen é grato nen está doado de coñecer. Empezando xa porque a España unificada coñece mal a sua propria historia, non quer entender nada que a suscetibilice e ofenda, e prefire contarse contos que a conforten ainda que a equivoquen. E como a Galiza forma parte desa España unificada dende hai tanto tempo, non poderá entender o seu pasado até que empregue tuda a enerxía e dilixencia en interpretalo con rigor, sen deixarse levar polo adoutrinamento e a tendenciosidade con que se contou a formación desa España constrinxida. Para viver o presente con xeito hai que saber como foi o pasado e abrir un futuro que non poderá ser nen como o pasado nen como o presente. É dicer, que terá que ser novo. Para que haxa evolución e adianto hai que imaxinar e até soñar o futuro, hai que construir un ideal, e non confundir esa construción do ideal coas imaxes deslavadas e vangloriosas do fantasmeiro que quer un presente mais cómodo para si e busca conforto en fanfurriñas e faramallas. Cando hai imaxinación do futuro e construción dun ideal, ese ideal pódese ir confrontando coa realidade. Cando non se constrúe un ideal e non se soña có que se fará no futuro, desbótanse os criterios e no canto deles actúan os automatismos herdados dunha historia ingrata e mal coñecida.
===================================== LINGUA E CULTURA
AFIRMACIÓNS DISCUTÍVEIS O galego é o pai do portugués Esta afirmación baséase na ideia de que a língua galega é anterior á portuguesa. Non é así. Unha e outra son posteriores, por camiños moi distintos, ao galaico-portugués. O galaico-portugués era a língua románica que se falaba nunha parte da península ibérica. Portugal independizouse da España unificada polos Reis Católicos e a Galiza quedou integrada no reino de Castela e León e por conseguinte nesa España unificada. O castelán virou pouco a pouco a língua predominante en todo o territorio da España unificada e o portugués seguiu vivindo e desenvolvéndose con normalidade en Portugal e depois nos países de lingua portuguesa, como o Brasil, Angola e Mozambique. Á parte do deplorável patriarcalismo que revela esa ideia do galego-pai con direito absoluto a mandar no portugués-fillo, revélase tamén un xeito de encarar os problemas “a la española” e de non querer admitir a realidade histórica. Sustituir a realidade con invencións vangloriosas e fantasiar o pasado para tornalo confortador é o pior que podía facer o galeguismo e o nacionalismo galego. No fundo desa ideia de que nos corresponde mandar no portugués porque o galego é mais vello está un sentimento inconsciente de superioridade que non pode vir mais que de crer que Portugal é inferior a España. Os nacionalistas galegos debían decidir se é iso o que pensan, ou se, sen ser talvez o que o pensan, é o que sinten. A historia ten moito peso, e non se pode contrarrestrar ese peso se non se corrixen as reaccións automáticas.
A língua galega evoluiu e evolúe con normalidade Ao ter quedado a Galiza formando parte do territorio que hoxe chamamos español, a língua galega foi perdendo forza e ficando arrincoada pola influencia do castelán, que virou a língua predominante dese territorio e do imperio español. A língua galega permaneceu durante moitos séculos isolada nos meios rurais e moi axiña só como língua falada sen apoio da escrita. Nen sequer como língua falada conservouse e evoluiu; mentres que o habitante do meio rural da Cataluña podía ir ao advogado ou ao médico e falar con eles en catalán, o habitante do meio rural da Galiza non podía facer iso en galego e tiña que aprender tudo ese vocabulario “profisional” en castelán, que era o que lle falaban. Así a língua falada foise empobrecendo día a día e perdendo recursos. Negar esa realidade apoiándose nunha falsa superioridade sería suicida e faría imposível recuperar a língua do país e dotala de recursos.
A língua galega perdeuse porque os pais deixaron de falar galego aos fillos Iso só sucedeu no final da Galiza rural isolada, é dicer, na segunda metade do século pasado, e non val para explicar a perda do galego, que ven de muito atrás. Cando nunha sociedade hai duas línguas e unha delas é a que se fala, escreve e estuda, esa será a língua predominante e a que todos quererán utilizar, porque é a que se necesita para tudo e a outra, sen esa, supón un obstáculo. Para os que quedaron falando galego na Galiza, que foron os que habitaban nas aldeias, o non saber castelán ou falalo con dificuldade foi un inmenso atranco, non só porque falar galego dese xeito era sinónimo de inculto, besta do monte e peizoco, senon tamén porque era como falar unha língua extranxeira nun país que tiña outra, que era o castelán. Axiña que os pais e os fillos puideron aprender a outra, fixérono igual que se fai nun país extranxeiro, onde a língua predominante é necesaria para viver e sobreviver. E aos habitantes da Galiza rural non lles tocaba defender e conservar aquela língua galega que os habitantes da Galiza urbana tan axiña abandonaran e por riba desprezaran. Os que decidiron que había que falar galego porque o galego era a língua da Galiza, é dicer, os galeguistas e os nacionalistas, fixérono cando eles xa tiñan a língua predominante, o castelán, e nunca se viron na situación de “extranxeiros” nen calificados de brutos por non saberen falar. Os galeguistas e nacionalistas que decidiron que falando aos fillos en galego se resolvía o problema verían có tempo, seguro, que os fillos querían falar a língua que falaban os amigos e na que facían os estudos. Iso é o que sucede cando se vai a un país extranxeiro que ten outra língua, que por moito que fagan os pais para ensinar a língua materna aos fillos, os fillos aprenderán e quererán utilizar a língua do país no que viven, e esa língua virará a deles ainda que a língua materna sexa outra. Está ben que moitos dos que queren loitar polo galego ou gostan de falar en galego escollan falar aos fillos en galego. Os fillos adquirirán con iso un coñecimento da língua que lles será útil. Pero nen eles nen os pais estarán na situación de inferioridade total na que estiveron os que quedaron falando o galego na Galiza sen saberen falar o castelán.
****************************************************** * MENTALIDADE CONTAXIADA
Urxe admitir o feito de que a Galiza leva moitos séculos formando parte da España unificada e sometida á uniformidade, e que é lóxico que a mentalidade dos habitantes da Galiza sexa igual ou moi semellante á dos outros habitantes desa España. A información que se recolle é a mesma e a interpretación da historia interior e do mundo exterior que se fai non se distingue ainda como debía.
Conviña recoñecer ese contaxio e remedialo. Non vai valer a pena repetir en galego o que din os meios de comunicación españois e copiar as interpretacións que fan eses meios, porque a mentalidade que se cría con iso é española e esa mentalidade estará mellor expresada en castelán. Se non se busca e potencia a personalidade da Galiza non será posíbel potenciar a língua galega. As distintas línguas expresan os distintos modos de entender o mundo. Se o mundo se entende e interpreta á maneira española, non haberá nada que expresar en galego e a língua non poderá adquirir a criatividade que tanto precisa.
|
|