grupo                                    3ª época

                                                                                                                     de                                         Boletín

                                                                                                                      traballo            londres          nº 1

                                                                                                                      galego                                  novembro 83

 

 

 

 

 

        Comezamos con este número a terceira época do noso Boletín. Nada mudou nos nosos princípios. e seguiremos recollendo aquí o resultado das nosas reflexións e debates sobre os problemas do país, con perspectiva nacionalista sempre. O Grupo de Traballo sigue sendo independente e os seus integrantes difiren en moitas cousas, per coinciden no seu galeguismo. E, ao revés do que dí o proverbio, enténdense "porque son galegos".

 

    Parécenos  que así debería ser sempre, non só no noso pequeno grupo, senón tamén na vida pública no nacionalismo. E así terá que ser, se queremos chegar a ter unha forza nacionalista capaz de lle dar á maioría dos galegos o que sen sabelo queren, capaz de petar na conciéncia do país e despertar os ánimos á loita polo própio ser, porque cando ésta falta non existe nen o individuo nen a colectividade. Isto é un traballo longo e difícil, en todos os frentes, e non só no da definición política en termos que terían sentido se fóramos xa un estado ou tivéramos sólidamente establecida e implantada na esmagadora maioría da nosa poboazón a conciéncia nacional completa. Poderíamos entón permitirnos o luxo de facer análises e "desmitificacións" que non teñen cabimento na nosa situación, como non ten cabimento tampouco aquí a presa polo poder inmediato. Temos primeiro que crear a base dese poder, saber moi claro para que o queremos. Quen teña degoiros de poder polo poder, non ten sítio ainda no nacionalismo; tense que apontar noutro lado. Até porque se o consigue non o podería usar de xeito nacionalista, memo se quer, por falla daquela base.

 

    Levamos moitos anos perdendo base e contido. Parece como se morrera a imaxinación que é a fonte de todo nacionalismo e de todo o que vaia contra o "status quo".  Ser nacionalista é afirmar a própria identidade, afirmar a posibilidade de algo diferente do que xa existe. Necesitamos símbolos e ideoloxía. Porque sabían esto fixeron o que fixeronos os nosos devanceiros até a Guerra Civil.  Coidamos despois que había que "ser como todo o mundo", e, pensando ser modernos, desfixemos o pouco que tíñamos, por unha espécie de vergoña mal entendida a maior parte das veces, Porque a xuventude europea da aposguerra criticaba a idea de nación = e razón tiña= pareceulle a algúns que non se podía ser nacionalista. Outros tentaron aclimatar ideoloxías de clase e destruiron en nome destas o elemento nacional sen pór nada imaxinativamente vivo e concreto no seu lugar, criando así unha tensión ideolóxica irresistibel para eles próprios e que, ao non ter detrás nen unhas masas mobilizadas nen unha revolución, estourou nun esnaquizamento contínuo e sectario. O país reclama outra cousa. Demanda solucións orixinais, non adaptacións imposíbeis do que anda por aí fora, do que levou o mundo á triste situación en que se encontra.

 

    Con todo isto, que ven de diferentes bandos do espectro político, quedamos sen símbolos nen ilusións, nun ermo de anacoretas sectários que mais lembra o arquetipo castelán que o país verde e civilizado que os galeguistas queríamos e queremos. Leváronnos do pasado a Breogán, os celtas, Pardo de Cela, as cantigas e as danzas, as formas de convívio social...  No presente, ninguén vota por nós ou atopámonos, nós os nacionalistas, sen ter en quen votar. E se iso nos pasa aos nacionalistas convencidos, non digamos o que pasará cós outros galegos, dos que precisamos tamén para a empresa común. E para o futuro ,  deixáronnos tamén sen ideais. ¿Qué queremos ser?  Non hai nacionalismo que funcione sen esta imaxe, por vaga que sexa.

 

    No nacionalismo teñen que caber todos os galegos. Pódese ser galeguista e espirita, galeguista e frade, galeguista e marxista. O que non se pode é ser galeguista  e non contar có 99,9 por cento restante dos galegos. A única maneira de concentrar forzas é colaborar no que nos xungue  e non afortalarse no que nos separa. E para iso, volvémolo a dicer, hai que traballar moito, porque ninguén de fóra vainos vir axudar.

 

    Pola nosa parte, non pensamos abandonar a crítica radical nacionalista que inspirou os traballos do Grupo e que nos parece indispensabel, porque precísase dunha alerta constante neste difícil camiño. Esperamos tamén a mesma atitude, en cantos mais millor. É a única garantía contra o risco de quedar todos falando no ar, sen ninguén que nos escoite. Sen Galiza non somos nada, e Galiza son os galegos, con toda a sua variedade, despertos. en pe e polo camiño adiante.

 

 

CONTOS DA NOSA TERRA

 

    Nacera galeguista, nacionalista galego; e galeguista, nacionalista galego, pensaba morrer

 

    Xa home, saiu da terra. Traballou noutro estado, dos vários que hai por Europa adiante. Chamáronlle os seus "emigrante", ainda que ele non emigrara, non fixera mais que ir traballar a outra parte, e botáronlle enriba capeláns, mestres e xornalistas do país oficial a que sempre fora alleio. Dixéronlle que tiña que ter nostalxia do sol relocinte que non coñecera, e escandalizáronse cando lles dixo que el sentírase mais extranxeiro en Madrid. El sentíase a igual distancia física da sua terra en Madrid que en Londres, por exemplo, e a moita mais distancia espiritual. Dixéronlle que lle tiña que estar agradecido a varios señores de gabardina, que quedaran aló na terra, a quen el nen coñecía, porque se non fora por eles non sería galeguista. Pero ele nacera galeguista cando naceu ao entendimento e ao sentimento, porque tiña ollos para ver arredor de sí e sabía ler. E Rosalía deixara por escrito anacos da sua alma, e alí estaba Galicia.

 

    Chamábase Xan. Non se chamaba nen Xohán nen Juan. E berrábanlle por se chamar así, que era nome de pailán. Pero Xan vira mais mundo que os que lle berraban, e tivera que fixarse moito e aprender moitísimo, porque polo mundo adiante non hai curmáns nen amiguiños que che resolvan a vida, nen podes andar a fungueirazos como o Duqe de Alba na Flandres. Tiña moitos amigos portugueses e un deles, moi amigo, chamábase João, que tampouco se chamaba nen Xohán ne Juan. E falaban moito un có outro, e entendíanse moi ben.

 

    Xan andaba sempre matinando no país, enteirándose, estudando, lendo, sofrindo. Mas cada vez que pasaba por aló. decíanlle que non sabía nada de aquilo. Sabíano, en troques, os que vivían en Madrid, que iso non é emigración.

 

    Xan nacera galeguista, nacionalista galego; e --porque aínda segue vivo a pesares de todo-- galeguista, nacionalista galego pensa morrer.

 

 

 A ESCRITA, SÍ ;  ¿E A FONÉTICA?

 

      Todas as linguas teñen as sua sinais de identidade. Na escrita, é a ortografía a que viste á lingua da ropaxe que nos fai recoñecela dunha ollada. Na fala, é o timbre, a curva melódica, a entonación, o que chamamos "o acento". Sabemos a distáncia cando nun grupo están falando inglés, francés ou español. Si se saben eses idiomas podemos distinguir a un falante culto dun falante popular, sempre dentro do mesmo sistema fonético.

 

    A situación en Galiza é ben diferente. A distáncia recoñecemos como galego ao falante popular, mas nunca pasa tal cousa có que denominaríamos falante urbano culto. Neste último caso sónanos a castelán, e non a unha variedade do galego. O mesmo sucede có galego falados nos medios de comunicación de masas. Fáltalles inteiramente a mínima vestidura fonética da lingua.

 

    Hai un sector amplísimo que non parece ter consciéncia de este problema. Pensemos no seguinte exemplo: os responsábeis da TV e rádio galegas non teñen evidentemente en conta a necesidade dunha fonética mínimamente auténtica  á hora de contratar locutores galegos. Neste caso a responsabilidade é moi grave, pola difusión do meio, e polo desconcerto que cría no falante, ao que se lle apresenta como versión culta da sua própria lingua o que na verdade é un disfraz castelán. ¿Cómo non escandalizará esta aldraxe a todos os galegos e sobretudo aos que se queixan desa desfiguración cando é na ortografía?.

 

    Esta indiferéncia só pode ter explicación no marco dunha profunda colonización mental e espiritual. É a única explicación de que eses acentos alleios non provoquen o desprezo e a risada inmediatos. Ou tal vez sí que o provocan, e por iso o falante normal de galego non recoñece a sua língua na que usan os que din representar os seus intereses. Temos que tomar moi en sério este problema e cando analizamos resultados electorais adversos, pensar tamén unha cousa tan simples como que o eleitor pode recoñecer como paisano ao que nós consideramos inimigo de Galiza, porque fala cunha fonética mais galega que a nosa ainda que fale o mais do tempo en castelán,. Atención, pois, á fonética.

 

 

Voltar ao índice de números