grupo                                        2ª época                                

                                                                                                                     de                                              Boletín

                                                                                                                      traballo            londres               nº 7

                                                                                                                      galego                                       decembro 80

 

 

O FUTURO NON DEPENDE DO ESTATUTO

 

No día máis curto do ano os galegos irán depositar nas urnas, chamados por organizacións tan alleas como sempre, o seu voto sobre un Estatuto que vai resolver problemas que non son os deses votantes. Non é unha data transcendente nen histórica, como non sexa para a triste historia da colaboración galega na política da Corte.

 

Xa temos explicado a nosa posición diante do Estatuto (véxase o n 3 do Boletín). Nada do que se pasou dende entón muda o estado da cuestión nen o noso xuicio a ese respeito. Polo contrario, a congregación de forzas que se foron achegando ao proxeto revela, cada vez máis claramente, a qué intereses e apetencias sirve o Estatuto.

 

A autonomía estatutaria está trazada dende o centro –non podía esperarse outra cousa- e reforza a engranaxe burocrática, vencellándoa orgánicamente, na prática, á administración central. Isto é dourar as cadeas, cando o que fai falla é quebralas.

 

Velaí os inimigos tradicionais do ser galego louvando o proxeto. Resolve, según eles, o problema. E é certo, porque o seu problema é o medo á diversidade, o terror á liberdade, o pánico a perder privilexios. Mas o seu problema, unha vez máis, non é o noso.

 

Seguimos entendendo o interés dos partidos do Estado e do sistema capilar caciquil en que o Estatuto trunfe. O que seguimos sen entender é qué se lle perde a quen algunha vez se chamou galeguista ou a quen pense seriamente no porvir de Galiza.

 

Con Estatuto ou sen ele, o vintedous comezan a medrar de novo os días.  “Santa Lucía, míngua a noite e crece o día”.  E Galiza, que tanto leva aturado, dende hai tantos séculos, que nada espera do pasado e todo do porvir, camiñará, tras esta vicisitude, con paso cada vez máis firme cara aos días longos da liberdade.

 

 

 

SE ISTO NON É ALDRAXE…

 

Que o artigo 5 diga que “la lengua propia de Galicia es el gallego”.  ¿Será casualidade que non diga que a lingua de Galiza é o Galego?  Ou será que dicer que unha lingua é propia dun país non implica que vaia ser a que se fale no futuro…

 

Que o artigo 7 lles otorgue aos emigrantes  “el reconocimiento de su galleguidad”  e o direito a participar na vida cultural, cando a historia contemporánea de Galiza non se pode entender sen eles. O himno galego cantábase na emigración cando estaba prohibido na Terra, a bandeira ondeou antes en América que en Galiza, a propia Academia Galega débelles a orixen, e ate a morte dalgún cacique foi tramada na emigración. E todo isto sen ter direito…

 

Que o artigo 4 recoñeza  “el derecho de los gallegos a vivir y a trabajar en su propia tierra”.  Menos mal que, polo menos, non se proclama  “o sagrado direito a emigrar”.  Mas o ideal sería que ninguén tivera que emigrar por falla de traballo, e que cada un tivera direito a vivir onde lle pete.

 

Extraña que unha nacionalidade histórica  (artigo 1)  estexa integrada por cidadáns cuia condición política depende da vecindade administrativa. É o mundo ao revés: na base a administración, despois a política e, por último, a historia. Vese que na UCD abondan os administrativistas.

 

Que no artigo 5 se proclame que  “nadie podrá ser discriminado por razón de la lengua” cando os que falan unha delas, o castellano, non foron nunca discriminados. E aos que sempre o foron, por falar a súa lingua “propia”, non se lles da a ventaxa positiva que necesitarían para correxir unha inxusticia de séculos. Esa discriminación positiva é a que lle fai falla ao Galego, como a todas as vítimas da discriminación social.

 

E tantas, e tantas outras cousas, que non son lixos na auga limpa, senón mostras da turbidade de inspiración e concepto dun instrumento que non está pensado dende Galiza nen para Galiza.

 

 

 

A GALIZA QUE QUEREMOS

 

Unha Galiza sen caciques. A “autonomía” que nos van dar ten a súa base nos caciques, que son e serán peza fundamental dela.

 

Unha Galiza sen burocracia. Os centralismos, aínda que se chamen autonómicos, medran gracias aos burócratas. Tiñamos sanguesugas abondo; a “autonomía” traerános máis.

 

Unha Galiza culta. Os caciques saben ben que, para medraren eles, é indispensábel que o povo continúe na miseria cultural. Por iso seguirán dando cartiños á Academia Galega e outras entidades igoal de ilustres e non os darán para as escolas, que non lucen. E por iso os mandamáis da cultura andan de festa.

 

Unha Galiza na que o campo teña igoales direitos que a cidade. O campo galego non val mais que para dar votos aos caciques e para entregarlles o diñeiro da emigración. Canto máis miserábel o campo, máis doados os votos e máis cartiños que veñen de fora.

 

Unha Galiza con boas escolas en todas as aldeias. En Nova Yorke e Washington houbo un gran rebumbio cando se quixo “busing” aos pretos e levalos a escolas separadas do sitio onde vivían. Os nenos galegos están sendo “buseados” dende hai anos e ninguén dí nada.

 

Unha Galiza con hospitais en cada vila, médico en cada aldeia e mediciña gratis para todos os cidadáns.

 

Unha Galiza cun sistema de educación gratuito e aberto a todo o mundo, e no que se eduque e instruia aos adultos de forma que o analfabetismo desapareza para sempre. E o semianalfabetismo tamén.

 

Unha Galiza na que nacer no campo ou nacer muller non seña unha disgracia.

 

Unha Galiza que fale e escriba na súa lingua, que é o Galego. E non se falará nen se escribirá en Galego ate que o ensino, os medios de comunicación, a xusticia, a mediciña, o comercio, a vida toda, estén en Galego. A Galiza “autonómica” seguirá falando en castellano ou castrapo, lendo e escribindo en castellano, ensinando en castellano, e escoitando a radio, televisión, teatro e cine en castellano.

 

Unha Galiza na que cada cidadán aprende a dicer que NON ao cacique que ten ao lombo. Cando haxa moitos “nons” individuais será cando veña o gran NON coleitivo que nos libertará.

 

 

CARABINEIROS DA LINGUA

 

Castelao díxolle nunha carta a Teixeira de Pascoaes:  “O Miño non é  unha fronteira e temos que voar, como os paxaros, por riba dos carabineiros e dos guardiñas”.

 

Daquela non matinaba que hoxe íamos ter que voar por cima dos intelectuais galegos que siguen convencidos de que a lingua dos da banda de alá do Miño é máis extranxeira que a dos de Madrid.

 

 

 

DINAMIZAR CASTELA

 

Dís que o mundo moderno vai polos camiños do biliguismo e que ser monolíngue é un atraso. Resulta que, cantas máis línguas, millor para a cabeza, que se espabila, e máis para a alma, que se dinamiza.

 

Preocúpanos, porén, o porvir de Castela, isolada no medio de comunidades bilíngues. ¿Por qué non había de progresar e dinamizarse o mesmo que os demáis? Suxerimos que, para combatir esa grande inxusticia que se vai cometer, se lle conceda a Castela o status de comunidade polilíngue, e que por en cuanto deixe de lado o castellano, que total xa o sabe e venlle de seu, das raigañas, e que lea, escriba, fale, ensine, comunique, adeministre xusticia, etc. nos idiomas peninsulares: un diferente cada tres ou catro anos.

 

 

Voltar ao índice de números