
de Boletín
traballo londres nº 9
galego xunio 81
A FANTASMA DA “INSEGURIDADE”
As ditaduras deixan cola. E antes de desesperar da democrácia, sería bon pensar se a temos, e se non estaremos respirando aínda o ár da ditadura. Todas as ditaduras deixan vícios, psicolóxicos e sociais, mensaxes que se graban no obradoiro das ideias e fantasmas que non nos abandonan nen siquer á hora de acudir ás urnas. Todo isto é natural, mas hai que sabelo.
A ditadura cría unha mentalidad carcerária. Empézase colléndolle medo aos opresores e acábase téndolle medo á própria liberdade. A vida simplifícase moito cando as “autoridades” dánolo todo feito e é moi tentador seguir nnha eterna nenez.
A violéncia, que é a primeira arma da ditadura, transfórmase depois en opresión psicolóxica. E a pedra angular do tecido social opresor é a “seguridade”. En nome dela críase un sistema no que só poden sobreviver os que se “apunten” onde estexa mandado apuntarse. Os postos repártense entre xentes de confianza, sobretudo os do ensino, a xustícia, as finanzas e a igrexa. Os bens, materiais e espirituais, distribúenos, ou millor dito, despáchanos, unha engranaxe de burócratas omnímodos.
Ese “despacho” mata a eséncia do que administra. O sistema de estudos, por exemplo, pasa a criar, glorificar e perpetuar ao sanguesuga que nen estuda nen deixa estudar, nen traballa nen deixa traballar mais que no que conveña ao amo. Daí que non se faga nada para despertar a curiosidade intelectual do estudante. Se algunha ten, matáselle. De qué val saber cando o único que conta son os “amigos”? . A vida é para perder o tempo, comer, beber e, como pracer espiritoal, o da envexa. Valor polo que paga a pena facer o que sexa: que o “respeten” a un. E como alguén terá que traballar, que traballen os galegos que marchan fora e mandan as divisas para que siga vivindo ben a xente “ben”.
A fror desa sociedade é o burócrata. Non pode ser outro. Xúntanse nele superlativamente a seguridade do posto, a comodidade do traballo, a satisfacción de ter en quen mandar, a rentabilidade de cobrar por non facer nada, a falla de curiosidade e os respeito indiscutíbel dos demais. Esa clase parasitária apreséntase como a mais invexábel e todos aspiramos a formar parte dela. Así “collidos”, a dignidade morre e a independéncia desaparece.
O curioso do asunto é que, ao final, este tipo de vida, que pódese moi ben chamar “colonial”, xenera o aburrimento, mortal e absoluto, aínda que as propagandas trunfalistas nos digan que somos os únicos habitantes do planeta que entendemos a vida e que sabemos amar e pasalo ben. Onde non se cultivan as vocacións, aptitudes, talentos e aficións, a única diversión acaba sendo a de ollar para os demais, a de “ver” e “ser vistos”.
Todo seguro, eso sí. Mas o home non naceu para a seguridade. Naceu para ser libre e, nesa liberdade, realizar a sua vocación criadora. Por iso a liberdade é o direito mais ineludíbel, a mais imprescindíbel necesidade da condición humana, aínda que non o pareza. Sen liberdade, nen o home pode chegar a ser home, nen a muller, muller. Fican malogrados, nenos eternos, escravos a perpetuidade. Todos nacemos para ser criadores dalgún xeito, sempre que non nos tollan a liberdade de escoller, e sempre que fagamos o esforzo necesário e recebamos a educación e instrucción axeitadas. Facer “elites” de “criadores” e pensar que só poden chegar a selo uns poucos é capitalismo espiritoal.
A opresión ten que anular o instinto criador, porque este non pode realizarse sen liberdade. E, se non a ten, revóltase. Por iso, para matar ese instinto, acúdese a fomentar a ignoráncia, o medo, a superstición e, sobretudo, a convencer á vítima de que hai cousas mais valiosas. E aí é onde entra, con todo esplendor, a aspiración á seguridade, custe o que custe. E aí corrómpense os valores todos: o entusiasmo pola moderación fai florecer a vulgaridade. Pouco a pouco a honradez pasa a ser risíbel e atrasada, a valentía –e xa non digamos a heroicidade- é “cousa de tolos”e a única intelixéncia admirábel é a picaresca.
Na cadea non hai nada que escoller. For a dela hai variedade, independéncia e liberdade. Na ditadura hai a monotonía da “seguridade”. Na democrácia hai diversidade, tensións, problemas, paixón e drama. Os que fixeron algo que valeu a pena nesta vida pasárono mal moitas veces, gozaron de seguridade moi poucas, mas non viviron nunca como prantas nen como escravos.
A política é unha das formas mais elevadas da criatividade. Por iso, sen democrácia auténtica, sen un sistema no que liberdade do cidadán estexa protexida e garantida como o valor mais alto de todos, non pode haber nen política nen criatividade.
Hai que escoller entre viver en tensión criadora ou en escravitude “segura”. Tolleita terán os galegos a sua criatividade até que se independicen para sempre de todos os que, dende dentro e dende fora, queren seguir mandando neles.
A VERDADEIRA ESCRAVITUDE
Segundo o académico por partida doble, Camilo José Cela, o que fai falla é que os galegos deixen de ser os escravos de Europa.
Diríamoslle ao señor Cela que os galegos non son en Europa mais escravos que os italianos, gregos, portugueses, andaluces e outros que nela traballan. Onde son mais escravos que ninguén é na propria Galiza.