grupo                                        2ª época                                

                                                                                                                     de                                              Boletín

                                                                                                                      traballo            londres               nº 8

                                                                                                                      galego                                       marzo 81

 

 

 

A EMIGRACIÓN NON É UNHA VERGOÑA

 

A história galega contemporánea non se pode entender sen a presenza da emigración, tanto polo volume que ésta atinxiu, cuanto pola actividade que desenvolveu nos países onde tivo maior asentamento. Con outros vellos povos europeus, como o italiano e o irlandés, Galiza ten a orixinalidade de estar presente noutros continentes e de ter criado unha realidade cultural espallada por ambas bandas da mar océana e enriquecedora de ambas. Se os galegos son popularmente coñecidos no mundo, e non por mal, é por obra de aqueles que marcharon do país, e non da proyección cultural que se poda ter feito dende a Galiza.

 

Mas isto parece non ser do agrado de algúns dos nosos intelectuais e, sen dúbida, tampouco dos organizadores do coloquio internacional sobre “O feito galego” que se ven de realizar nunha cidade do país/

 

Resulta irónico que teña sido Vigo  -porto polo que saiu grande parte do caudal humano que deixou Galiza para facer a sua vida nas terras de América-  o cenário desa reunión onde se ignorou a emigración, ignorándose así un feito social persistente na vida galega dende, polo menos, os finais do século XVII.

 

E non foi esquecimento involuntário ou desatención do momento. Foi exclusión propositada, decíndose no programa que se facilitou á imprensa que tratábase de correxir a imaxe de Galiza como terra de emigrantes con outras “realidades” que alí se explicarían.

 

Alén das opinións que se podan ter sobre o referido colóquio, a sua organización e a sua oportunidade, é necesario dicer que esa exclusión é mais un signo desa especie de alérxia anti-emigrante que aflixe a unha parte da nosa “intelectualidade”. Alérxia que lle teñen a todos os aspectos da vida popular galega e que, neste caso, indica o terror a ser confundido con eses coitados que colleron o fardel e marcharon ou cos que están véndose na necesidade de ter que facelo un destes días “autonómicos”.

 

Aceitan os que así pensan a clásica división dos galegos en “finos” e “non finos”, identificándose, claro está, cos primeiros, cos que sempre desprezaron ao emigrante, como lóxica consecuencia do seu desprezo polo país onde nasceron. Desprezo ao que, como case sempre, non lle é alleia unha pinguiña de envexa, aínda que non estexa ben decilo dende aquí. Traspondo o fenómeno da história social á familiar, a mentalidade dalgúns dos nosos intelectuais está tan eivada como a dos fillos que escollen ficar a carón dos pais vellos en espera da “mellora” e non se liberan xa mais da pobreza nen da envexa de quen pegou camiño mais arriscado. O pior é facer mérito do que é unha escolla como outra, e moitas veces a mais cómoda.

 

A emigración sí que é un “feito galego”. Ter vergoña dela, que non é o pior dos nosos males, como tela de todo o resto das nosas misérias, é o millor camiño para non sair nunca delas. Porque na raigaña de case todas están os falsos valores do señoritismo e de quedar ben co rico, co que manda, ou co de for a.

 

Non significa todo isto cair na mitificación dos emigrantes. Entre os galegos que sairon, igual que entre os que quedaron, hainos bons e ruins, traballadores e lacazáns, leais e traidores. Mas como entidade colectiva os emigrantes merecen, non só respeito –tan siquer polo desafío que implica o ter que refacer a propria vida en terra alleia- , senón tamén recoñecimento polo que eles representaron e representan para a nosa historia e para a dos países onde ficaron. Esquecelos, ou sustituílos con fantasías franquistas, é traicionar mais unha vez ao país.

 

 

 

QUEN TEN A CULPA DO DE DICES-ROIS

 

Dín que en Dices-Rois son os pais os que non queren que os seus fillos aprendan en Galego. Ben, mas ¿quén foron os listos que, coñecendo a situación psicolóxica da língua galega e o secular desprezo en que foi tida, procuraron esa desculpa hipócrita e absurda para impedir, en definitiva, que a língua galega rexurda?  Hipócrita e absurdo é que, nun sistema no que os pais non teñen direito a escoller nada para os fillos, no que non poden protestar da má calidade do ensino, nen que se concentre aos nenos como se foran gado que vai para a feira, nen do negócio dos livros de texto, nen dos pésimos profesores que o alumno ten que aturar dende a escola até a universidade, só teñan direito a decidir se queren que os fillos aprendan galego ou non.

 

A culpabilidade de casos como o de Dices-Rois terá que recair, claramente, non neses pais, vítimas mais unha vez da ignoráncia, os prexuicios e os manexos caciquís, senón nos intelectuais e partidos políticos que prestaron o seu apoio a un Estatuto que permite continuar hipócritamente a persecución da língua.

 

Acúsase á mestra de Rois de “fanatismo” e de terlle manía ao castellano. E logo ¿por qué non son fanáticos os que lle teñen manía ao galego e seguen fieis á consigna de “no sea bárbaro, hable en la lengua del Imperio”?.

 

 

 

ABSTENCIÓN E CULTURA

 

Sabíamos, porque dixéronolo hai anos, que o home galego tiña innata afinidade coa alma xermánica, especialmente no avatar heideggeriano de ésta. Da mesma autorizada fonte aprendemos agora que o noso povo ten “tendencia espontánea á abstención”. Refírese, hai que aclaralo, á abstención electoral.

 

Mas resulta, según despois se explica, que a abstención non é tan espontánea, senón que se debe ao escepticismo político xerado por unha longa experiencia de abandono, de atraso e de horizonte emigratorio como única saída.

 

¡Cántas voltas para non admitir que os intelectuais por autodefinición e apolíticos por disfraz non son os únicos que teñen opinións lexítimas e razoáveis!. ¡Cántas para fabricar con bimios e pallas un Olimpo en que instalarse por riba do ben, do mal e do resto dos galegos!.

 

O povo galego, se é políticamente escéptico, da unha mostra de lucidez e consecuencia que lles falta aos seus pretendidos guieiros. Guieiros que, á hora de falar, gardan melindrosas distáncias coa política para escudarse nun monopólio da razón práctica, ridículo, insufríbel e que sería insultante se o povo non tivera o senso do humor que a pesar dos pesares aínda conserva.

 

Non deben, con todo, abusar dese senso os nosos mestres na arte de pasar as culpas aos demais.

 

Seguimos pensando que a abstención ten significación política activa. Afirmar que os que se abstiveron “terían votado afirmativamente si souperan o que significa a autonomía” carece de lóxica e é unha mostra de soberba difícilmente aceptábel nos canles dun pensamento democrático.

 

Coinciden con frecuencia os que atribúen a abstención no referendum do Estatuto ao atraso dos galegos cos que louban decote a cultura galega como indiscutíbel, asombro de propios e estranos, moi admirada nas universidades extranxeiras (non se fala de outra cousa en Uppsala) e, non faltaba mais, nas redaccións dos xornais de Madrid e nos salóns de bon ton da capital.

 

Curioso concepto da cultura. ¡Ai, se por cada cita en alemán se librase unha ánima do purgatório do analfabetismo práctico!.

 

 

 

 

 

SE A XUNTA FOSE…

 

Se a Xunta de Galiza fose galega de verdade:

 

-sería Xunta de todo o país e non Xunta de Santiago. Galiza é un país dividido secularmente por localismo favorecidos por quen sempre souberon, xa dende tempos dos Reis Católicos, que aos galegos había que dividilos para que non se fixeran fortes. Por tanto, o primeiro que tería que facer un goberno autonómico sería correxir esa división; porque un goberno autonómico ten que aspirar a unir Galiza, ¿nonsí?. E nada millor para iso que estabelecer unha capital rotante que andivera por todas as cidades, vilas e comarcas. Ao fin e ao cabo, viaxar educa moito. E no trasego dunha vila a outra perdería forzas moito burócrata. A polémica da capitalidade, provocada prematuramente como o foi, constituiu un exemplo claro das divisións que o centralismo xenera e aproveita. Se a Xunta for a galega non se prestaría no futuro a unha repetición desa triste experiencia.

 

-protexería, favorecería e alentaría unha Escola Galega. Porque non é posíbel favorecer e protexer unha língua se non se ensina nela, e menos si se persigue aos que ensinan nela.

 

-protexería, favorecería e alentaría unha prensa diaria, radio e televisión en galego. Ningunha língua pode desenvolverse dun xeito normal se está sometida a erosión contínua por outra. A perda acelerada do galego nos últimos anos nos meios rurais débese mais que nada aos efectos nefastos da televisión española. Non é cuestión de engadir minutos ou meias horas aos que xa se transmiten, senón de galeguizar dende a fonética até o estilo dos meios de comunicación, de maneira que non se reforce a agresión linguística coa difusión dun galego que é un mal remedo do pésimo español de Prado del Rey. Unha boa televisión nacional tense que nutrir dos recursos do país, refrexar o país auténtico, e non pasar pola peneira cultura de outra língua e outros hábitos. Se non, repetimos, váiselle dar a que fala galego con purísima fonética do país a idea de que debe falar como o locutor castelanizado en língua, expresión e até xesto.

 

 

Voltar ao índice de números