Grupo de Traballo Galego

de Londres

 

Boletín

Cuarta época

Número 15

                                                                   Setembro 2005

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Páxina de início

A nosa historia

Boletín en curso

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Lingua

Textos varios

Ligazóns

 

 


SUMARIO

 

O GOVERNO AMIGO

XESTOS PARITARIOS

ENFOQUES ERRADOS DA TRADUCCIÓN

NACIONALISMO E PENSAMENTO

================================================-================================================

 

O GOVERNO AMIGO

 

É lamentábel que se siga empregando no discurso político o conceito de “governo amigo”. É unha vergoña admitir e celebrar a vella eiva do sucursalismo e de que toda a virtualidade política dos líderes galegos asenta na sua capacidade de influir no único que parece que importa, que é o governo central. 

Revélase tamén nese conceito un mal entendemento radical do que son as autonomías, e xa non digamos o federalismo. En calquer estado federal, o que o governo federal mais teme e mais ten que respeitar é que nalgún membro da federación governe outro partido. Se Bavaria estivese governada polo partido de Schröder que governa en Berlín, o presidente bávaro, Stoiber, non tería nen metade da forza que ten. Está claro que non se poden defender os intereses dun país autónomo pedichoneando para todo ao governo central. Se houbese, como debía haber, unha cámara federal, algunhas desas autonomías estarían na oposición. E a oposición é fundamental na democracia.

 A actitude que se agacha detrás dese conceito do governo amigo era noxenta cando a utilizaba a direita, e ainda é mais noxenta cando a utiliza, implícita ou explícitamente, a esquerda. E compre non esquecer que o governo amigo hoxe é amigo dun dos socios da nova Xunta. Así estamos, como sempre, nunha situación de dependencia real disfrazada de autonomismo.

 

 =================================================

 

XESTOS PARITARIOS

 

O da paridade no xénero estará ben ou estará mal, pero ou se fai en todos os níveis ou, se non, é un simple xesto. Si se apresenta como principio rexo de igualdade, tería que aplicarse en todo. O que non val para nada, mais que para facer propaganda enganosa, é apresentar paridade nas listas electorais para parecer progresistas e logo, á hora do reparto, detela no nivel dos titulares de consellerías, e non deixala pasar ao nivel seguinte, nen para baixo nen para riba,  sobretudo nos postos de mais mando, que son os de presidente e vicepresidente.

 Renunciar ao xesto e procurar a sustancia sería bo sinal de inicio dun camiño progresista de verdade.  

 

 ==============================================

 

ENFOQUES ERRADOS DA TRADUCCIÓN

 

Como semella que se empeza a falar de traducir obras literarias ao galego en grandes cantidades e até de traducir do galego ao inglés, sería útil reflexionar un pouco sobre cuestións de traducción e do que sucede cando duas línguas entran en contacto e hai que pasar dunha a outra.

 Pensar que calquera que “saiba” un idioma pode traducir é unha crencia que revela un descoñecimento profundo do proceso de adquisición e desenvolvimento das línguas. Infelizmente, esa crencia é a que impera no estado español, onde as grandes editoras están prestes a gastar cantidades inmensas de cartos en mercar direitos de autor da literatura extranxeira e aforran o mais que poden na traducción desas obras ao idioma castelán. E iso fanno porque non se da importancia ningunha á traducción e se pensa que a fai calquera. O resultado é un corpo de literatura en xeral mal traducido, que espalla ideas erradas e que inflúe na língua castelá empobrecéndoa e enchéndoa de vulgaridades.

 O primeiro que hai que entender é que traducir consiste en escribir, e que non se pode traducir sen saber escribir ben no idioma ao que se traduce. O traductor é un escritor. Nunha época na que no estado español non se ensina a escribir en ningunha das fases do ensino, é moi posíbel pasar por todas esas fases, incluso a universitaria, e chegar aos cúmios das profesións sen saber puntuar nen escribir medianamente ben. Iso fai que sexa moi difícil que no estado español haxa quen poda traducir ben, porque hai moi poucos que saiban escribir ben. Galiza non é unha excepción.

 Nen escribir nen traducir son tarefas que se podan “industrializar” en ningún nivel, e menos cando se trata de obras literarias, porque a esencia desas tarefas é a calidade, non a cantidade. Esa é a razón de que en outros países se traduza moito menos pero se acolla cada traducción dunha obra importante con grande interés e se comparen as traduccións dunha mesma obra literaria como se comparan as distintas interpretacións dunha obra musical.

 Canto ás traduccións do galego ao inglés, compre perguntar quen vai facer esas hipotéticas traduccións. É un feito coñecido (ainda que non sempre admitido cando imperan os intereses comerciais) que se pode traducir ben á língua principal de cadaquén, porque é a única na que se poden ter os recursos necesarios para o labor de traducir, e que esa língua principal non sempre coincide coa lingua materna en sentido literal.  En principio, ningún galego e ningún español poden traducir unha obra literaria ao inglés, e tampouco pode traducila un “nativo” calquera da língua inglesa. Ten que ser alguén cuxa língua principal sexa o inglés, que teña sensibilidade literaria, saiba escribir ben e poda traducir, ou sexa interpretar un texto como se fose unha partitura musical e comunicalo ao público, e tamén que teña gana de facelo.  

Valería mais, para empezar, fomentar o aprecio e a valoración da arte de traducir, e insistir en que non é igual unha traducción que outra, que hai que aprender a distinguir entre elas, e que hai traduccións excelentes, boas, medianas, malas e pésimas. Mentres se siga pensando que calquera pode traducir e que tanto ten unha tradución coma outra, cantas menos traduccións se fagan, mellor, porque a traducción que non é boa destraga a língua e rechume a sensibilidade.

 

=============================================== 

 

NACIONALISMO E PENSAMENTO

 

Hai que ter moi presente que o cambio de cór política da Xunta de Galicia se da nun marco que non é o mellor para o país. Non podía ser de outro xeito, porque a política ten os seus tempos e os seus ritmos. Pero o perigo está en que se subordinen a eses ritmos as tarefas do pensamento e a atención ás correntes sociais mais fondas. O país muda sempre mais que os governos, e adiántase nas suas demandas ao que os governos poden oferecer. Bon exemplo foi o da práctica desaparición da sociedade rural tradicional e a sustitución por unha sociedade urbá que non tivo refrexo nas políticas concretas, que nen influiron nese proceso nen lle deron canle. Mais grave ainda é que tampouco atopara refrexo esa mudanza no pensamento e no ideario do nacionalismo. Os nacionalismos teñen que estar sempre atentos á evolución da nazón. Non pode ser que tanto lle teñan uns cambios como outros. O medo a ser acusado de esencialismo non xustifica que se deixe o curso dos acontecementos ao que parece azar pero non o é, senon que é resultado de decisións para as que o país non é consultado.

 Todo iso non é exclusivo da Galiza. É un problema político agudizado no mundo de hoxe en todos os países, que atinxe a conceitos fundamentais da teoría política. 

Ante o perigo de deixarnos levar, o nacionalismo ten que ousar acudir a pensamentos, ás veces tradicionais, pero que están afastados do debate por intereses de minorías poderosas. Poden ser o do ben común ou a das virtudes políticas, por exemplo. Coa independencia mental que lle ven da sua aparente marxinalidade, o nacionalismo galego tería que ser capaz de artellar pensamento político talvez impopular nas aulas e nos medios, pero necesario e útil non só para o noso país, senon para o mundo.

 Esa sería a maneira de contrarrestar o pensamento único, que non se impón polo que ten de pensamento, senon pola forza material que o fai único.

 

  

===================================================

===================================================