|
|
Grupo
de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 3 Junio 2004 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
|
SUMARIO O PENSAMENTO ÚNICO EUROPEO LINGUA E CULTURA O cultivo das linguas A perda do respeito Unha escolla radical PRECISIÓNS O vicio da pedichonería
----------------------------------------------------------------- O PENSAMENTO ÚNICO EUROPEO
Ampliouse a Unión Europea. Un paso máis á frente na imposición dun proxecto amañado no cumio das clases políticas e apresentado como se fose a marcha inexorábel da historia, imparábel e indiscutíbel. Ao servizo desa apresentación está o enorme aparello dos medios e as técnicas da publicidade, que chega a todas partes, desde os anuncios de xornal até as leccións universitarias e os programas de música sinfónica. Ou sexa, os instrumentos cós que, según nos din para outros proxectos, se cria o pensamento único. O que sorprende é que este pensamento único non sexa criticado pola esquerda de hoxe, e até lle agrade. Seique lle parece menos imperial que o outro do que tanto e con tanta monotonía se queixa. Haberá algunha razón fonda para que así sexa, ou será que moitos se deixaron engaiolar por unha retórica que disfarza de progresismo e pacifismo o uniformismo intelectual e político? É dicer, o que sempre se chamou totalitarismo.
Sempre se dixo que a xenialidade de Jean Monnet, o pai e inspirador desa Europa Unida, estivera en ir criando realidades económicas de base, que irían xerando institucións políticas cada vez máis supraestatais. Así poido parecer durante algún tempo, aínda que houbese quen achaba sospeitoso que esas realidades foran as da grande industria e non as dos povos ou, cando menos, os sindicatos. Como quera que fose, non sucesivos cumios e tratados con nomes de cidades europeas (Mastrique, Niza, etc.) foise armando cada vez máis unha Europa feita “por riba”, na que contan sobre todo os intereses estratéxicos e de poder dos estados tradicionais. E iso non concorda có que foi apresentado como se fose o resultado dun exame de conciencia dos europeos arrependidos de violencias e guerras. A verdade é que á lóxica dese proxecto é a do tamaño e a forza. Por iso deberíalles agradar aos que lles agrada a unificación dos Reis Católicos. Para os nacionalistas galegos sería aconsellábel a desconfianza.
Os feitos hai que aceptalos. Galiza terá que moverse nesta realidade que agora lle crían, como antes lle criaron outras. Pero daí a loubala e crer que estamos dispensados de pensar noutros futuros vai moita diferencia. Toda a que hai entre o verdadeiro pensamento e o pensamento único.
===================================== [O Grupo de Traballo Galego xa amosara escepticismo a repeito do federalismo europeo no número de xulio de 1980 do seu Boletín (epo2no5.htm)] *********************************************
LINGUA E CULTURA
O cultivo das linguas
Na situación en que está hoxe a língua galega aquela ideia que imperaba antes, de que a maneira de defender esa língua era falala e escrevila exclusivamente, e non falar nen escrever para nada en castelán, xa non ten sentido. O único valor que pode ter esa ideia é simbólico, mas na práctica está demostrado que non val para defender a língua e que cría confusión. Hai moito, moitísimo que esclarecer neste asunto, mais compre resaltar que nestes momentos lése en galego moito menos do que se lía antes, sexa cal sexa o número de publicacións, e que sería moi útil que na Galiza se cultivase o castelán ben falado e ben escrito e o galego o mellor falado e escrito que fose posíbel. O que non pode ser é que se fale e se escreva unha mestura lamentábel das duas línguas e que non se respeite nengunha delas. Quen ama unha língua pode amar outras; quen non fai por cultivar nengunha estará contente champurrando e destragando todas, e por moito que acredite que está defendendo a língua do país, estará contribuindo á sua destrucción.
Na Galiza segue habendo o problema de que os galegos non queren de verdade falar a língua galega, e ese problema non se solucionou nen ensinando o galego nas escolas, nen usándoo nos documentos públicos, nen falando aos fillos en galego como moitos pensaron que se solucionaba. E isto significa que non se atendeu á raíz do problema e non se quixeron analizar as causas.
O estrago das linguas todas
No fondo dese castelán galeguizado que se fala e escreve hoxe na Galiza dicindo que é galego hai unha grande falta de respeito polas línguas todas e de coñecimento do que hai detrás de cada unha delas, de cómo se forman e do que significan. A facilidade, condescendencia e indulxencia con que se deixou que se falase e escrevese como língua galega unha mescla sen vocabulario, fonética, sintaxe nen entoación galega levou a que se pense que calquer outra língua se pode destragar igual que esa. Hai nos galegos un grave problema afectivo, social e práctico con respeito á língua. Nesas condicións é sempre posíbel inventar algo que se pode disfarzar de língua pero que carece por completo da forza criadora que leva a que unha sociedade invente formas e modos de dicer propios. O que resulta diso nen sequer é dialecto, porque carece do sentimento afectivo que impulsa aos dialectos e do uso preferencial que destes se fai na língua falada.
Ese estrago que se fixo coa língua galega levou a pensar que se pode facer o mesmo con todas as linguas. Mas o portugués, o castelán e o inglés, por citar as línguas que mais se destragan na Galiza, existen en condicións óptimas no mundo, fálanse e escrévense con normalidade en moitos países nos que son a língua principal, a que se aprende no berce e nunca se esquece nen se desbota, e fálanse e escrévense en moitos níveis moi distintos, a algúns dos cuais non se chega sen moito estudo, moita peneira, moito cultivo e moito cuidado. Cando os galegos falan a alguén de língua portuguesa en “galego” e queren crer que están falando na mesma língua, non se decatan de que os de língua portuguesa cren que están falando en castelán ou todo o mais en “portuñol”. E cando teñen o atrevimento de escrever en “inglés”, porque pensan que o saben, non se decatan de que aquilo non é inglés nen cousa que se lle pareza, e que o inglés non se pode amañar como se amañou iso que chaman “galego”.
Sería un adianto proporse non destragar nengunha língua, e menos a galega, e aprender a respeitalas e a respeitar o que hai detrás de todas elas.
Escolla radical
O que mais precisa a língua galega é o cultivo cuidadoso por cadaquén. Non abondan os esforzos institucionais. E non se pode cuidar ben de nada se non se ten un ideal ou un padrón, se non se sabe o que se quer e se calquer cousa vai valer.
Unha lingua viva ten que ter criatividade no seu uso diario e corrente. Cando unha língua non ten criatividade está xa morta ou a un dedo de morrer. A lingua galega non tivo desenvolvimento durante moitos séculos e portanto habería que facer todo o posíbel por acadalo. E non se poderá acadar se non se empeza por recoñecer que está en pésimas condicións por falta de cuidados. A língua galega precisa moita dilixencia e desvelo, moita peneira e moito escoitar aos poucos que aínda a falan algo ben sen que ninguén lles mande; e tamén aos que falan portugués, porque o portugués é o galego tal como tería evoluido se a Galiza non tivese quedado esquecida e arrincoada na penosa historia da península ibérica. As frases e expresións que están entrando na lingua veñen do castelán ou son anglicismos que chegan de segunda mán porque pasan primeiro polo castelán tamén. O que non pode ser é que o “desenvolvimento” da língua galega sexa en castelán e que se faga un remexido innobre das duas línguas que non val para nada.
A língua escrita precisa moito mais cultivo e moitos mais cuidados dos que ten agora. Habería que promocionala debidamente, recoñecer que se non hai escritores en galego (entendendo por escritores non só os literatos senón cantos manexan a lingua escrita para fins diversos e cotiáns) a língua non poderá evoluir, porque eles son os que fan a língua escrita, e non pensar que con que se escreva niso que se chama galego nos documentos oficiais vai abondar para que o galego reviva e sexa querido e aceitado. Se non se toma a serio que o galego falado e escrito precisa moito cultivo cuidadoso de todos os que o usen e non se lle da ese cultivo, haberá que pensar se non será mellor deixar ir a língua, polo menos até que veñan outras xeracións mais dispostas a facer o traballo. Contrariamente ao que se dixo moitas veces, a Galiza ten singularidade abondo para non precisar língua propia. Podería ser quen é sen esa língua. E esa é unha opción que hai que prantexarse. Porque, ou se decide que hai que cultivar a lingua debidamente e facer o traballo preciso para que esté en condicións óptimas, ou será mellor renunciar a ela. Mellor iso que destragala.
PRECISIÓNS O vicio da pedichonería
O vicio da pedichonería tería que ser erradicado da Galiza, porque indica desánimo e espíritu de dependencia. Na Galiza o tecido de dependencia psicolóxica está tan ben engranzado que non se vai poder desfacelo mais que aprendendo como se arma e promove, e negándose a contribuir a que se engrance ainda mais. A pedichonería e o victimismo son drogas psicolóxicas que se insiren e amañan nos sistemas autoritarios, para que ninguén quera saír da dependencia. Na Galiza tanto é o desánimo e tanta é a dependencia psicolóxica que xa parece que estamos prestes a conformarnos con que os políticos fagan xestos e amostren talantes. Como cando os das clases “humildes” conformábanse con que os señores os saudasen, para que recoñecesen polo menos que existían.
***************************************************** |
|