Grupo de Traballo Galego

 

 

Grupo de Traballo Galego

de Londres

 

Boletín

Cuarta época

Número 32

                                                                  Xaneiro 2008

                          gtg@aol.com

 

     

 

Presentazón

A nosa historia

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Eivas patriarcais

Europa

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

Publicamos neste número a novena das cartas do libro

O atraso psicolóxico da Galiza: Cartas a Emilia Pardo Bazán,

 orixinal de Teresa Barro. Pulse

CARTA IX

Para as cartas anteriores:

CARTA VIII

CARTA VII

CARTA VI

CARTA V

CARTA IV

CARTA III

CARTA II

 CARTA I,

======================================

ELECCIÓNS

 Según vai chegando a data das eleccións para o Parlamento de Madrid, vaise vendo mais clara a fraxilidade política e intelectual do galeguismo. Unha renovación do mandato socialista, que probabelmente non iría acompañada dun aumento de escanos do BNG, deixaría mais patente o desequilibrio intrínseco do bipartito galego. Xa é triste de seu que haxa que pensar nos resultados das eleccións do Estado en termos de quén será o mais proclive a aceptar propostas do Executivo galego. Perpetúase así a dependencia caciquil, que é, de cantas eivas sinalou por varias xeracións a crítica galeguista, a que mais remanece. Lendo a literatura das Irmandades ou  “O Problema Político de Galiza” de Vicente Risco, pódese pensar que moitas daquelas eivas xa non corresponden coa actualidade, pero a chave do caciquismo, que é a facilidade de acceso para favores ás autoridades de Madrid, segue tan viva hoxe como hai oitenta anos.

 O BNG sofreu no bipartito o deterioro de todo partido gobernante, sobre todo cando toca poder en condicións cuase de carambola. Compre perguntar qué gañou en troques. Si se responde que certa normalización social, retrucaráselle que foi a custo de perda de discurso e doutrina. As eleccións que se aveciñan e as autonómicas que virán depois encontran un galeguismo que nada avanzou nen aprendeu, en termos de pensamento de base, desde o anterior ciclo electoral. Se o nacionalismo político existente e en parte gobernante non sabe o que quer, terán fácil contrincante as forzas contrarias. Non se lle pode marcar o paso á historia. As oportunidades e os problemas apreséntanse cando se apresentan e hai que estar preparados para poñerlles cara. E para estar preparados sempre hai que estar pensando sempre.

===========================================================

OFERTA CULTURAL

 O medo de non estar á altura do que acontece no mundo, tradicional no galeguismo, levou a que, agora que xa é doado enteirarse do mundo e da cultura como noticia e mais nada, pensemos que xa non hai mais que facer. É dicer, que trunfaron os interesados en promover o consumismo a escala mundial, co conseguinte abandono do esforzo intelectual de cada un.

 Nunha Galiza “institucionalizada” como é a do réxime autonómico, hai, sen dúbida, mais oferta cultural que antes. Mais espectáculos aos que asistir, mais música que ouvir, mais conferencias. Esta situación nun país que, para renacer, tería tanto que pensar, pode ser nefasta. A criación e a crítica quedan moi limitadas. Os escritores, por temor de non chegar á mundialización, autocensúranse e ollan mais que nunca a Madrid, que sofre do mesmo mal, coa diferencia de ter mais base histórica. A escolla dos temas, a filigrana estilística como proba de que se está á moda, o temor a desafinar no coro da avangarda ou do posmoderno, afastan cada vez mais a posibilidade de levar ao público unha visión nova ou unha inspiración que estimule e axude o pensamento e o sentimento. O remedio contra a influencia que chega de fóra e que cada vez é mais unitaria porque responde aos imperativos do mercado, só podía atoparse na forza da creación propia. Esa era e segue sendo a aspiración dos nacionalismos que non sexan primitivos, e a que os xustifica no verdadeiro progreso da humanidade. 

A abundancia de oferta cultural non molesta a ninguen que teña poder. Vira doadamente os “circenses” dun mundo duro de sentimentos e autoritario de pensamento, que necesita entreter e adormecer a quen puidera ousar criticalo de raíz.  

            Non hai por que pecharse ao que ven de fóra, pero hai que ter en conta que o espazo mundial multiplica a presión do consumismo e do capitalismo cego. Chega xa, decátemonos ou non, cun sesgo anticrítico e interesado. Non é que teña que haber censura, pero ten que haber xuízo, e para iso precísase unha disciplina intelectual que non ven sen esforzo. 

Convén non equiparar oferta cultural e vida intelectual. Presumir de que na Galiza hai unha oferta cultural comparábel á de moitos países non pode ser pretexto para non ver que a vida intelectual, ou sexa, a aportación de pensamento nacido de vidas consagradas á dificil procura da verdade e a beleza, é ainda moi precaria.

==========================================================

MEMORIA HISTÓRICA

 

Está ben o de facer un repaso dun episodio histórico lamentábel para inserir un pouco de xusticia onde tanta inxusticia houbo. 

Porén, non parece que se fixese moito ainda para ver de aclarar alguns aspectos dese episodio que, aclarados, serían os que permitirían ir saíndo do malestar que sementou e das maneiras de pensar e de facer que deixou cravadas na sociedade española (e a galega non é excepción). 

Francisco Franco aseverou que deixaba todo “atado y bien atado”. A realidade parece demostrar que non falaba por falar. 

¿Qué era o que tanto se temía que a Segunda República mudase en España? ¿Sería que non se quería unha España con auténtica actividade intelectual e na que o sistema de ensino non entorpecera as faculdades humanas?  

            ¿Quén armou de verdade a Guerra Civil e quén buscou e apoiou a Francisco Franco?

            ¿Non da que pensar que, pasados tantos anos desde a morte do dictador, siga sendo protagonista da política a Igrexa católica ou a xerarquía dela? ¿Non se dera por feito que cos novos tempos da Transición a influencia desa igrexa deixaría de contar na política? 

            Para asimilar a historia, tanto individual como colectiva, non abonda con ter datos. Hai que interpretalos.

===========================================================

RECOMENDACIÓNS

Para ver Viento de Marzo. Hojas de pensamiento aireado pulse www.vientodemarzo.co.uk

Biografías de membros do GTG en http://www.barrobarreiro.blogspot.com

 

 

     

 

            Presentazón | A nosa historia | Números anteriores |Alicerces nacionalistas | Diáspora | Eivas patriarcais |Europa | Lingua | Textos varios | Ligazóns |

Para perguntas ou comentarios poden dirixirse ao Webmaster: fiallega@grupotraballogalego.uk.net

Copyright 2003 Grupo de Traballo Galego de Londres