|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 14 Agosto 2005 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
7
|
CAMBIO ? EUFEMISMOS CUESTIÓNS ÉTICAS: O TERRORISMO CATALÁNS E GALEGOS A UNIÓN EUROPEA DE ESCAPARATE VULGARIDADES DE IMPORTACIÓN PROPAGANDA ENGANOSA ================================================-================================================
CAMBIO?
O problema dos cambios politicos, sobre todo dos que tardan en chegar, é que despertan esperanzas difíceis de cumplir e que poden causar desilusións. Compre, xa que logo, ser prudentes. Hai que manter a esperanza, pero non abandonar a análise incesante do que vaia pasando. Acaba de haber un cambio de cor política na composición da Xunta de Galiza. Pero hai duas cousas fundamentais que non cambian: a estructura económica, social, política e, sobre todo, mental do país; e o marco institucional no que se da o cambio. No marco institucional, hai que recoñecer que, desde o punto de vista nacionalista, non son satisfactorios de todo nen o Estatuto nen a Constitución. Xa se fala nos medios de comunicación e opinión de que non é urxente a reforma do Estatuto (e non digamos da Constitución), aducindo que os problemas que preocupan son os da economía “inmediata”. Semella ás veces que o materialismo histórico veu aniñar nos sectores sociais máis conservadores. O socialismo, encarnado na filial galega do PSOE, e o nacionalismo, encarnado nun avatar do BNG, son as dúas referencias ideolóxicas, por chamarlles así, que cabería esperar que inspiren as liñas mestras da política do novo goberno. O que hoxe chaman socialismo, ou sexa, a socialdemocracia europea, poucas esperanzas de cambio fondo pode inspirar. A coincidencia do sector dominante da nova Xunta e un “goberno amigo” en Madrid, non é ideal para a afirmación nacional, e nen siquera para a protección dos intereses galegos, se nos guiamos por experiencias acedas do pasado. E o BNG, no poder por primeira vez, corre o risco de desilusionar, cuase inevitabel nesas circunstancias. As duas bandas do bipartito van ter que recurrir a iso que chaman pragmatismo, que é mortal para a política criadora. E sen criación, pode ser que non haxa socialismo, pero seguro que non hai nacionalismo. ===================================================
EUFEMISMOS
Se agora non se pode falar de suspensos, senon que teñen que ser “éxitos aplazados”, moi axiña veremos que o desemprego virará “emprego aplazado”, a doenza “saúde aplazada” e a pobreza “riqueza aplazada”. ¿Políticamente correcto ou a hipocrisía de sempre? =================================================== CUESTIÓNS ÉTICAS O TERRORISMO
A cuestión é se hai direito a usar a morte para conseguir o que se pensa que hai que conseguir, que pode ser un obxetivo político, a destrucción da “decadencia occidental” ou calquer outro motivo ou causa, ou se ese direito non o pode ter ninguén en nome de nada. O direito á vida é unha cuestión demasiado seria e radical, mesmo porque violar ese direito non ten marcha atrás, como para que algunhas veces poda habelo e outras non, según o que a un lle agrade ou lle simpatice mais e según quen o faga ou según a causa pola que se mate. Se o que se cré é que ninguén ten direito a suprimir a vida dun ser humán, entón non se pode desculpar nen a pena de morte nen o de matar xente con bombas, sexa cal sexa o motivo. O uso do terror como arma de protesta ou para impor unha crencia determinada é inaceptábel para todos os que crean no direito a viver en liberdade e con independencia, poisque esa implantación do terror non só corta a posibilidade de viver en paz e decidir a propia vida, senon que leva a que haxa que invalidar liberdades políticas e civís. A guerra tamén ten eses efeitos, pero polo menos nas guerras hai protagonistas definidos, certas convencións mais ou menos respeitadas e tribunais internacionais que poden exixir responsabilidades. Hai un direito internacional da guerra e non hai, nen pode haber, un direito internacional do terrorismo. O pior do terrorismo é que é anónimo ainda cando unha causa ou un grupo reivindica o atentado, e que polo tanto non se sabe quen o manexa de verdade nen sobretudo quen o paga. E tamén o fai inaceptábel para quen crea na liberdade e na xustiza o feito de que usa sempre, para facer o “traballo”, xente nova e fácil de fanatizar e de enganar, mentres os que manexan aos novos e os mandan a morrer permanecen ocultos e seguen vivos. Hai nisto unha conexión clara có patriarcalismo e có uso abusivo dos novos polos de mais idade. Mais a protesta contra os terroristas perde forza e autoridade ética cando se mestura coa protesta contra unha causa política e social e coa simpatía ou antipatía por algo ou por alguén. A direita segue coas incoerencias éticas que sempre a caracterizaron e usa a “moral” para defender a sua conveniencia. E a progresía de esquerda segue sen querer enteirarse de nada e preferindo pensar que todo se soluciona con etiquetas que lle deixen a conciencia tranquila. Esquerda e direita seguen dividindo o mundo en santos e demos, atendendo somentes a intereses ruins e usando coartadas morais fatueiras e malamañadas. Non sería tan fácil como é iniciar guerras nen facer terrorismo se non abondara tanto como abonda o fanatismo pasivo, é dicer, a mentalidade fanática que leva a defender por principio aos “nosos”, fagan o que fagan, e a atacar aos outros, fagan tamén o que fagan. Ese fanatismo pasivo non analisa nen quer analisar, porque así pode tapar os ollos, os ouvidos, a mente e o corazón a realidades e verdades que non encaixan no que se decide crer. E por iso unha das mellores cousas que se podería facer para acabar coas guerras e cós terrorismos sería cultivar a análise de todo o que sucede e deixar de facer esas clasificacións que poñen a todos automáticamente no bando dos bos ou dos maus según a música que se toque. Hai que aplicar as mesmas pautas e as mesmas razóns a amigos e inimigos. Ter amigos e inimigos non está mal, e tampouco está mal preferir uns a outros. O que está mal é aplicar pautas distintas, porque con iso se sementa inxustiza. =================================================== CATALÁNS E GALEGOS
Unha diferencia fundamental entre a Catalunya e a Galiza é que os cataláns parece que prefiren facer algo a pedilo, e os galegos non. Os galegos (incluidos os nacionalistas) piden. Piden que lles den isto ou outro, pero todo depende sempre dos demais. Todo é pasivo. Non semella que queran algo distinto, como queren os cataláns, que teñen ideas propias sobre como tiña que ser o seu país. E se os galegos non pensan e cultivan proxectos propios e confórmanse con seren como os demais e faceren o que os demais fan, Galiza, chámese ou non nazón no papel, non poderá realizar a sua personalidade nen acadar o seu potencial. Sair da pasividade mental e do conformismo emocional, e idear proxectos orixinais para a Galiza, debía ser a tarefa na que os galeguistas e os nacionalistas galegos terían que pór empeño. Parte fundamental deses proxectos tería que ser aprender a cultivar o propio. Os cataláns cultivan o propio e saben que ese cultivo non consiste en presumir do que se ten, senon en oferecer oportunidades, recoñecer méritos e animar talentos. Os galegos temos que aprender a facer ese cultivo porque, sen cultivo e con pasividade, non é que non haxa nada, senon que o que medra e espesa é a bouza e a silveira e remátase facendo o que, desafortunadamente, tantas veces se fai na sociedade galega: cercear oportunidades, esmagar talentos e non deixar que nada nen ninguén medre debidamente. =================================================== A UNIÓN EUROPEA DE ESCAPARATE Os que mandan na Unión Europea decidiron que non pode ser que os habitantes dese paraíso non estén contentos e até se atrevan a votar que non ao que se lles propón, e chegaron á conclusión de que o único que pasa é que a “presentación” non foi boa abondo e que non se lles explicou ben a marabilla que supón ese proxecto. Créanse, pois, para remediar ese problema de presentación, unha chea de postos moi ben pagados (có diñeiro dos contribuíntes) de propagandistas que se dedicarán a contar o ben que vai todo ainda que cada vez vaia pior. =================================================== VULGARIDADE DE IMPORTACIÓN Os que falamos e escrebemos a língua galega debíamos cuidala un pouco mais e non deixar que entraran as madrileñadas do momento e as vulgaridades de sempre. Na língua galega non se debía “pasar” disto ou daquilo, nen “apostar” por unha persona ou unha cousa, nen “vender” unha idea. Todo iso tómase de outras línguas, nas que tampouco son mais que vulgaridades. E na língua galega non pode haber “gilipollas” nen outros insultos dese tipo. Está ben coller palabras de outras línguas cando fan falta na propia, pero non se pode deixar que as línguas se contaminen collendo o que non fai falta e menos ainda o que xa é feísimo na língua de orixen. Na língua galega non faltan insultos, e habería que aprender a usalos en vez de copiar esa pobreza de insultos que caracteriza ao castelán que se fala hoxe no estado español. En vez dese lamentábel “gilipollas” valería mais dicer, por exemplo, forragaitas, papón, touciño, barafullas, chacarrandeiro, alpabarda, pirulé, pallouco… ===================================================
PROPAGANDA ENGANOSA Anúnciase que o novo governo da Galiza entablará un “diálogo permanente coa oposición”. Apresentar como feito orixinal, mérito ou novidade o abecé da democracia parlamentar, que é que o governo ten que dialogar coa oposición, é ignorancia culpábel ou propaganda enganosa. =================================================== =================================================== |
|