|
|
Grupo de Traballo Galego de Londres
Boletín Cuarta época Número 10 Marzo 2005 |
|
|
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
A nosa historia
7
|
SUMARIO
EUROPA FANTASMAS DE NACIÓN MÁIS UNIDADE, POR SI NON FOSE ABONDO A QUE XA HABÍA O IDIOMA ESPAÑOL NA UNIÓN EUROPEA
DIÁSPORA AS TRES DIMENSIÓNS DA DIÁSPORA
TEXTOS VARIOS ENSINOS QUE INUTILIZAN MERCADO LIBRE E LIBERDADE VIXIADA
================================================-================================================ EUROPA Fantasmas de nación
A ilusión con que se apontan os habitantes de España a ideas e colectividades que lles parecen universais e nas que cren que se poden mergullar sen teren que facer mais nada, non é de agora. Ven de moitos séculos atrás, e conviña analizar onde poderán estar as raíces desa mentalidade ilusoria que levou tantas veces na historia ao fracaso e ao isolamento, e desa fé cega no destino ou na providencia que os leva a non loitar polos seus direitos e a coidar que abonda con agarrarse ao tren do momento para conseguir o trunfo e o respeito.
No entusiasmo que entrou por ser mais europeos que ninguén adivíñase un malestar por ser españois que habería que analizar. De todos os países da Unión Europea, España é o mais propicio a mudar a sua identidade e o mais interesado en facelo. E iso indica un forte problema de identidade e indica mais que nada que non hai sentimento de nación, por extrano que pareza.
A batalla do governo central contra dos nacionalismos semella ser, a primeira vista, unha batalla dun nacionalismo centralista contra nacionalismos descentralizadores e independentistas. Mais compre prantexar a cuestión de que talvez España non chegou a ser nunha unha verdadeira nación e por iso nunca actuou como tal. Se analisamos a “razón de estado” na diplomacia española dos séculos imperiais, veremos que moi poucas veces, case que nunca, foi “nacional” esa razón. O Estado e a sociedade estiveron ainda máis separados do que era habitual en outras monarquías desa época. Non foron nunca os intereses dos povos asentados no territorio unificado desde o final do século XV os que xustificaron medidas ás veces durísimas, senon intereses dinásticos, da casa de Austria primeiro e da de Borbón despois. Así se malgastaron o ouro e a prata das Indias en empresas “europeas”, e se causou a miseria das rúas de Ferrol crecidas de herba que descrebeu George Borrow depois do desastre de Trafalgar. A monarquía unitaria nunca tivo política nacional. ¿Non será que non había máis que un fantasma de nación enxendrado nos soños dos ideólogos da defensa do catolicismo politizado, ou da política manipuladora da relixión?
Outros países da Unión Europea están nela por motivos puramente egoístas, materialistas e de supremacía política. Os “grandes”, que foron os que inventaron o “clube”, inventárono para segurarse unha situación de poder hexemónico repartido entre eles. Os pequenos entraron para conseguir algo do que necesitaban ou porque os outros non lles deixaron mais alternativa. España é o único país da Unión Europea que de verdade prefire ficar mergullada nun superestado e que outros decidan por ela. E iso ten que ser, ou porque nunca chegou a ser unha nación e prefire ser provincia dun imperio con capital lonxana, ou porque no fondo ainda predomine a pasividade que insire o catolicismo e prefira facer “o que Deus quera” e que a leven por onde queran os que Deus mande para esa tarefa.
================================================ Máis unidade, por si non fose abondo a que xa había
Gañou nun plebiscito de participación facareña o voto favorábel a una Constitución sen constituintes. Eis o trunfo da unidade por riba de todo. A unidade que, por sabida, nen precisa de xustificación nen argumentos. A Galiza padeceu durante moitos séculos os efeitos dun adoutrinamento da unidade esquilmador e secante. Absurdo sería pensar que esta unidade de agora, a da Unión Europea, por ser máis grande vai ser mellor para a Galiza. Mesmo por ser mais grande, vai ser moito pior. As obxecións que se ouviron na campaña baseáronse todas en que ese proxecto de Constitución non respondía á Europa que os obxectores querían. Non se viu cuestionado ese proxecto de unidade europea que non fai máis que medrar desde o Tratado de Roma, e que cada vez deixa ver mellor a súa cara. A unidade é o que o nacionalismo tería que criticar. Non facelo ven sendo ter nostalxia do ideal de “un Monarca, un Imperio y una Espada”.
================================================ O idioma español na Unión Europea
A Unión Europea premiou aos españois que se sentiron mais europeos que ninguén tirando o idioma español de entre os principais de uso oficial na burocracia de Bruxelas. O certo é que ningún dos idiomas que se falan no territorio ocupado pola Unión Europea merece que se lle dé preferencia, se ao que se atende é á “importancia” que podan ter. A importancia que ten o idioma español non ven de que se fale en España, senon de que se fale en moitos países de América. A importancia do francés non ven de que fale na Francia, senon de que se espallara por algúns países de África, algún de Asia e algún de América do Norte. A importancia actual do inglés non ven de que se fale nas illas británicas, senon de que se fala nos Estados Unidos de América. Para demostrar ese igualitarismo que disque ten a Unión Europea, o mellor sería que o francés deixara de ser idioma preferido nos documentos oficiais. Se o que conta non é o poder político e as aspiración hexemónicas de algúns países, no debía haber inconveniente ningún en que o idioma francés pasase a segundo plano, ou a terceiro ou cuarto, dentro da Unión Europea.
Francia non deixará de ningunha maneira que iso suceda, porque, con razón ou sen ela, ainda defende o propio e actúa como unha nación. Ao que aspira é a que en Europa non haxa mais nación que ela e como moito Alemania, como núcleos de zonas de influencia e clientes: unha cara ao Sur e a outra cara o Leste. España deixará ir o idioma e todo o demais que lle irán quitando, porque nunca soubo defender fóra o propio e nunca actuou como unha nación. =============================================== ===============================================
DIÁSPORA
As tres dimensións da diáspora
Os povos diaspóricos teñen unha riqueza que, como todas, pódese perder se non se cuida e cultiva. O cultivo desa riqueza non é doado, pero val a pena. Porque supón viver todos – os de dentro e os de fora— en tres dimensións: a do país de orixe inmediata ou remota, a do país de residencia temporaria ou definitiva, e a do terceiro espacio en que os outros dous se conxuntan e enriquecen. É unha xeometría variábel e en mudanza continua. Como todo o vivo e criador.
================================================ ================================================
TEXTOS VARIOS
Ensinos que inutilizan Ninguén sabe moi ben cómo tiña que ser un ensino axeitado. Estánse vivindo ainda no mundo inteiro os problemas que prantexa o ensino “das masas” fronte ao ensino das elites, que era o de antes. Non hai dúbida de que o paso á cantidade trouxo o deterioro da calidade. O que compre perguntarse é se ten que ser así ou non, se ese deterioro é necesario e non pode ser de outra maneira cando hai que educar a toda a poboación, ou se é querido e promocionado para cultivar un nivel baixo de coñecimiento que manteña as apariencias e encobra as realidades.
O outro problema que está sen resolver, e que é pior cada vez, ven do feito de que todo o mundo sabe que a instrucción e a educación son necesarias, pero o que non se sabe é por qué nen para qué, como non sexa para adquirir títulos que den acceso a traballos.
Hai, porén, unha cousa na que todos podemos concordar: en que o que se estude non debe inutilizar. Poderá parecer que todo o que se estude val para algo, pero non é así. Se o que se ensina son erros, ou enfoques errados, ou se ensina mal e non se crían hábitos de pensamento craro e eficaz, eses erros inutilizan mais do que inutiliza a ignorancia.
Em materias abstractas é mais difícil descobrir o erro de base, cando o hai. En materias concretas nas que se poden comprobar os resultados na práctica, como pode ser no ensino das línguas vivas, é doado descobrir os erros. Se non se destapan é porque hai preguiza mental e intereses creados, e porque o que menos se quere é que se descobra, como no conto, que o rei está en coiros.
Os habitantes de España (e a Galiza non é unha excepción) parecen ter unha incapacidade notábel para aprenderen idiomas de verdade. Pódese ter clase de inglés nos colexios e nas escolas, nas universidades, ir a clase de inglés anos e mais anos, e non saber dicer unha palabra nese idioma, non poder ler un libro ou un xornal en inglés e non entender nada do que din os nativos do idioma. E esa situación absurda, que non sucede en ningún outro lugar do mundo, non pode deberse a unha incapacidade nata. Débese a que o habitante de España está inutilizado polo mal ensino do idioma, no que o que se ensina non é inglés senon un sustituto que só val para consumo interno e para aprobar os exames nos que se exixe iso que se chama “inglés” e que non o é.
Este exemplo val para demostrar que a ignorancia é preferíbel ao coñecimento errado e ao mal ensino, porque polo menos non inutiliza. Da ignorancia pódese sair adquirindo coñecimento, e o coñecimento pódese aumentar cando hai unha base que non está errada, pero o coñecimento errado engana, fai pensar que se sabe o que non se sabe e, como todos os enganos, ten consecuencias pésimas e leva ao atraso.
=============================================== Mercado libre e liberdade vixiada
Os sistemas autoritarios pódense impor valéndose de calquera causa, calquer conceito e calquera crencia política ou relixiosa. Fixéronse sempre guerras en nome de relixións que predicaban a paz e impúxose sempre a inxusticia en nome da xusticia. En nome da democracia e da liberdade estáse impondo un verdadeiro estado polícíaco en todo o mundo, e non hai que extrañarse moito, se temos en conta que esa liberdade á que todos debemos aspirar e esa democracia que nunca chegou a ser plena en ningún lugar do mundo e que cada vez é menos en calquera deles, son incompatíbeis con ese mercado libre que se apresenta como o ideal democrático.
O mercado libre só pode favorecer aos ricos que teñen o vicio do diñeiro. Para ese tipo de rico, o diñeiro é como unha droga que lle permite aillarse da realidade e crerse superior aos seres humanos correntes. Ese tipo de rico necesita o diñeiro en cantidades inmensas para que non o confundan có resto da humanidade. O que quere é isolarse nunha forteza que o distinga dos demais, e por iso eses ricos métense eles na cadea das súas residencias acorazadas, e meten aos demais nas prisións, privatizadas moitas veces para que den ainda mais diñeiro para eles, e na cadea da pobreza, da miseria e da falta de traballo. E así as democracias viran estados policíacos nos que ninguén pode viver en liberdade.
================================================ ================================================ |
|