|
|
Grupo
de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 5 Setembro 2004 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
|
SUMARIO ALICERCES NACIONALISTAS Activismo e pensamento Bagaxe intelectual EIVAS PATRIARCAIS A prostitución DIÁSPORA A Arxentina LINGUA Promoción Correctores
================================================-================================================ ALICERCES NACIONALISTAS
ACTIVISMO E PENSAMENTO
O nacionalismo galego non é unha causa que teña a simpatía natural dos que defende. “Nós temos confianza no povo e axiña o povo terá confianza en nós”. A segunda parte do lema non deu chegada aínda.
Os movimentos que defenden causas impopulares e difíceis son propensos a deformacións. Estar á defensiva cando as forzas defrontadas son moi desparellas cría exaxeros, ocultación de realidades incómodas e fantasías consoladoras. E iso da unha vantaxe a quen quer que todo siga como estaba.
Unha desas deformacións é a sobrevaloración do sacrificio. Non é doado manter o compromiso cunha causa ingrata. E seguramente que tampouco con causas máis gratas. As recompensas que oferecen as causas gratas e as ingratas son diferentes, pero sempre as hai. Desde as materiais até as psicolóxicas. As primeiras poden rematar en corrupción manifesta, son visíbeis e provocan condenación. As outras son máis sutís, conxelan e acorazan o pensamento e úsanse para xustificar todo. O pior disa ideoloxía do sacrificio, cando se espalla na imaxinación de dirixentes e militantes, é que couta a criatividade. E se nalgures é indispensábel a criatividade é nos movimentos a contracorrente, entre os que está o nacionalismo galego.
O activismo político ou social non pode dispensar do pensamento. Nen sequer se abondase no seio do nacionalismo o pensamento fecundo e dinámico, que non abonda, estaría de máis a reflexión miuda no quefacer diario, para evitar a militancia de autómatas.
Os movimentos anovadores –e o nacionalismo galego naceu para anovar– teñen que estar xustificándose a cada intre. Os que non son anovadores xa teñen ese traballo feito e poden descansarse na inercia e actuar de memoria.
O sacrificio non xustifica todo. E o que non pode xustificar nunca é o desleixamento intelectual.
BAGAXE INTELECTUAL
Nas crises recentes do nacionalismo partidário galego reveláronse algunhas fendas do edificio construido nas décadas anteriores.
No fundo da crise albiscouse unha ausencia de reflexión intelectual rigorosa. Iso é grave sempre, e pior ainda cando hai que responder aos que, canto mais lles falta a razón, mais se disfrazan de racionalismo.
O nacionalismo galego despontou no cadro dun descontento fondo coa realidade histórica, social e política da península no insatisfactorio estado a que tiña chegado, digamos, no século XIX. Por iso foi crítico, como tiña que ser, e con esa crítica ía subentendida a promesa dun porvir mellor para o povo galego, mais tamén a dunha aportación orixinal á civilización e até á Humanidade. O descontento é hoxe, moi visíbelmente, descontento coa governanza mundial. E aí ten que ir o nacionalismo galego alén das adesións automáticas ao que xa está dito e aportar outra perspectiva. É dicer, partir dun pensamento nacionalista para enfocar os problemas do mundo en vez de buscar acomodo vergoñoso na orde criada por outros intereses.
É fundamental para o nacionalismo ter algo distinto que dicer. E para dicilo hai que telo pensado.
Outros partidos poden descansarse en etiquetas ideolóxicas ben asentadas e na defensa de intereses que están moi craros. Un partido ou un frente político nacionalista ten que ter unha xustificación teórica ben pensada, ben artellada e en constante evolución. Cando non hai esa base intelectual, o partido convírtese nunha maquinaria eleitoral á que poden achegarse os que queran facer carreira política e non encaixen ben noutra parte ou atopen máis difícil ser aceitos. Unha formación así é excesivamente fráxil e está á mercé dos ventos que sopren e sometida a unha efemeridade cuase fatal. Na actuación real, diante dos problemas que se apresenten nas esferas en que funcionan nacionalistas que tal vez teñan poder de decisión ou influencia, eses nacionalistas terán solución mellores ou piores, pero poucas veces distintivas e que podan asentar nunha lóxica nacionalista. É dicer, que poderían ser aportadas por calquer outra formación. E iso pasa por non ter a base intelectual necesaria para poder decidir en cada momento o que é nacionalista e o que non é.
Disque se está cumplindo a ideia de Ramón Piñeiro de infundir “galeguismo” en todas as formacións políticas. Mais o que se infunde son símbolos inócuos e expresións vácuas. Non é nacionalismo, como é ben lóxico, poisque Piñeiro, por declaración propia ( e nisto ninguén pode dicer que foi enganado por ele), non era nacionalista. O que é revelador é que se poda afirmar que con esa apropiación de símbolos quedou baleiro o ideario nacionalista. Se pasou iso —e pode ter pasado—é porque non había esa base racional que tiña que haber.
Urxe iniciar a tarefa de revisar esa bagaxe que tan doado lle foi apropiar aos que non son nacionalistas e ver cáles son as ideas que a poden substituir. Hai sen dúbida un sentimento nacional na espreita de artellamento. Foi ese sentimento o que inspirou outrora iniciativas políticas e intelectuais de distinta fondura e magnitude, pero cuase sempre condicionadas polo momento histórico a que responderon. Haberá que aplicarlles unha peneira crítica, e, sobre todo, reprantexar a dimensión intelectual do sentimento nacional galego do noso tempo.
=====================================
EIVAS PATRIARCAIS
A PROSTITUCIÓN
Non sempre é posíbel solucionar os problemas da sociedade con intervención estatal e lexislación. Menos ainda cando eses problemas son consecuencia directa do sistema que rexe esa sociedade. Pasado o tempo, a solución que parece progresista nun momento determinado pode sorprender pola falta de entendimento e sensibilidade que denota e resultar simplista, egoísta, comodista e até ridícula. Aquel “reparto das mulleres” que tan igualitario parecía a algúns, agora revela sexismo e simplismo; aquela crencia “romántica”, que tanta aceitación tivo hai algúns anos, de que a represión sexual non existiría se todos andivésemos como os bois no monte e os pais pasearan encoiros diante dos fillos, se hoxe se exercitase consideraríase abuso sexual en moitos dos lugares mais adiantados; e as actuacións mais desumanizadoras parecen naturais cando son o que todos fan e nen se cuestionan.
As duas solucións á prostitución que se están discutindo nestes momentos non van solucionar nada. Pensar que é posíbel abolir a prostitución é como pensar que se pode abolir a pobreza por decreto. Pobreza e prostitución terían que desaparecer do mundo, pero non se poden abolir, como non se poden abolir as guerras. Poderán suprimirse “as casas”, pero non os burdelos de nenos e nenas nen outras formas de prostitución menos controlábeis. E a solución de legalizala tampouco pode aplicarse mais que ás “casas” e a algunhas prostitutas autónomas e deixa fóra as formas mais crueis e desumanas da “industria”.
O primeiro que compre facer con eses problemas criados pola propia sociedade é sensibilizarse. Podería ser útil para unha campaña de sensibilización recordar os seguintes feitos:
*Os homes e as mulleres que se dedican á prostitución son seres segregados da sociedade, cós que a xente normal non fala, aos que ninguén invitaría á sua casa, cós que ninguén quer ser visto; son de caste inferior e o que fan é tan despreciábel que non hai redención posíbel. Os clientes, en cámbio, poden facer o mesmo sen virar despreciábeis, porque son de caste superior. Cando a prostitución está perseguida, a quen se persigue é á prostituta, non ao cliente. E cando se aplican medidas “hixiénicas” non se aplican ao consumidor.
*Os que se dedican á prostitución fanno empurrados polas circunstancias (falta de meios económicos, desemprego, adición a drogas, fuxida da casa paterna por maus tratos, doenza mental e psicolóxica e falta total de autoestima, causada as mais das veces por abuso sexual na familia e incesto). Ninguén se prostitúe por gosto.
*A pobreza leva á prostitución; os pais venden moitas veces ás fillas (e ás veces aos fillos) ou as obrigan a prostituirse para manter á familia.
*A droga e a prostitución van cuase sempre xuntas. Os que compran mulleres novas, nenos e nenas, ou os raptan ou enganan para dedicalos á prostitución, empezan por viralos adictos ás drogas.
*A prostitución non responde a unha necesidade. Responde a unha fantasía. O que exixe o cliente é que lle fagan crer que é atractivo, que o outro ou a outra faga o traballo todo e finxa gosto e pracer para sentirse el superior. Por iso a relación sexual normal non poderá sustituila nunca. O cliente paga para facer o que el quer con outro ser humano. Paga para humillar e anular a outro ser humano. Ainda cando non hai sadismo físico e tortura, como tantas veces hai, hai sempre afirmación de superioridade innata e abuso de poder.
*Ao que mais se asemella a prostitución é a escravitude. E compre lembrar que a escravitude foi abolida por lei xa hai tempo en varios países, pero segue existindo no mundo en proporcións das que non queremos enteirarnos.
*A prostitución foi sempre a maneira “relixiosa” de ensinar aos varóns “para o que val a muller”, é dicer, de fomentar o desprezo á muller.
*A prostitución é un mercado de menores e de xente nova, dos dous sexos, para que os “vellos” podan humillalos e facerlles ver que non son nada.
*A “industria” da prostitución é unha das que produce mais diñeiro, e está vencellada ás outras industrias mais poderosas do mundo de hoxe, que son a das drogas, a dos armamentos (as guerras producen pobreza e a pobreza produce prostitución), a das empresas de fármacos e medicamentos, e a do turismo.
=================================================
DIÁSPORA
A ARXENTINA Entristece a imaxe da Arxentina que se atopa na prensa galega destes últimos tempos. A crise económica daquel país provoca por unha banda o espíritu de superioridade ignorante, e pola outra un receio da chegada de “retornados” dun país do “terceiro mundo”. Até ouvimos falar de país “tropical”.
Non era así noutro tempo. A Galiza tiña un contacto estreito e un coñecimento apreciativo da Arxentina. Para moitos que alá tiñan familia, amigos e veciños era a imaxe do progreso e a democracia. Moitos emigrantes galegos da Galiza fonda e rural viron atónitos por primeira vez a luz eléctrica e os elevadores no Bos Aires de antes da guerra do 14. Aquela era a primeira grande cidade que vían, e moitas veces a primeira cidade, porque das galegas só foran a Vigo para embarcar.
Nos anos da aposguerra española, os anos “da fame”, as familias que tiñan parentes na Arxentina recibían dalá pacotes de comida. E non só de comida: ademáis dos tarros de delicioso extracto de carne viñan revistas, entre elas o Billiken no que nos educamos algúns de nós. Todo un mundo civilizado e civil, que fixo que para moitos houbera e haxa ainda un “imaxinario” onde podíamos atopar un amigo en Corrientes ou en Florida, ainda que nunca andivéramos por esas rúas.
A outra imaxe, a da ignorancia colonial, por chamarlle dalgún xeito, era a que con sorpresa viamos os galegos noutras terras peninsulares. Agora a imaxe da Arxentina na Galiza está, como tantas outras cousas, esborrada e sustituida pola cultura espúria dos meios de Madrid. Até a forma desa designación lamentábel de “sudacas” ven de fóra. Os nosos parentes non eran iso e ninguén lles chamaba mais nada que o “tío de Bos Aires” ou “o sobriño de Comodoro Rivadavia”.
Habería que recuperar a ideia de que a diáspora é unha realidade bilateral. Non se trata só de que os que emigraron ou os seus descendentes volten, como se tivesen que recoñecer que se equivocaron ( coa conseguinte satisfacción dos que ficaron na terra), senon de que entendamos e apreciemos o país no que desenvolveron as suas vidas tantos galegos e que moitas veces lles ofereceu as posibilidades de desenvolvimento humán que o de orixen non lles daba. Aínda hoxe, con crise ou sin ela, algúns galegos que visitamos Bos Aires encontramos un nivel de educación e formación envexábel e moi superior ao de moitos países de Europa. Houbo e segue habendo moito que aprender daló. =============================================== LINGUA
PROMOCIÓN DO GALEGO ESCRITO
A língua galega non poderá conservarse no futuro se non se alenta o galego escrito. E non se está alentando. A obsesión coa oficialización e a normativización e, principalmente, o uso forzado dunha língua que, por razóns políticas, históricas e sociais, a maioría dos habitantes da Galiza rexeita, leva a que non se faga nada por cultivala có cuidado e a atención que precisa.
Sería moito mais fecundo deixarse de oficializacións áridas e tesas que destragan a língua mais ainda do que xa está destragada e que non poderán nunca darlle a criatividade da que ten falta, e fomentar e alentar que se escreva e se leia en galego. E non se está facendo
Os livros son un producto para o que hai que criar un mercado. Otorgar algunha subvención a algunha editorial para que publique algún livro en galego non abonda, e nen sequer contribúe a resolver o problema senon que mais ben o tapa. Calquer livro en calquera língua precisa non só que haxa quen o publique, senon tamén quen o distribúa e, sobretudo, quen o promocione. Sen promoción, o livro en galego e os escritores en galego non terán nen a mínima oportunidade de que alguén os leia e eses livros quedarán arrincoados nas livrarías como obxetos que ninguén quer e que ainda por cima estorban.
Sen ese fomento do galego escrito que é esencial para a supervivencia da língua, os únicos escritores galegos que terán algún público serán os que publican en castelán, ou tamén en castelán. E serán coñecidos porque se lles fai a promoción que precisan.
A situación tal como está agora é a pior que podía haber para quen escreva en galego, que sabe que ninguén vai ler o que escreva mesmo porque está en galego. Polo menos nos tempos da aposguerra, cando empezaron as publicacións de Galaxia, por exemplo, os escritores líanse os uns aos outros e había algún leitor interesado; agora, nen iso hai, e correspóndelle boa parte da culpa desa lamentábel situación á ideoloxía que imperou no galeguismo e o nacionalismo, que levou a simplificar os problemas todos e a tapar os ollos para non ver a realidade.
Decidiuse, cun descoñecimento histórico e unha insensibilidade notábel, que o problema da língua galega estaba facilísimo de resolver porque os habitantes da Galiza quererían falala e escrevela exclusivamente axiña que se lles permitise facelo, e para iso abondaba con impor o galego no ensino e oficializar o seu uso. Non sucedeu así, senon todo o contrário, porque con esa actitude impositiva aumentou o ódio ao galego que xa había antes. Houbo autoritarismo de mais e pedagoxía de menos, e iso habería que empezar a correxilo.
****************************************************** * |
|