|
|
Grupo
de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 4 Xulio 2004 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
|
SUMARIO EUROPA Puntualizacións EIVAS PATRIARCAIS Patriarcalismo e discriminación por idade CONSTITUCIÓN Soberanismos ALICERCES NACIONALISTAS Nacionalismo e governanza
================================================-================================================ EUROPA Puntualizacións
Nas fumaradas de incenso con que se está glorificando a ideoloxía da Unión Europea sóltanse conceitos ou conceitoides que non resisten a confrontación coa realidade. Eis algúns deles:
● A desaparición das fronteiras é unha bendizón da que non disfrutaríamos se non fose pola estructura federal da Unión Europea. Iso din, pero hai que ter unha memoria histórica moi curta para non lembrar que antes da primeira guerra mundial (ben chamada tamén Guerra Europea) viaxábase sen pasaporte pola maior parte do continente, ou entre os seus estados máis civilizados (porque xa había civilización). Perdeuse esa liberdade por obra dos nosos avós ou bisavós europeus, e para recuperala abondaba con ter boa vontade e decidir facelo, sen necesidade de criar un espacio político único. Os viciños poden ser bos viciños sen morar na mesma casa. Morar na mesma casa é seguramente a millor maneira de acabar coas boas relacións.
● A Unión Europea é un contrapeso ao poder dos Estados Unidos de América. Estamos esquecendo que o interés dos EE UU por ter un mercado amplo e simplificado no vello continente, incluso se tiña componentes pouco democráticos, foi factor decisivo do proxecto de nivelación europea. E tamén de importancia estratéxica evidente para frear o comunismo, tanto o procedente dunha expansión territorial da Unión Soviética como o dos partidos comunistas europeos. Sen o Plan Marshall non tería sido posível o Plan Monnet-Schumann. E aínda hoxe seguen vivas, en diferentes formas, todas esas motivacións. Para a economía dos Estados Unidos e para os proxectos globalizadores das multinacionais, a existencia da Unión Europea é o millor que pode suceder. Haberá quen argumente que para eles sería millor o simples mercado común sen unha estructura política común. Quen se adentre un pouco nas relacións do capital có poder verá logo que non é así.
● A Unión Europea é a millor esperanza da esquerda política. Vese que a esquerda ten que agarrarse a un cravo ardendo, se a isto chegou. A pouco que se analice, verase que o que fixo a UE foi ir criando pouco a pouco unhas condicións sociais enganosas para poder caracterizar como ideolóxica ou utópica toda aspiración alleia á lóxica do mercado. E canto máis grande o mercado, máis esmagador das aspiracións da esquerda. O instrumento político en cada nación para esa operación foi, fundamentalmente, a socialdemocracia. A “compra” das siglas de partidos socialistas tradicionais foi moito máis eficaz que utilizar os partidos que levan unha carga histórica de valores considerados de “direita”. A burguesía benpensante e con poucas ganas de sacrificio atopou o seu lugar máis cómodo e gratificante votando a esas terceiras vías que, mesmo porque non se apresentaban como direita senon mais ben como esquerda, podían facilitar o que nen a direita se atrevía a facer .
● O nacionalismo é de extrema direita. Outra excomunión que demoniza a quen non comungue cós artigos da fe da UE e que aos nacionalistas galegos debía darlles moito que pensar. A Unión é un feito imposto, ás veces por chantaxe emocional, outras por chantaxe económico e outras por un determinismo de fondo relixioso que leva a cair na inevitabilidade. No fondo, é incompatibel coa lóxica fundamental da diversidade que alenta o nacionalismo. Haberá que navegar dentro desa realidade, como se navegou sempre contra corrente o millor posibel, pero o que non se pode facer desde o nacionalismo é loubala nen cantala como se fose a panacea na que van encontrar solución os nosos problemas de sempre. Entre os inimigos da diversidade criadora está ese xacobinismo autoritario que inspira tantos aspectos da UE.
● Europa é antiimperialista. No imperialismo de hoxe, que é sobretudo económico, Europa non renuncia a explotar recursos do resto do mundo. A competencia entre empresas europeas e empresas estadounidenses no chamado terceiro mundo non é un combate entre imperialistas e antiimperialistas, senon unha prova de forza entre conglomerados de capital. Os intereses petroleiros da Elf francesa non son máis antiimperialistas que os da Texaco. E se alguén dubida que aínda hai luta por esferas de influencia, debe atender, por exemplo, ao que pasa nos países francófonos da África Occidental, ou en Haití.
Non hai piores imperalistas que os imperialistas que se finxen arrepentidos por raiva de que alguén lles pasara diante.
=====================================
EIVAS PATRIARCAIS PATRIARCALISMO E DISCRIMINACIÓN POR IDADE
PATRIARCALISMO E DISCRIMINACIÓN POR IDADE
O patriarcalismo, ese sistema de control que rexe as nosas vidas xa dende que nacemos na familia patriarcal, funciona impondo a autoridade xerárquica, a desigualdade e a discriminación en todas as esferas.
Nestes momentos hai conciencia nas sociedades occidentais de algunhas das discriminacións mais aparatosas do réxime patriarcal, como poden ser a sexual, a lingüística ou a social. Nengunha delas está vencida nen estará mentres dure o sistema, porque éste se encarga de que continúen dunha maneira ou doutra. E son moitas ainda as que quedan por desencovar e denunciar.
Unha das piores discriminacións que impón o sistema patriarcal, e que ainda está sen estudar, é a discriminación por idade que nos vira a todos carga inútil e peso morto na sociedade axiña que chega a idade do “retiro” O tal retiro é, na realidade, un arrincoamento que o sistema precisa para funcionar ben e que non ten base real nengunha. Os efeitos do envellecimento están pouco estudados e non se distingue ben o que é doenza do que depende da idade, pero cada vez constátase mais que as faculdades mentais se perden por falta de uso e se acrescentan canto mais se usen. A comprovación recente de que estudar un idioma extranxeiro contribúe nas persoas maiores a que conserven e até aumenten as faculdades vai nese sentido. Hai un erro fundamental no noso entendimento das “idades da vida” e a prova é que todos vemos cómo varía según a época e o país no que vivamos. Hoxendía nos países industrializados os sesenta anos de idade son equivalentes aos coarenta de hai unhas décadas. E decerto que canto mais patriarcalizada esté unha sociedade, mais se practicará a discriminación por idade, como sucede na Galiza en particular.
A discriminación por idade ten un efeito degradante na sociedade. O “retiro” só pode vir coa morte e o outro retiro é unha morte prematura imposta polo sistema patriarcal, que obriga a aceitar cargas inxustas e pesos mortos. O de que “os vellos” estén destinados a ser carga inútil e peso morto é un dos alicerces do sistema, para ter aos fillos, e sobretudo ás fillas e ás mulleres en xeral, prendidos e sen poder acadar nunca a liberdade que é precisa para que cadaquén realice o seu potencial humán.
O sistema patriarcal fomenta o culto aos vellos, ainda que os trate mal, para asentar a dependencia. Promover a independencia de todos, vellos e novos, sería o único que mudaría a sociedade radicalmente e na Galiza esa é a tarefa mais urxente que compre acometer. =================================================
CONSTITUCIÓN SOBERANISMOS
“Soberanismo” e “soberanista” son termos que se están utilizando para desprestixiar os nacionalismos das nacións sen estado. Como se utilizaba outrora “separatismo” ou “arredismo”.
A intención con que se usan eses termos é a de negarlle base democrática ás aspiración nacionais deses povos. O povo é soberano –dise-, o poder xurde da soberanía popular, e o povo pode darse unha Constitución. Todo iso parece moi ben cando o povo está definido e delimitado por un poder que xa está constituido cando o proceso constitucional comeza. Le peuple ou la nation por antonomasia, naquel momento definidor da contemporaneidade que foi a Revolución Francesa, foi o dos ex-súbditos de Luis XVI, sen distincións nen perguntas; ninguén chamou a outros para a Asambleia Constituinte. E no proceso constituinte de 1978, os redactores da Constitución –por non chamarlles autores- sabían que había outros povos diferenciados, pero tiveron cuidado de non chamarlles así, e encaixáronos no recurso das comunidades autónomas. Porque nunca se dixera na tradición liberal, á que con tanta presa se convertiran cuase todos aqueles redactores, que o poder emana das comunidades. Habería que dar un pasiño máis e recoñecer que se había comunidades que merecían tratamento especial era porque había povos.
Se o povo é soberano, pode acontecer no correr da historia que un povo se defina ou tome conciencia de sí e, por imperativo democrático, teña que darse forma política axeitada.
Non se pode santificar e perpetuar a soberanía dun povo en conxunto sen a dos povos que nele se xuntan ou conviven. Nen se pode conxelar a historia lexitimando só unha estructura vella de cinco séculos.
Ser soberanista é ser demócrata, e desprezar a soberanía é o mellor camiño para rematar na tiranía. \=============================================== ALICERCES NACIONALISTAS NACIONALISMO E GOVERNANZA As estructuras autoritarias teñen sempre grandes ventaxas para os que queren reducir a política a xogos politicalleiros, a “tocar poder” e repartiren postiños. O que non queren eses politiqueiros é ter que levar á práctica o que predican. O deles é a retórica e a farfallada, sen teren que governar de verdade. O de que mande Bruxelas e o de que non se poda facer nada en esfera nengunha porque Bruxelas “non deixa” é unha bendizón para os amantes do autoritarismo, que o que menos queren é responsabilizarse de nada e ter que dar contas do que fan ou non fan.
E resulta algo preocupante que ao nacionalismo galego non pareza que lle cause inquedanza este asunto, e se contente con aceitar o que mandan as autoridades. Polo momento soa millor, ou é máis aceitábel, ter as autoridades en Bruxelas que en Madrid, mas tempos chegarán (e non están moi lonxe) en que se lles pedirá aos políticos nacionalistas que expliquen cáles poderán ser as ventaxas de que manden esas autoridades lonxanas e pouco democráticas. ¿Será que así e máis doada a desculpa para non facer nada e non ter que governar?
Se ser nacionalista galego consiste fundamentalmente en crer que Galiza debe ter governo propio e proxecto político particular para resolver os seus problemas, iso é incompatíbel con deixar que a governen outros. E ese é un dilema que haberá que defrontar con sinceridade, sen tapar os ollos para non velo.
Triste sería que o nacionalismo se centrase en se nos deixan usar ás veces a língua galega nalgunhas institucións supraestatais, ainda que sexa en tosca traducción á máquina, ou se nos deixan figurar como comparsas nun filme que non responde aos nosos intereses. O nacionalismo tería que centrarse sempre, tanto se governa como se non, na governanza da Galiza en todos os seus aspectos, é dicer, en como resolver os problemas do país e desenvolver o seu singular potencial.
****************************************************** ******************************************************
|
|