Grupo de Traballo Galego

de Londres

 

Boletín

Cuarta época

Número 18

                                                                 Xaneiro 2006

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 


SUMARIO

 

INTELECTUAIS E CANS DE GARDA

NON SE ENTENDE...

ARTE E NOVELA

OS AMOS DO PENSAMENTO

CRITERIOS

TAPAR O PAÍS

 

================================================-================================================

 

INTELECTUAIS E CANS DE GARDA

 

Non se lé moito agora a Julien Benda. E ben viría ter á vista  aquel encirrado livro seu de 1927 que se chama La trahison des clercs, a treizón dos letrados, ou dos intelectuais.

Sen concorrer en todas as críticas de Benda aos clercs, interesa agora unha metáfora moi axeitada que emprega na sua diatriba.

Os clercs son o que chamaríamos os intelectuais. E dí Benda que unha das funcións do intelectual é loitar contra os cans de garda do palacio. E que ese deber foi un dos que os intelectuais treizoaron, ao seren cómplices e instigadores de moitos desaforos da vida pública  do século XX: os que xa se cometeran en 1927 e, proféticamente, os que estaban por vir.

O palacio que gardan os cans é o do poder, o de todos os poderes, que sen a ollada constante e a advertencia crítica da razón e do espíritu corren, como a auga ao val, camiño do desaforo.

 O can de palacio é un nome millor e máis expresivo para o que hoxe se chama o intelectual orgánico. O  pensamento ten un prestixio tradicional e unhas maneiras propias de expresarse. Ese prestixio e esas maneiras poden ser moi úteis para todos os poderes que precisan encobrirse de respeitabilidade. E entra o profesional das formas do intelecto, o pensador orgánico que reformula, na linguaxe aparente do intelecto, as volicións do seu padriño.  Por iso é tan importante para o intelectual orgánico estar ao tanto de cómo se fala nos medios do pensamento, empregar os cacoetes das teorías de moda, a apresentar os programas e os credos como asentados no millor pensar do día. Iso tranquiliza ás conciencias, a do amo, con certeza, pero tamén a do intelectual. Fan pensar que quen fala como intelectual e está ao día non se equivoca.

Algún pensamento progresista acusou ao intelectual de fuxir do compromiso e viver nunha torre de marfín, pero o intelectual de verdade non vive nunha torre de marfín. Ao contrario, ten que aturar a intemperie, porque non está acobillado na caseta que o amo lle pon ás portas de palacio, e que pode ser ben amantiña. Si se compromete con algo ten que ser que non supoña treizón. ¿Treizón a qué? ¿Fidelidade a qué? Semella que ten que ser a algo moi fundamental. Non pode ser a un programa de partido, e menos aínda á evolución dese programa no decorrer cotiá da vida política. Terá que ser ás ideas que non son ideolóxicas. Ousemos falar de verdade e de beleza, sen medo ás grandes palabras. A fidelidade do intelectual non pode ser mais que a unha verdade que non violente a liberdade. Iso é o que anda por tras do imperativo kantiano e tamén da  veritas liberavit vos formulada desde unha perspectiva ideolóxica ben diferente.

O asunto non é banal, pois que o debate intelectual é necesario. Fai falta una vixilia que protexa do sectarismo e da fidelidade incondicional a unhacausa”. Son moi fondas as raíces de dependencia psicolóxica que levan a unha adhesión sen condicións que libere do penoso esforzo de pensar. Iso por unha banda; pola outra, son moitos os medios económicos que teñen as forzas organizadas para pagar a quen as espalle de xeito que pareza intelectual. As consecuencias individuais e sociais de treizoar á verdade están claras abondo.

Ocorre que a carón da treizón dos intelectuais hai tamén a dos espirituais, da que non tratou Benda, pero que hai que ter en conta. Porque se o intelectual pode fomentar o xacobinismo, o espiritual pode fomentar a barbarie. Asunto para outra vez.

 ======================================

NON SE ENTENDE…

 Non se entende que os mesmos que tanto insisten na unidade de España e sosteñen que esa unidade sagrada quebra si se impulsa a diversidade dos países que a forman, non apliquen ese criterio no caso de Rusia e Ucrania.

 Eses mesmos fanáticos da “unidade” son igual de fanáticos do direito á “liberdade” e á “democracia” dos ucranianos, ainda que esa liberdade e democracia sexan mais ben un reparto do país entre as poderosas mafias que o queren para elas. Habería que explicar por qué os criterios que se aplican nun caso son os contrarios do que se aplican no outro

E non se entende tampouco que, nese mundo occidental que quer impor democracia e liberdade en todas partes e que mesmo por iso veda o sistema comunista, se estexa poupando, engoumando e dando vado a ese país comunista que é a China. ¿Será porque o que de verdade interesa é o trunfo do capitalismo e non da democracia, e que o ideal sería que en todas partes se impuxese o capitalismo, como na China, coa forza absoluta dun sistema autoritario? Habería que explicar por qué hai que deslouvar a Rusia e a Cuba, e aloumiñar en troques a China.

 =======================================

 

ARTE E NOVELA

 

Vai resultar que ese xénero literario que é a novela, que mesmo se dubidou moitas veces que fose literatura, é o único que ten valor e que agora non se vai poder ser escritor sen publicar polo menos unha novela

A presión comercial está detrás diso nestes momentos, como está detrás de todo. A novela pode venderse máis polo que teña de pasatempo e entretenimento. Non é que isto sexa despreciábel de seu, e hai excelentes novelas-pasatempo, como as de aventuras ou as policiacas. Mas cando se trata dunha literatura como a galega, habería que ter criterios moi claros do que é útil para o país porque ten valor intrínseco e do que non ten valor nengun mais que o de responder á moda do momento.

 A literatura como arte, non como pasatempo, ten, como toda arte, a forza da visión espiritual e da interpretación de esencias e existencias que se pode conseguir con moito traballo. Esa forza é a que un país necesita para entenderse a sí propio e desenvolver a sua identidade mais profunda e valiosa. Galiza pouco sería se non fose por Rosalia, Curros, Pondal e os demais poetas e escritores que souberon darlle voz e sentido.

 Criación artística que nos ensine a ver, sentir e entender, e pensamento que nos leve por camiños intelixentes e fecundos é o que mais falta fai nestes momentos. Para facer unha novela galega que valese a pena habería que ter unha capacidade case sobrehumana de virar interesante e complexa unha sociedade apagada e morna como é a galega. Semellaría que para que saian boas novelas nun país, ese país ten que ter unha sociedade matizada e animada, con criterios, carácter, ideas e ideais. En España a novela contemporánea en xeral é insípida e egocéntrica, un exercicio de redacción feito con mais ou menos talento que non inflúe en nada porque non aporta visión de nengun tipo e non cría personaxes vivos que queden na memoria. Talvez porque unha sociedade tan conformista e negadora de realidades como a española non pode ser interesante. E a sociedade galega de agora, que imita en todo á española, non ten alento nen complexidade por estar mergullada nesa cobiza informe, pasiva e enfastiada que a caracteriza.

 ======================================

 OS AMOS DO PENSAMENTO

 Os paísesricos” da Unión Europea pagarán a modernización dos do Leste para que logo se privatice todo o que eles pagaran e podan facer grandes negocios os amos do pensamento e os que aspiran a ser amos. Desta vez xa nen falta fai un Plan Marshall. Pagarán o negocio e sofrirán as consecuencias os cidadáns de “Europa”. E a burla será completa.

  =======================================

CRITERIOS

 Despois de tanta experiencia amarga da historia, despois de tanta revolución e tanta reacción, semella que habería que ter moito tino na escolla de ideas-forza que podan impulsar reformas e que sirvan para avaliar o progreso que éstas acaden. O ben común, a xusticia social, son ideas úteis pero que poden admitir doadamente desviacións sofísticas. E pior ainda as de contido político mais explícito e sistemático, como democracia ou república. Valería a pena partir dunha idea de garantía de cuidado físico e intelectual de todo ser humán e desenvolvimento do seu potencial. A idea é tan simple e lóxica que se pode combater, como sempre se fixo, con dogmas,  ideoloxías e xerarquías divinizadas. Partindo dese ponto de vista podíanse abordar problemas como o das cárregas sociais, a demografía e o meio ambiente. E se cadra podíamos así descansar de conceitos moi destragados como os de socialismo, socialdemocracia, comunismo, anarquía e confesionalismo relixioso. Os criterios teñen unha vantaxe que non teñen os dogmas, que é a de teren que demostrar a sua validez en todo momento. Non confundir os criterios cos dogmas, nen os dogmas cos valores, sería un bon adianto.

 ====================================

TAPAR O PAÍS

 O que mais debía incomodar desa bandeira que chantou no Orzán o alcalde de A Coruña non é que sexa unha bandeira española, senon que mais unha vez os galegos se deixen levar por ese vicio psicolóxico de aproveitar calqueira superficie para chantar algo nela e destragalo todo. Ven sendo un acto de afirmación como os “Biba llo” que se ven nas paredes e nas rochas, é dicer, revela egocentrismo ineducado e falta de respeito e de entendimento do país. Os galegos sen sensibilidade (que son os mais ou os que mandan, infelizmente) queren tapar Galiza, igual que nas sociedades mais fanáticas e atrasadas tapan ás mulleres para que non “ofendan”.

 

 

 

 

 =================================================

 ===============================================

===============================================