|
|
Grupo
de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 2 Abril 2004 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
|
SUMARIO ALICERCES DO NACIONALISMO Orixinalidade e criatividade LINGUA E CULTURA Historias diferentes: Galiza e Cataluña PRECISIÓNS Patrioteirismo constitucional Manipulación das emocións ----------------------------------------------------------------- ALICERCES DO NACIONALISMO
Orixinalidade e criatividade Poderase prescindir de moitas cousas no galeguismo, pero cando menos haberá que crer na singularidade e na criatividade da Galiza. Din algúns que iso é unha forma de esencialismo e que o esencialismo é reaccionario. O fundamental sería, según eses desprezadores do esencialismo, ter un programa de futuro, unha imaxinación do porvir, que sería máis progresista. Pero nen o esencialismo leva a ningures se non se fai nada por desenvolver as esencias, nen o futurismo tampouco sen recoñecer dende o comezo que hai algo que desenvolver, un xermolo que ven da historia, pero non só da historia.
A Galiza ten unha personalidade moi orixinal que aínda non se desenvolveu. Albíscase esa orixinalidade por montes e fontes, aínda que polo de agora estexa latente e sen realizar.
Non é doado manter ese lume nas condicións históricas da península ibérica. O sorprendente é que non se teña apagado. Non veñen os atrancos só da história remota, senón tamén da mais próxima. Non hai que enganarse: a autonomía outorgada polo Estatuto de 1978, que algúns pensaron que fomentaría aquela criatividade orixinal, trouxo unha españolización social, pisocolóxica e lingüística moi forte.
A única maneira de que todo iso non sexa un proceso irresistíbel (e cuase nada é irresistíbel na historia) é defrontalo sen medo e admitindo os feitos sociais e psicolóxicos tais como son e non como quixéramos que fosen. A orixinalidade hai que cultivala para que dé en algo que valga a pena. E para cultivala haberá primeiro que tirarlle as máscaras que van camiño de acañala para sempre.
***************************************************
LINGUA E CULTURA
Historias diferentes: Galiza e Cataluña O xeito en que se amañaron as autonomías no seu momento levou a un erro grave, que tivo e ten consecuencias funestas para Galiza e a sua língua. Ese erro consistiu en crer, ou querer crer, que os problemas da Galiza eran os mesmos que os de Cataluña, ou moi semellantes, e que a situación da língua galega era equiparábel á da catalá. Pensábase daquela, e seguramente séguese pensando agora, que a única diferencia estaba en que en Cataluña a língua fora mantida e defendida pola clase media do país, e que na Galiza non tiña sido así.
Non é moi atinada esa interpretación da historia dos dous países, Galiza e Cataluña, que foi moi distinta para cada un deles, a pesares de teren formado parte os dous da España unificada. A coroa de Aragón e o Principado de Cataluña non quedaron xunguidos a Castela coa mesma precariedade institucional e social con que quedou a Galiza, que, ademáis, foi separada do país có que compartía a língua, que era Portugal. Un Portugal que, na mentalidade que se foi criando nos que quedaron formando parte de España, foi ollado como “fillo ingrato” e “erro histórico”, para desprezalo e aldraxalo nunha España que non aturaba ningún anceio de independenza na península, e que despois quedou resentida tamén pola independenza das colonias de ultramar, coas que cortóu vencellos por motivacións máis de comichón psicolóxica que de razoamento político.
E esa é unha história que hai que ter moi en conta cando se pensa na relación da Galiza con España, moi distinta da de Cataluña, e nos problemas da língua galega, que non se asemellan en nada aos da catalá. Na Galiza existe un problema social e emocional coa língua galega, que ven da sua historia e que non se pode resolver sen un bon entendimento desa historia, e unha reflexión que exixe moita sensibilidade e moito tento.
PRECISIÓNS
Patrioteirismo constitucional Anda polos medios de comunicación e as declaracións públicas o conceito de patriotismo constitucional. Parece que ese patriotismo vai ser a panacea que virá curar os males do Estado español e que ten a ventaxa de sustituir ao patriotismo sen mais, que soa a vellotería superada e, ademáis, podería ser invocado por comunidades das que se desconfía.
Por ese camiño críase un dogma que, como todos ou cuase todos, é incompatíbel coa democracia e a liberdade. A Constitución é un instrumento da democracia, non un dogma revelado que sirva para abafar o debate. As constitucións fanse para ser modificadas, e até por iso hai que serlles leais mentras non se modifiquen. Pensar que non se poden mudar é fundamentalismo.
É característica dos fundamentalismos e os integrismos ir levando o inalterábel ou sagrado a niveis cada vez máis concretos, e decretar o que hai que comer, o que hai que ler e o que hai que pensar. Resultaría agora que hai un dogma de cómo arranxar ou dispor unha realidade política. Pero esas cousas teñen que estar no nivel do discutíbel nunha democracia. Debatir, concertar e cumplir o concertado é o camiño do progreso.
A Constitución non pode ser un sustituto da patria. Se non hai máis a que agarrarse que ese texto legal, por moito que se lle dé ás veces o pretencioso e inexacto nome de Carta Magna, vese que estamos diante dunha realidade artificial. E tanto se acaba na “patriotada” có pintoresquismo tradicional como coa constitución sacralizada.
Manipulación das emocións
Chama a atención que teña sido un catastrófico atentado o que fixo virar de sentido o pronóstico eleitoral do pasado marzo. Se o eleitorado quería desfacerse dun governo que entrara na guerra contra a vontade do povo, no debía ter sido necesario ese sanguento aviso. O feito de que ese mesmo terríbel acontecimento tería valido para apoiar ao governo, como éste ben sabía, se o terrorismo fose interno, demostra o fácil que é manipular as emocións.
Outra catástrofe, a do Prestige, non encontrou reflexo nun maior voto nacionalista. Talvez tería sido millor non deixarse levar polo victimismo e propor alternativas para resolver un problema de solución tan dificil como é o desas catástrofes nas que xogan tantos factores e intereses nacionais e internacionais. E un deses factores, non nos enganemos, e que ninguén quere pagar mais pola gasolina e andar menos en automóvil.
Como queira que sexa, pesan mais do que debían as vagas emocionais, que son sempre transitorias e pouco fiábeis, en perxuicio da análise constructiva.
***************************************************** |
|