|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 11 Abril 2005 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
7
|
SUMARIO
O PODER DO PENSAMENTO DILEMAS ÉTICOS O ABORTO POMPA E PROPAGANDA ================================================-================================================ O PODER DO PENSAMENTO O soberanismo é unha aspiración a ter poder propio. Os nacionalismos que teñen esa aspiración precisan armarse dese poder se non o teñen xa, como lles pasa ás nacións sen estado. Chamóuselle “poder brando” á criación, difusión e imposición de usos, estilos e formas de vida. Pero na mesma liña que os poderes “duros” está, ademáis do económico e o militar, o do pensamento. Será preferibel chamarlle así, poder de pensamento, e non “cultural”, para evitar a desvirtuación do termo cultura no relativismo e a súa derivación bizantina posmoderna. É unha argallada chamar brando ao que, na verdade, é o alicerce máis eficaz e duradoiro da realización plena das persoas e as sociedades. Os nacionalismos sen estado e ameazados (aínda que moitos nacionalistas non pareza que se queran decatar diso) polas unións chamadas superestatais, necesitan pensar nos poderes que lles acaen. No nacionalismo galego, que certamente non tiña abeiro por onde proxectar poder duro, sorprende o mimetismo a respeito do poder de pensamento. Na concepción máis nobre e herderiana, os nacionalismos xustifícanse pola contribución criadora ao patrimonio da Humanidade. E por pensar, con razón, que a diversidade e preferíbel á unidade para o desenvolvimento do xénero humano. O culturalismo que se practicou en diversas etapas do galeguismo, ou talvez en todas, non errou por pensar que a cultura era importante, senón por esquecer que a cultura é criatividade. Imperou o mimetismo e a ansia por facer o que fan os demáis. Daí que cando apareceron posibilidades de acción política seguira predominando o mimetismo. Europeismo cando estaba na moda; pensamento alemán cando parecía que ía ser o que gañaba; Camus para o afrancesamento a salvo de Sartre; estructuralismo o pouco tempo que durou; pensamento “light”, e así sucesivamente. Non é que non haxa que saber o que pasa no mundo. Non se pode chegar á criación sen iso, pero o deslumbramento sen consecuencias nen aportacións é un mal hábito e non serve para construir pensamento e personalidade no país. Hai un camiño, longo e difícil seguramente, que haberá que andar e que será a proba do lume ou a pedra de toque, pero tamén a pedra angular, do nacionalismo galego. Haberá que prantexar, por exemplo, os problemas éticos e políticos que preocupan ao mundo enteiro, coa crenza de que talvez a Galiza, se non se deixa levar polo enorme peso do pensamento único (en calqueira das dúas variedades –destra e sinistra- en que se manifesta), poda arroxar algunha luz neses eidos que tanta falta teñen dela.
DILEMAS ÉTICOS Conviña distinguir entre as cuestións que son de costumes simplesmente e as que son de ética profunda. Nas primeiras pódese ser mais progresista ou menos, mais convencional ou mais vangardista, pero os costumes mudan sempre cós tempos. Nos dilemas éticos o enfoque ten que ser moi distinto porque en xeral teñen que ver coa verdade, a xustiza e a liberdade e non poden solucionarse mudando os costumes, nen desaparecen con esas mudanzas. Pensar que pode haber solucións de “esquerda” ou de “direita” para a maioría deses grandes dilemas éticos sería un erro. O certo é que as esquerdas e as direitas políticas reaxen en cada momento histórico según o que estexa de moda na esquerda ou na direita dese momento, e as reacións non poden ter profundidade abondo para atinar. A historia proba que eses dilemas non teñen solución política. A maioría dos grandes dilemas éticos, como poden ser a eutanasia, o aborto, a pena de morte, as guerras, a prostitución, etc., están tan enraigañados e confundidos cós sistemas básicos de ordenamento da sociedade, que o mais probábel é que non teñan “solución” e que o mellor que se poda facer sexa analizalos con cuidado, sensibilidade e comprensión. A política ten un papel, pero tal como están de escuros eses temas nestes momentos, non pode ser un papel impositivo. A política democrática ten que facilitar o debate e facer todo o posíbel por procurar coerencia nas actitudes, porque o que se constrúe sen coerencia non pode levar nunca ao adianto e fai perder tempo e retrogradar. Galiza ten que pensar neses temas, sen se abandonar ao que as modas e os medios mundializados dicten. Todos estes problemas sofren de mal enfoque e haberá que buscar enfoques máis prometedores para acadar unha análise sen prexuicios. O GTG aplica ese método neste número do Boletín ao dilema do aborto e tenciona ir facendo o mesmo con outros dilemas nos números seguintes.
O ABORTO Nas maneiras de abordar o problema do aborto hai moita incoerencia e moita ideoloxía, tanto nos que están a favor como nos que están en contra. A posición antiaborto baseáse no direito á vida e na crencia de que, unha vez que a vida empeza, no momento da conceición, non hai direito a suprimila. A falta de coerencia está en que ese direito sagrado á vida non o aplican sempre os que se apontan dese lado. Moitos dos que predican contra o aborto non predican có mesmo entusiasmo contra a pena de morte (algúns son incluso partidarios dela), nen contra as matanzas e as guerras, nen contra esas prisións horrendas nas que cada día se mete a mais xente “pobre”, que é como enterrar vivos aos que aínda non morreron. O entusiasmo pola vida parece aplicarse únicamente en cuestións relacionadas coas mulleres e coa familia. As raíces desa postura están tan entangarañadas coa misoxinia do sistema patriarcal e có culto á familia tamén patriarcal, que os inimigos do aborto perden forza mesmamente porque os motivos non parecen tan limpos e xustos como debían ser. Tamén é discutíbel esa sacralización da vida que se fai habitualmente na postura antiaborto, non porque a vida non sexa sagrada, senon porque os intérpretes e administradores das relixións valéronse dese conceito para desculpar e favorecer condicións de vida infames e inhumanas. E tamén porque inseriron confusión entre o respeito á vida e a reproducción sen límites, cando mais ben compre pensar que o verdadeiro respeito á vida tería que respeitar as condicións nas que se nace, se vive e se morre, e que viver na miseria ou sen traballo non é vida, e que iso non merece respeito senon que hai que transformalo radicalmente. Cando xurden erros gravísimos na sociedade e hai que acudir a accións que non son desexábeis pero viran necesarias por circunstancias que cría a propia sociedades –e isto é o que sucede có aborto- , o mellor que se pode facer é sensibilizarse ao problema, chegar á raíz del e examinalo desde aí, porque o mais probábel é que mudando a raíz desapareza o problema. O pior que se pode facer é tentar solucionalo a golpe de pruma, decreto e lexislación. Cando se trata dun problema de vida e morte que non se pode resolver nas circunstancias sociais e psicolóxicas que reinan na sociedade porque é un problema que non tería xurdido nunha sociedade que non practicase a inxustiza radical do sistema patriarcal, talvez o único que se poda facer é, até que muden as condicións, deixar o asunto ao entendementos de cadaquén, sen imposicións dun lado nen do outro. No asunto do aborto entran os direitos fundamentais de tres personas: a nai, o pai e unha terceira persona en potencia. E todos somos, toda a vida, até morrermos, personas en potencia. Que as mulleres queran ter o direito a abortar indica até qué ponto están maltratadas no sistema patriarcal, porque ninguén pode querer o direito a padecer un trauma fisiolóxico e psicolóxico como o que supón abortar. Outra cousa é que non queran ser perseguidas por facelo. Nestes momentos a direita “relixiosa” actúa neste tema con fanatismo e incoerencia relixiosa, porque o de “non matar” aplícase a todos, e quen crea niso non pode nen matar nas guerras, nen facilitar armas para esas guerras, nen torturar (que ven sendo unha forma de matar), nen mandar a ninguén á forca ou á silla eléctrica. Pola outra banda, moita da esquerda destes momentos confunde o progresismo có hedonismo, como facía antes a direita, e practica unha actitude egoísta de gratificación inmediata, incoerente cós anceios solidarios no tempo e no espacio. Non hai que esquecer que as raices misóxinas e patriarcais, e as súas consecuencias autoritarias, son tan fortes na esquerda como na direita, aínda que tomen formas diferentes. O papel que corresponde á política na cuestión do aborto é o de loitar por que se estabelezan condicións xustas na sociedade e todo o mundo poda viver unha vida que valga a pena e que non sexa pior que a morte.
=============================================================
GOVERNOS IMPRUDENTES Na ideoloxía que impera nestes momentos, en que a única liberdade que os governos defenden é a dese mercado libre que na práctica consiste en dar mais poder cada vez á plutocracia, é pecado mortal que un estado ou un governo gasten o diñeiro dos contribuintes en algúns dos labores públicos que benefician a todos. Está moi ben, en cambio, que os governos gasten ese diñeiro dos contribuintes en facer propaganda masiva e carísima a prol dos seus proxectos ideolóxicos favoritos, como por exemplo a Constitución da Unión Europea, para levar aos cidadáns por onde eses governos queren que vaian. Ese uso do diñeiro público non só é totalmente inmoral e despótico, senon que é tan imprudente a longo prazo que debía ser abondo para invalidar ao governo que o practicase. Un governo ten a obriga fundamental de velar polo benestar da nazón e para iso é preciso prever en todo momento as mudanzas que se podan dar nas circunstancias. ¿Qué pasará, por exemplo, se a Unión Europea non pode seguir existindo porque simplesmente deixe todo de funcionar? Non é imposíbel que suceda. E ben probábel. ¿Qué vai dicer o governo que empurrou aos cidadáns a confiar cegamente nese proxecto como se tivese garantido o bon funcionamento e a eternidade? ¿Dirá que non era previsível que fracasara un proxecto tan bonito, tan civilizado e tan santo, que fixo de Europa unha potencia moral? A posibilidade de fracaso é sempre previsíbel en calquer proxecto e non hai nada eterno neste mundo. Prever esa falta de eternidade e prepararse para as mudanzas que veñen sempre é un dos labores esenciais que ten que facer calquer governo. Non facelo é mal governo.
=============================================================
POMPA E PROPAGANDA Como dicía Chesterton “ Non é que cando se deixa de crer en algo non se crea en nada, senón que se cré en calqueira cousa”. O festexo da “espiritualidade” de Roma pola morte do Papa tivo eses ingredientes de explotación de sentimentos e emocións da pior calidade que forman parte da ideoloxía do momento. A morte do Papa foi unha ocasión para inserir ideoloxía política e social mediante o sentimentalismo chorón e o culto ás celebridades. O que se festexou en nome da espiritualidade foi a ideoloxía autoritaria que se val das celebridades para cultivar a incoerencia e sementar vacío e confusión. Se alguén tivese unha mensaxe de espiritualidade auténtica, acalaríase esa mensaxe e seguramente faríase desaparecer a quen ousase transmitila.
=============================================== ================================================ |
|