grupo                                    3ª época

                                                                                                                     de                                         Boletín

                                                                                                                      traballo            londres          nº 2

                                                                                                                      galego                                  febreiro 84

 

 

CULTURA DE MOSTRÁRIO

 

Nalgun tempo habia na Galiza homes moi cultos. A cultura non é novedade de agora. Aqueles homes, que pensaban e que sabian moitas cousas, tiñan ademais as actividades e curiosidades próprias do home cultivado: ler muito e con pracer, escreber cartas, receber amigos, ter atencións coa xente, finura e boas maneiras, facer por estar enteirados do que pasaba no mundo, pensar que habia que seguir aprendendo toda a vida… Calquera deles teria pasado por persoa culta e civilizada en calquer sítio do planeta. Eran cultos universais.

 

Logo viñeron os tempos na Galiza, coincidindo cos da ditadura franquista, en que nos fixemos moi europeios, europeios “à la” Europa que despois se revelou das multinacionais, dos mercados comuns americáns e do Opus Dei. Fixémonos cultos cunha cultura de mercado e de consumo, pensada para ter “prestíxio”, para podela amostrar a aqueles que, segun parecia, viñan aprender de nós, atraidos pola luz compostelana. Xa non facia falta aprender nada fóra; agora, profesores e cadeirádegos do mundo inteiro viñan ver o botafumeiro e a saciar a sede de cultura connosco.

 

A cultura do prestíxio amostrábase no mesmo espírito con que se amostraba o “duralex” comprado no estranxeiro, e repartíase como se repartian antes as bulas. O importante era facer ver que nós estábamos á altura de calquera e que tiñamos o que habia que ter no momento, ainda que non fora mais que unha peza de cada cousa: unha cunca de Shakespeare, unha culler de Heidegger, un coitelo de Eliot…Era unha cultura de amostras e sen viaxantes.

 

E, naturalmente, como pasa sempre que se fai “cultura” con ese xeito, o resultado foi dar o que temos agora: uns cultos impresentábeis e acomplexados, que viven nun olimpo de soberba pero nun terror contínuo de que alguén “teña” mais pezas que eles e saiba algo que eles non saben. Intelectuais que non len mais que unha folliña do libro que recomendou “El País” porque hai que estar ao tanto, pero convencidos de que xa non hai tempo para ler neste mundo de hoxe, e de que, como eles xa non len os clásicos, non os len en ningures. Cultos comprimidos e inexpresivos, que falan en pensan en clichés, incapaces de manter relacións amistosas con ninguén, por pensar que as atencións e a cortesia, así como o escreber cartas, diários ou memórias son cousas atrasadas e que xa non se fan no mundo moderno. Ese mundo no que a xente lé mais cada vez, ainda que teña vídeos, porque o libre segue sendo a única fonte de liberdade e imaxinacion frente á dependéncia dos grandes meios de comunicacion e a principal fonte de cultura que se coñece, no que se escreben cartas igualiño que antes, no que a cortesia dos nosos campesinos non desentona, e no que o descortés e desatento segue parecendo tan túzaro e incivilizado como antes, porque o desabrimento do “progre” non é, por sorte, norma universal de conducta.

 

Foi un dos moitos enganos do franquismo, dese espírito franquista que no noso país andivo disfarzado de oposicion, e até de galeguismo.

 

 

 

 

EMIGRANTES CON COCHE

 

Aos galegos de dentro séguenlles amolando moito os coches que os emigrantes levan para pasar as vacacións na terra. Parécenlles fachendosos. Os deles, non. Non damos acertado por que será así. Un lémbrase daquilo que dician as señoras das criadas: “sei que pensan que xa son coma nós”, e os señores do obreiros: “¿e de que se queixan, se agora andan de zapatos e non de alpargatas?”.

 

¿Ou será que o que tanto os desasosega é que se lles destraguen os autos ao ter que andar polas lameiras? Mais falta fan pola lameiras que polas vilas ou a capital, pero ten que ser iso, porque os coches dos caciques non producen comentários nen molestan. A eses, si se pode, ainda se lles vai sacar o brillo cun pano, pra que reluzan ben.

 

 

 

 

AS NORMAS OFICIAIS

 

Nuns momentos en que, por moi diversas razóns, cuase todos os que escreben en galego estarian dispostos a aceitar unha normas de escritura coas que se conseguise certa unidade da nosa língua, ainda que cadaquén tivese que ceder nalgunhas das suas preferéncias, xurde unha normativa feita cun extremismo feroz, que non pode facer mais nada que acentuar as divisións, que non satisfai minimamente a cuase ninguén dos que usan a língua, nen siquer aos que teñen que aceitala por algun motivo autoritário, e que dan exemplo dunha postura ditatorial, disfarzada de cientifismo.

 

Dous aspeitos das Normas parécennos errados por antigalegos: o castelanismo e o vulgarismo. O castelanismo nótase, por exemplo, en que, á hora de escoller entre formas vivas do galego falado hoxe na Galiza, e outras claramente copiadas do castelán, quérense estas. Ninguén nos vai convencer de que se di “árdelle o eixe!”.

 

O vulgarismo, ou preférencia polas formas de mal gosto, revela un profundo descoñecimento da sensibilidade lingüística do noso povo. Que os señoritos urbanos chegaran á conclusión de que non hai tabus lingüísticos e falen sen respeitalos non quer dicer que non estén vixentes no povo. E o falante espontáneo de galego síntese insultado e ridiculizado cando escoita falar dun modo que a el parécelle bruto e indelicado e que ao señorito parécelle moi galego, porque inconscientemente segue asociando o galego coa tosquedade e a groseiria.

 

Conviria ter moi claro, á hora de falar e escreber galego, e xa non digamos á hora de fabricar normativa lingüística, que unha cousa é o popular e outra ben diferente o vulgar, e que non se debe confundir o ruralismo coa rusticidade e o mal gosto. E tamén, que unha cousa é a língua falada e outra a escrita. A escrita, para ter ese mínimo de elegáncia a que debe aspirar toda língua, por moi populares que queramos ser, precisa certos recursos dos que a língua falada pode prescindir. O uso de “mas” ou “mais” en vez de “pero”, ainda que non o sustitua sempre, é un destes recursos necesários para evitar monotonia e vulgaridade no texto escrito; recurso que tamén existe en castelán, onde se escrebe “mas” a pesares de que rara vez ou nunca se diga  (no caso do galego, por riba, existe na língua falada). Igual pasa con “cuxo” ou “cuio”, palabra que sirve para dar maior fluidez e airosidade ao texto. E moi tonto haberia que ser para confundir ese “cuxo” cun becerro. En cámbio, ese fanático copiar da fala non se segue á hora de poñer “c” e doble “c” mesmo onde os galegos nunca os pronuncian, nen siquer cando falan en castelán.

 

 

 

CARAMELOS ENVENENADOS E ÉTICA

 

Houbo, por sorte para Galiza, quen se negou a ser premiado. A fibra moral e ética que se demostra nestas ocasións non ten só valor individual, senon que repercute en todo o país. Rexeitar dous millóns de pesetas, que son moi bonitos, non é un xesto valeiro e atolondrado, nen un espavento de divo. Os xestos e os espaventos fannos, mesmamente, os que con eles queren tapar conductas aproveitadas e escuras.

 

As conductas coerentes e éticas non son nunca inúteis. O seu grande valor é que dan ánimos colectivos para a loita e a resisténcia, mentras que as conductas incoerentes e aproveitadas desmoralizan e tiran forzas. Abondan, e abondaron sempre, os que se venden por un postiño, unha bolsiña de cartos ou un sitiño na Académia; os que están se cadra na oposicion até que os establishment do momento recoñece os seus “méritos” e con iso, para eles, se redime; os que entran nos sítios proibidos para “milloralos” desde dentro coa sua preséncia. Abondan os que non entenden, ou non queren entender, que na vida hai que estar escollendo todo o tempo, e que dicer que “non” é cuase sempre moi incómodo e fastidiado pero que hai que facelo. As conductas coerentes e merecedoras de respeito levan sempre o sacrificio detrás. Renunciar aos postiños, ao respeito oficial, aos sitiños, aos cartos, ás crónicas loubatórias é un sacrificio. Mas o contrario a ese sacrificio é venderse, venderse a ún mesmo e vender ao país ou á causa pola que se loita. Venderse por un saquiño de caramelos que, por riba, estarán as mais das veces envenenados.

 

Voltar ao índice de números