|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 13 Xuño 2005 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
7
|
OS NOVOS EMIGRANTES ¿COMO EN IRLANDA? O POVO SOBERANO DEMOCRACIA EUROPEA CANDO CONVÉN A 'NAZÓN EUROPA' ELECCIÓNS E DIÁSPORA ================================================-================================================
OS NOVOS EMIGRANTES Talvez esta emigración de agora, moita dela de xente nova e con estudos, valga para revisar as ideas e os sentimentos da sociedade galega con respeito aos emigrantes. A emigración a América dos dous pasados séculos, a de Europa de metade do século pasado e a de hoxe son distintas nalgunhas cousas, pero ainda así despertan nos que non emigran reaccións e fantasías moi semellantes que convén analisar. Na emigración de América marchábase para mudar radicalmente de vida e sair da pobreza física e mental. Esa pobreza non sempre era económica, senon de falta de hourizontes e oportunidades. O emigrante a América podía volver rico, pobre (tanto ou mais que cando marchara) ou non volver. Trunfo ou fracaso. Os riscos eran inmensos e os posíbeis trunfos considerábeis. O emigrante a Europa dos anos sesenta e setenta marchaba en xeral nada mais que a mellorar un pouquiño, a aforrar algúns cartiños en países nos que era difícil ou imposíbel integrarse por culpa do idioma e de que non eran países de inmigración nos que as cousas estaban por facer ainda, como eran en parte os de América. Esa foi a emigración odiada polos galeguistas e os nacionalistas galegos. Eses emigrantes foron considerados “traidores” e a emigración unha “sangría”. Daba vergoña porque era de pobres e incultos. Deses emigrantes se esperaba que volveran e calaran (e que mandaran cartos). Axiña que voltaban tiñan que esquecer aquel pasado fóra do país e asegurar aos que quedaran dentro de que fóra non viran cousa mellor nen aprenderan nada que valera a pena. O estado español empezaba a colocarse daquela entre os “ricos”, e non se podía tolerar que os extranxeiros tivesen algo que non tiñan eles. Os galegos empezaron naqueles anos a reaccionar igual que os demais habitantes do estado español, españolizáronse mais que nunca e aborreceron todo o extranxeiro, que era a consigna que se inculcaba desde Madrid. Os galeguistas e nacionalistas galegos falaron arreo da sangría que supuña a emigración. E compre perguntar en qué consistía esa sangría. Os que marchaban non podían ter feito nada que valera a pena na Galiza se quedaran, porque non tiñan oportunidades para facelo. O que querían, fose traballo, estudos, oportunidades para mellorar ou independencia e mellor trato, non podían encontralo na Galiza porque non o había. En vez de chorar tanto pola falsa sangría, o amor a Galiza tería que haber levado a querer aproveitar o que os que marcharan, viran mundo e aprenderan, tiñan que oferecer ao país, en vez de abafalos axiña que volvían, esquecelos e acalalos para que non dixeran nada distinto do que tan enraigañado estaba na mentalidade cultivada durante séculos polo estado español. E agora séguese falando da “sangría” dos mozos e mozas que marchan. E aquí é onde se pode ver claramente o patriarcalismo esmagador que está no fondo das queixas da emigración. Disque a sangría está agora en que eses mozos e mozas con estudos (e “que tantos cartos e preocupacións costaron aos pais”) marchan a outro país “a gañar catro veces mais” según din, porque está na tradición mental que a única razón para emigrar ten que ser a cobiza e a facilidade de facer cartos. Según esa mentalidade os que se van poderían facer dentro o mesmo que fan cando marchan fóra. ¿Onde poderán gañar catro veces mais eses mozos e mozas que andan empregados nas tendas de Londres e de outras capitais de Europa, para aprender o idioma que coidaban que sabían e que descobriron axiña que non sabían, que era moito mais difícil do que pensaban e que sen iso non podían facer nada, para empezar? ¿Pensan as autoridades familiares, políticas e sociais da Galiza que no resto de Europa debecen por conseguir licenciados das universidades do estado español? Eses licenciados tentarán facer como moito algún Máster, e os mais deles terán que traballar no que sexa, se encontran ónde, para pagar eses estudos que fan coa esperanza de que lles abra algunha oportunidade. E se algúns deciden quedar fóra, será porque encontraron un estímulo, un trato e unha forma de viver e de entender a vida mais alentadora e independente. Iso é o que non hai na Galiza e o que habería que fomentar. A falta de estímulo e de alento ao potencial de cadaquén, e o feito de que hai que estudar o que mandan e traballar no que mandan e non no que a ún lle chama, é o motivo principal da emigración, da de antes e da de agora. E iso ven de que a familia galega e a sociedade galega non queren alentar potenciais porque, no sistema patriarco-matriarcal que impera na Galiza, para manter o control e a xerarquía o potencial non se alenta, senon que se esmaga. O desemprego non debía ser tolerado en nengunha sociedade, e para non telo hai que estar prestes a analisar as causas e a loitar contra todo o que poda producilo. O nacionalismo tiña que centrarse no problema do desemprego. Centrarse na emigración só é útil para analisar as reaccións e fantasías que desperta e entender que esas reaccións, mais que o feito que as provoca, son síntomas da doenza do país.
============================================================
¿COMO EN IRLANDA ? As esmolas son sempre perigosas para a formación dunha conciencia autónoma, individual ou nacional. E máis cando veñen con intencións pouco craras e, por riba, hai que pagar por elas. Contra o que dí o refrán, hai que mirarlle moi ben o dente ao cabalo regalado. ¿A qué ven tanto reloucar por ese permiso cutreiro para un uso mirrado do galego nalgunhas institucións da Unión Europea? ¿Será por aquilo do prestixio? ¿Iranos compensar máis unha vez a fachenda internacional pola perda da lingua no uso social e cotián no noso país? ¿Ou será agradecimento á mediación dun governo centralista pero “comprensivo” nas cousas que non lle importan moito? Non esquezamos que as lenguas autonómicas do Estado español non van ser linguas oficiais da comunidade, por moitos falantes ou moito afincamento social que teñan. O gaélico irlandés, pola contra, que ten moitos menos falantes que o galego e se consserva con enorme esforzo museístico, sí que é lingua oficial. ¿Por qué? Porque é lingua oficial dun Estado, mencionada nos Tratados básicos da Unión Europea. Conviña que tomen nota os que ainda pensan que os Estados pasaron de moda ou os que siguen ancorados no repertorio neogaleguista de hai medio século e pensan que có federalismo europeo chegou o fin dos Estados. Parece que en 2005 aínda val a pena ter un Estado. E o demáis son esmolas.
=============================================================
O POVO SOBERANO Os resultados do referendum sobre a chamada Constitución Europea, foran os que fosen os motivos do “non”, dan ánimo a cantos creen no valor da diversidade e sinten arrepío diante do cheirume letal da unidade forzada. Botouse de menos, é certo, unha maior insistencia na defesa da soberanía, aínda que nese senso foron máis craros os Países Baixos que a Francia. Hai receio a invocar o soberanismo porque non está de moda e non parece correcto (menos cando se trata de países da antiga Unión Soviética, claro). E perguntamos: se todos están de acordo, según parece, en que o povo é soberano, ¿por qué tanto medo a seren soberanistas?
===========================================================
DEMOCRACIA EUROPEA CANDO CONVÉN A arrogancia do poder non é nada novo. O pensamento único europeo, ben afortalado nos medios explotadores de malas conciencias nacionais, atea ese lume de arrogancia e sópralle confianza, que acaba por perder a quen confía. Nestes últimos tempos síntese cada vez máis a voz do poder receoso da democracia nesa Europa de poder “virtuoso” que pretende ser unha Comunidade que da certificados de boa conducta democrática ou exíxellos como portazgo suiña aos que queren entrar nela. Víase xa na resistencia a un parlamento auténtico na Comunidade e nas arelas executivas e controladoras da burocracia da Comisión. Agora maniféstase con maior atrevimento no desprecio polos referendums. Non valen nen contan se non dan “o resultado correcto”. E entón haberá que repetilos até que o dean. Ou dise, para disimular a derrota, que responden a preocupacións dos cidadáns do Estado en que se fan. E iso non se pode consentir. Esas preocupacións non contan no Olimpo das elites que sempre saben o que compre facer. ¿Non estamos diante do poder asoballante de sempre? \============================================================ A ‘NAZÓN EUROPA’ ¿Cómo explican os inimigos dos nacionalismos o entusiasmo pola “nazón Europa”? Ou a nazón ten valor ou non o ten. Se non se cré que a nazón valga para algo, entón o único que tería sentido sería desfacer as nazóns todas de Europa e facer outra cousa. E se a nazón val para algo, entón hai que admitir que ten moitísimo mais sentido que os países que están no estado español e queren ser nazóns o sexan, que pensar nunha “nazón Europa” que sería una criación inoperante, desaxeitada e dictatorial. Claro que o conceito da “nazón Europa” non se revelou até que xurdiron os resultados negativos de referendums. Como sempre, a verdadeira natureza do proxecto europeo mantívose calada e envolta en argalladas e cucarandainas. ====================================================
ELECCIÓNS E DIÁSPORA Cando isto se escrebe haberá que esperar polo menos unha semana para saber quen vai gobernar ou seguir gobernando a Galiza. Pode haber moito xogo aínda antes do debate de investidura, cunha maioría dun diputado, tanto no continuismo como na posíbel alianza do cambio. Hai xa aspectos moi positivos nos resultados desas eleccións, non tanto para os políticos como para a política da Galiza, porque revelan que os galegos non son indiferentes, pero tampouco están entusiasmados có que lles oferece ningún dos partidos. O resultado está ateando o problema do chamado “voto emigrante”, que preferimos chamar voto da diáspora Sería moi inxusto e moi pouco intelixente que o nacionalismo defendese a limitación do voto diásporico a uns supostos “intereses da emigración”, con representación separada. E dicir, a querer deixar sen voz aos de fóra nas grandes cuestións do país. Aquilo de que si o povo non vota como eu quero “que me muden o povo”, non pode ser defendido por demócratas. Resulta que a Galiza ten moitos emigrantes e iso complica as cousas. A democracia é sempre máis complicada que o despotismo. Galiza é complicada e diferente. E os nacionalistas debían ser os primeiros en defender esa realidade complicada na que está tamén a riqueza e o interés universal do país. Non se pode deixar que só defendan o voto da diáspora os antinacionalistas, como vai pasar a pouco que non atinen niso os nacionalistas. E volvendo ao de “mudar o povo”, xa ouvimos, medio a serio medio de brincadeira, que tampouco debían votar os vellos, e seguramente tempouco a Galiza rural. E un día non poderán votar os coxos, ou os cegos, os loiros ou os que teñan ideas “raras”. Galiza é como é, e para cambiar hai que partir do que hai, non eliminalo. E hai diáspora. E a diáspora é unha riqueza da Galiza. Os argumentos de que os galegos e galegas diaspóricos non saben o que pasa no país, non resiste lóxicamente a non ser que lle fagamos un examen a cada votante “de dentro” para ver até que ponto está “ben informado”. E se os partidos informan aos votantes, terán que informalos estexan onde estexan. Ou desinformalos, alá eles. ¿Haberá outras fórmulas de participación da diáspora nas elecións parlamentarias? Non se ve ningunha que non sexa discriminatoria. E por iso non convence a idea dunha representación aparte e limitada aos “intereses dos emigrantes” . ¿Cáles serán eses intereses tan especiais que, según din, non teñen nada que ver coa Galiza? O debezo de controlar e que ningúen se escape (ou se libere) é evidente en toda esa reacción excluinte. O destino e o futuro da Galiza son interés primordial dos que viven na Diáspora. =============================================== ================================================ |
|