|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 12 Maio 2005 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
7
|
SUMARIO
CALIDADE DE VIDA QUEBRAS, TRANSICIÓNS E CAMBIOS LABOR DE FONDO OU FACHENDA VATICANO PENSIÓNS A DIÁSPORA INCONSÚTIL E O VOTO EMIGRANTE ================================================-================================================
CALIDADE DE VIDA
Agora din os gurus de fama mundial que a principal fonte de riqueza da Galiza e o seu recurso mais importante nesta economía globalizada da que estamos disfrutando non é nen poderá ser, como talvez pensasen algúns inxenuos, a pesca, ou a industria, ou a agricultura, ou as artes. É algo moito mais intanxíbel e difícil de medir; iso que na linguaxe do marketing chámase calidade de vida.
O que ten de útil ese conceito da calidade de vida é que se pode usar para o que se quera, porque sempre sucederá que o que contentará a algúns disgustará a outros, e que algúns apreciarán o que outros rexeitarán. Non pode haber dúbida de que a calidade de vida á que aspiran os ricos e poderosos non é a mesma que a dos pobres nen a das personas correntes. Para quen quera praias “animadas”, a calidade consistirá en que haxa moito ruido, moita xente e música por altavoces; para quen quera silenzo e camiñar en paz e tranquilidade, o ruido será un inferno. Mais, indo ao fondo da cuestión, seguro que o que todos queremos como mínimo nun país é que haxa medios e estímulo para levar unha vida acertada e interesante. E iso quer dicer que o primeiro que ten que haber son fontes de riqueza auténticas e posibilidade de emprego para todos. Onde hai desemprego aumenta a “calidade” para os ricos, que teñen mais pobres á sua disposición. Onde hai desemprego, e polo tanto medo e desaproveitamento das faculdades humanas, non pode haber calidade de vida. E onde non se estimulan e protexen as aptitudes e os talentos, tampouco pode habela. ================================================
QUEBRAS, TRANSICIÓNS E CAMBIOS
Mudar sen máis uns políticos por outros non trae cambio ningún nunca en ningures. “Virar a filloa” quer dicer que o poder pasa dunhas mans a outras ou dun partido político a outro, e que axiña que “os outros” consiguen o poder actuan exactamente igual que os de antes, porque o único que querían era ese poder para eles, non para o país. Ese é o xogo político cando non se fai política e politiquéase.
As quebras, que semellan tan radicais porque muda a forma de governo, por exemplo, ou porque son un eufemismo para non falar de revolución, non mudan tanto como parecen e préstanse a frustracións, sobre todo porque as elites e a cultura politica non mudan instantáneamente. Se non hai mais que quebra e non está decorrendo un caudal de mudanzas de fondo, o sistema poderá seguir depois da quebra igualiño que antes, como tantas veces se viu na historia do mundo.
As transicións son unha maneira de aproveitarse do anterior e de non mudar nada de fondo. En sistemas políticos e sociais moi evoluidos poderían ter algún sentido (ainda que nun sistema evoluido non fan falta nengunha), mais cando se trata da transición dun sistema dictatorial a un sistema democrático, hai que desconfiar. Xoga moito a ansia de conservar posicións de influencia e intereses creados. Negóciase como nunha vida política normal e, se esa normalidade é viciada, nada de novo sairá do proceso. O mais seguro será que nada mude de fondo e que, con apariencias democráticas, todo siga “atado e ben atado”.
O cambio auténtico non é instantáneo e mesmo por iso non pode vir só có cambio político que é, por natureza, de prazo corto. O cambio que necesita Galiza ten que ser moi fondo e afectar ás estructuras todas da sociedade, porque a propia sociedade galega ten que cambiar e afacerse a pensar e actuar de outra maneira mais conforme có que a Galiza pide e debía ser. Ese cambio que a Galiza precisa nunca poderá vir de seu nen ser automático. Se non se pensa nos cambios que a Galiza precisa por debaixo da superficie, todo seguirá igual, un pouquiño mellor ou un pouquiño pior para algúns, pero a Galiza seguirá sendo un país mal traballado, mal entendido e sen potenciar, e seguirá tendo amos internos ou externos que non teñen interés nengún en que vaia adiante e, menos ainda, en que se independice mentalmente e empece a pensar e actuar pola sua conta sen agardar a que lle dicten o que ten que facer. E a sociedade galega seguirá cada vez mais inerte e desanimada, sen forzas para nada e metida en sí, sen querer sair ao mundo exterior nen enteirarse de que existe.
A tarefa do nacionalismo tiña que ser mesmamente pensar neses cambios radicais que precisa a Galiza, falar deles, debatilos e adentralos na conciencia do país. O nacionalismo tiña que pensar e imaxinar o que debía facer Galiza que fose distinto do que fai España e, por suposto, do que fai a Unión Europea, que están a outra cosa. Se o que se quer para Galiza é o que xa hai na España, e ninguén se atreve a pensar en outras posibilidades, iso demostra inmadurez nacionalista. O nacionalismo ten que ter un proxecto para a Galiza que supoña orixinalidade e separación, no sentido de organizarse doutro xeito e facer as cousas doutra maneira, e que supoña aplicar esa orixinalidade ou singularidade ás esferas todas da vida. Esa tarefa ten que correr aparellada coa paticipación cotiá na política do día tal como é, pero sen ela non terá sentido nen orientación última a necesaria política miuda.
Depois das eleccións, gañe quen gañe, a tarefa seguirá aí. E o perigo será pensar que se hai cambio de governo, xa houbo cambio. Por ese camiño vaise ao purgatorio das frustracións.
===============================================
LABOR DE FONDO OU FACHENDA
O nacionalismo galego terá que decidir nalgún momento o que quer para a Galiza e se de verdade cré nunha singularidade do país que hai que entender e potenciar, ou se quer que a Galiza sexa mais cada vez como o estado español quer que sexa
Potenciar a Galiza do presente e do futuro exixe pensar moito e moi a fondo, que é o que non se fai. Falta pensamento no nacionalismo galego e faltou sempre. Invocar a Castelao, que dixo o que se dicía nos seus tempos, non abonda para levar adiante ao país. E copiar o que fan os demais tampouco abonda. Non hai que esquecer que o nacionalismo galego está fondamente influido polo neogaleguismo que encabezou Ramón Piñeiro. Ese neogaleguismo nunca foi analizado nen depurado como debía e polo tanto as suas consecuencias e os seus efeitos (que son moitos) non se coñecen e están enraigañados no pensamento nacionalista, incluso no mais radical e de apariencia más antipiñeiriana.
Aquel neogaleguismo fomentou, por exemplo, o que se chamaba “prestixio” e que na realidade era esa fachenda tan característica da sociedade galega. Levaba un xermolo de motivación perniciosa, que torceu moito do significado do seu labor. Había a crenza de que sen o afán de “prestixio” non se movilizaría ningunha criación, nen colectiva nen individual. As consecuencias desa motivación foron funestas no colectivo e tamén na disposición, na actitude e nas expectativas dos que acudiron ao chamamento neogaleguista. Fomentouse o superficial e malbaratáronse aptitudes e potenciais que debían terse alentado e aproveitado.
Aquel fomento da superficialidade e da mostranza foi parte dun conto inventado para controlar e que ninguén pisase fóra do rego. Os resultados dese conto ainda están vivos e actuantes no nacionalismo galego. Peneirar e desenguedellar eses enfoques que actúan sen que se saiba é labor urxente e necesaria. Hai moito que pensar.
===============================================
VATICANO
A xerarquía da Igrexa Católica debía aceitar, como intérprete dos decretos divinos e intermediaria entre o divino e o humano, a responsabilidade que lle acae nos asuntos deste mundo. Pois que cré que o mandato divino é que se teñan tantos fillos como se podan ter e que controlar a procreación é desobedecer o mandado, o que tiña que facer é contribuir aos gastos que esa procreación ilimitada supón, para os que procrean mais fillos dos que poden atender e para os países que teñen que cargar con mais habitantes do que poden soster. O Vaticano debía facer unha contribución monetaria por cada fillo que nace de proxenitores católicos. Con iso demostraría que de verdade cré que ese é o mandato divino, e que non é por ignorancia, misoxinia, patriarcalismo ou intención avesa, como algúns pensan, nen porque prefira criar unha situación na que por forza ten que haber pobres e maltratados que se presten mellor a seren controlados pola igrexa, como outros pensan.
E, seguindo có Vaticano, debía estar proibido que os papas fixeran santos a outros papas, e menos ainda tan de contado como parece que se quer otorgar santidade ao que acaba de morrer. Ese “familismo” e esa glorificación da caste non é bon exemplo do que se supón que son as virtudes cristiás. Se un papa foi santo, xa llo premiarán no outro mundo. Bulir a premialo neste semella “mundano” de mais.
================================================
PENSIÓNS
¿Non é paveiro que nestes momentos en que se está facendo presión por todos os lados para que disminúan as pensións (e para que desaparezan as mais delas, que diso se trata), invocando as forzas do mercado, os problemas demográficos, etc., os poderosos deste mundo (entre os que hai que contar os grandes “políticos” da reforma social) estén acumulando para eles propios unhas pensións que, repartidas, daban para que case todo o mundo tivese unha pensión adecuada. Este é un dos moitos exemplos da governanza pésima e da inmensa inxusticia da nova orden que se está criando na sociedade e que ninguén parece ver; ou mellor será dicer que ninguén quer descobrir, porque os que poderían atender un pouco mais e descobrir a situación “feudal” que se está impondo figuran entre os que se benefician ou contan con beneficiárense desa fartura para algúns e miseria para outros.
Observar e analisar como viven os políticos daría unha indicación excelente de como funcionan os governos e do que queren de verdade por debaixo dos contos que contan. A vida opulenta e distante que levan non é compatíbel có que din, nen con esa sinxeleza que aparentan en televisión. E para correxir esas incompatibilidades, o mellor sería obrigar a cada político a que faga o que predica e a que sexa o primeiro en practicar a doutrina que espalle. Por exemplo, se un governo cré que hai que baixar as pensións, que baixe inmediatamente as pensións dos que integran ese governo. Debía ser parte esencial da carreira política que os que se dedican a ela teñan que utilizar os servizos públicos: transporte, sanidade, etc. E cando se decide ir á guerra ou apoiala, que os políticos sexan os primeiros que vaian a ela. O que din os líderes políticos para correren a meterse nos “bunkers” é que eles son indispensábeis para o país, pero compre lembrar que son eles mesmos os que predican que ninguén é indispensábel, cando queren que haxa despidos. Dirán tamén, cando se escondan para non teren que pagar as consecuencias do que fan, que eles teñen que se protexeren por patriotismo, para que o país non quede orfo e sen dirección, argumento que revela até que ponto no novo mundo hai unha lei para as elites e outra para os demais. O novo autoritarismo merece análise fondo, e sobretudo merece que non se crea nel porque esté disfrazado de democracia. ==============================================
A DIÁSPORA INCONSÚTIL E O VOTO EMIGRANTE
Calquera que pense que a diáspora tiña que ser inconsútil, porque só un tecido así, sen costuras nen solucións de continuidade, sería o xusto e o máis acaído para o mundo que se albisca no futuro, estará preocupado, magoado ou alporizado pola campaña de descrédito do chamado voto da emigración.
Sería unha pena que as circunstancias anecdóticas de que a emigración tenda a votar nun sentido ou noutro valese para inmiscuirse nun direito que é esencial na democracia. Pensar que eses votantes son máis doados de manipular que os do interior é moi ofensivo. Se o voto postal é pouco de fiar (como estáse vendo na Gran Bretaña, onde ampliouse ese voto aos de dentro do país), haberá que providenciar remedios dese defecto. Supor que están menos enteirados ou que teñen menos intereses no país os emigrantes é inxusto e inexacto e, en todo caso, non autoriza a distinguir entre votantes. ¿Fáiselle a un galego que esté na terra un examen do enteirado que está antes de deixalo depositar o seu voto na urna? ¿E quén está enteirado de quen son os que van nas listas dos partidos, cociñadas por “apparatchiks”? Ao mellor voltamos a un voto censitario, no que hai que demostrar un certo nivel de rentas para que se nos considere “interesados” na empresa do país.
Poderían pensarse outras maneiras de que a diáspora participe na vida política do país, pero a da votación en igualdade cós votantes do interior é a mais xusta e a única que non é discriminatoria e non vira aos galegos que están fóra en galegos de terceira clase e mesmo apátridas. Se houbese, en vez diso, representantes dos emigrantes como tais nas cámaras, que se ocupasen das reivindicacións propias dos emigrantes, seguro que unha das principais desas reivindicacións sería a de pedir o direito de voto que lles retiraran.
Se a diáspora non está ben informada, compre informala mellor, convencela dos programas, se non está convencida, oferecerlle algo (e se por iso enténdese “comprar” o voto, ¿por qué non se aplica a mesma lóxica nas promesas e “compras” do interior?). Habería que evitar pedirlles mais aos de fóra que aos de dentro.
Sorprende que veña da esquerda a crítica dese direito. Facer desaparecer os votantes que non votan polo partido que un quere é o que se fai nos rexímenes mais autoritarios. E se se empeza polos de fóra, igual se termina polos de dentro.
=============================================== ================================================ |
|