|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 29 Setembro 2007 gtg@aol.com
|
|
|
A nosa historia
|
Publicamos neste número a séptima das cartas do libro O atraso psicolóxico da Galiza: Cartas a Emilia Pardo Bazán, orixinal de Teresa Barro. Pulse Para as cartas anteriores:
====================================================================== EMIGRACIÓN PATRIARCAL
Este vaise y aquél vaise, e todos, todos se van; Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tés, en cambio, orfos e orfas e campos de soledad, e nais que non teñen fillos e fillos que non tén pais. E tés corazóns que sufren longas ausencias mortás, viudas de vivos e mortos que ninguén consolará.
Os poetas descobren verdades e din con agudeza breve e exacta as formas e os fondos que xurden na vida. As palabras de Rosalia usáronse para criar un mito da emigración galega no que os “malos” eran os que marchaban e as víctimas deles –non da sociedade-- os que quedaban. Non era esa a intención de Rosalia, que falou con profundidade de corazóns nos que pesa o temor a empezar vida en países descoñecidos e o medo ao fracaso e nos que tamén hai a esperanza de sair da miseria material e espiritual. Compre perguntar por qué as mulleres quedaban no país e só marchaban os homes. Non parece que fose esa a maneira habitual de emigrar de outros países. Nas migracións máis fortes de habitantes de países de Europa (os de Alemania, Suecia, Italia, Irlanda) a América o habitual era que marchara a familia inteira. ¿Qué sucedeu na Galiza? ¿Sería que as mulleres non podían marchar porque tiñan que quedar a cuidar dos pais? Iso sería unha indicación máis da estructura inmensamente patriarcal da Galiza e de até qué ponto foi paralizadora do dinamismo. Cando emigraba a familia toda, muller, home e fillos, había que ollar para o futuro sen remedio e concentrarse por completo en construir unha nova vida. Cando marchaba o home solo, quedaba prendido no que deixara atrás, material e psicolóxicamente; era como ir á guerra, pero por riba tendo que soster á familia que quedara na Galiza e tendo que demostrar desde o primeiro momento da chegada ao país novo que estaba trunfando. O medo ao país novo non era nada comparado có medo ao desprezo no país vello. Na forma que colleu a emigración galega destaca o duro patriarcalismo da sociedade galega e a falta de oportunidades cara ao futuro que a caracteriza. Ese patriarcalismo volve a xurdir claramente na interpretación que se fixo no galeguismo, sobretudo o da aposguerra, da emigración como sangría, como pecado imperdoábel e como un dos piores males da Galiza. Nalgunhas das versións máis influintes dese galeguismo, o emigrante era un home ávido de diñeiro que traizoaba á familia e ao país marchando a facer noutro o que podía e debía ter feito no dele. Os que quedaban, en cambio, que podían ter marchado a facer diñeiro, eran herois sacrificados e comprometidos có seu país e coa familia na que naceran. Nesa versión tendenciosa e patriarcal esquécense dous feitos importantes: que os que marchaban non ían ter dentro as oportunidades que buscaban fóra e que mesmo porque non podían ter esas oportunidades era polo que marchaban; e que os que quedaban era porque non tiñan gana nengunha de marchar a enfrentarse coa loita que supón facer vida nun país alleo e que non facían sacrificio nengún. Para o que valeu o mito que se criou con esa interpretación da emigración foi para estabelecer o control supremo que se exerce coa práctica da piedade filial (un dos pilares do sistema patriarcal) e para que o posto de mando non puidera estar nunca na Galiza da emigración senon dentro do país (é decir, nos “vellos”, outro dos pilares do sistema patriarcal). Isto probouse claramente cando os galeguistas “de dentro” decidiron, en pleno franquismo, que os da emigración non contaban e que os únicos que sabían da Galiza e podían falar dela eran os de dentro. Os de fóra quedaron expulsados, seguindo o molde patriarcal, e os de dentro quedaron esperando pola “mellora” que lles correspondía como bós fillos. E o pior de tudo é que esa mentalidade fondamente patriarcal aínda siga predominando e facendo ver as cousas ao revés.
=====================================================================
A PROTECCIÓN DOS RICOS
Critícase nos países chamados democráticos que noutros países, na China como tal, as operacións que fan os bancos estén respaldadas polo Estado e non se deixe que todo funcione según o mercado “libre”. Non se critica, en cambio, que cando, como sucedeu agora, os excesos capitalistas dos hedge funds ou dos sub-prime markets e demais prácticas de casino ameazan con derrumbar as moedas e as bolsas principais, os gobernos interveñan e se imprima máis diñeiro para que os ricos non sufran e os pasivos consumidores non paren de consumir. Hai quen califica esa práctica de “socialismo dos ricos”, porque quen paga os excesos dos ricos son os contribuintes. Na ideoloxía fanática do “mercado libre”, o que non se pode facer é usar o diñeiro dos contribuintes para o ben público. Só se pode usar para o ben privado. É dicer, que o Estado só pode protexer aos ricos. E chaman a iso “liberdade”.
======================================================================
UN DILEMA QUE HAI QUE RESOLVER
É unha cuestión de tempos. Os povos que tiveron atrancos no seu desenvolvimento non poden escoller cándo entrar no mundo das oportunidades. Tárdase en chegar e cando se chega hai que poñerse á tarefa coas cousas como están. Isto sementa de pesadelos as noites dos nacionalistas galegos que esperaron a ocasión de ver medrar os xermolos dunha aportación orixinal ao mundo da política e do intelecto. Ese nacionalismo non pode quedar satisfeito cunha realidade político-administrativa sen máis. Sempre soubo que esta facía falta, pero como medio para algo máis que a multiplicación reproductiva dunha cultura política xa en crise en todas partes. O afán de estar á altura dos tempos leva a fomentar unha imitación sen crítica das modas na capital tradicional do poder do que se xulgaba terse emancipado, que, na súa vez, reproduce unha cultura homoxeneizada polos dictados do capitalismo moderno, moi consciente do valor das chamadas artes para criar consumidores. A arte queda esmagada por esas artes. Hai pouco abriuselle por vez primeira unha porta ao nacionalismo galego. Pretextando que a crenza nunha esencia sen realizar é un mito que hai que sustituir polo mergullamento no tempo, non se produce nada que valga a pena. Ou xurde un pensamento radical capaz de superar esa situación ou o pesadelo rematará por afogar os anceios do galeguismo universal. ====================================================================== PONENCIA NA UNIVERSIDADE DE STIRLING (ESCOCIA) Para ver o texto da ponencia sobre Galiza na política internacional, apresentada por Fernando Pérez-Barreiro Nolla nas xornadas que, có titulo de "A galaxia explicada: cultura galega en diálogo" se celebraron no Centro de Estudos Galegos, do que é Director Craig Patterson, na Universidade de Stirling os días 7 e 8 de xuño de 2007, pulse no enlace seguinte: Making an impact on international relations: A Galician perspective ====================================================================== RECOMENDACIÓNS Para ver Viento de Marzo. Hojas de pensamiento aireado pulse www.vientodemarzo.net
|
|
Presentazón | A nosa historia | Números anteriores |Alicerces nacionalistas | Diáspora | Eivas patriarcais |Europa | Lingua | Textos varios | Ligazóns |
Para perguntas ou comentarios poden dirixirse ao Webmaster: fiallega@grupotraballogalego.uk.net
Copyright 2003 Grupo de Traballo Galego de Londres