
de Boletín
traballo londres nº 6
galego outubro 80
EMIGRACIÓN E CREACIÓN
Díse moito que “a emigración non fixo nunca nada”. É frecuente ouvirllo a neo-galeguistas. É unha frase máis para minar dende dentro o ideario do galeguismo.
E, ao mesmo tempo, a emigración foi vencellada exclusivamente con sentimentos como os da saudade e a morriña, como supostas características da alma galega. Mas o galego non é o único ser deste mundo que emigra. Emigraron, ou emigran, noruegos, vascos, alemáns, chinos, indios, polacos, andaluces, asturianos, portugueses, nixerianos, e tantos e tantos outros. A emigración é universal porque universáis son, infelizmente, os males que a causan: a fame, a falla de traballo, a humillación social, a persecución ou opresión política. As “ansias do alén” nascen da miseria do “aquén”. Non se manifesta na emigración o espírito de aventura, mas sí outros: o espírito prático, o espírito de supervivencia. Que a necesidade afíe o inxenio, e ate moitas veces que sexa o resorte da creación, é outra cousa, que algo habían de ter os que se ven privados de outras ventaxas. Os galegos ricos, os galegos da vila, os galegos da cidade, non emigraron nen emigran, e ben que se lles nota.
Universáis son tamén a saudade e a morriña. Non hai no mundo quen non sinta morriña pola súa infancia, pola súa nai, por aquel lugar onde todos nos coñecen e onde somos alguén. Quen vivéu for a sabe o ridículo que resulta dicer que iso descubrímolo os galegos. E máis ainda se por riba explicamos que é que a nosa é diferente e metafísica. “E logo”, responde, digamos, o polaco, “¿cómo o sabe?”. Se seguimos por aí temos que acabar invocando a reserva espiritoal, como facía o defunto.
O grau de madurez dun individuo ou dunha colectividade mídese, en gran parte, pola distancia que consigue acadar dese sentimento. Querer ficar sempre a carón da nai, non se querer adaptar a nada novo, deixarse vencer polo terror ao descoñecido, revela infantilismo. Os emigrantes acadaron esa madurez; moitos teóricos que quedaron na casa non fan mais que darlle á roda do muiño dese infantilismo, na prática e por escrito. Se a emigración é unha disgracia, non por iso ficar na casa é unha virtude. E menos, unha virtude que ten que ser subvencionada cós cartiños dos emigrantes.
O galego que foi ás Américas deixóu todo atrás, incluídos os hábitos que a castelanización lle tiña imposto. E isto levouno a descobrir a súa identidade. E entón viñeron á tona os seus valores, crencias e ideáis. Os mesmos que, se non estivera tolleito por tantas eivas, faríanlle crear na terra unha civilización digna, madura e independente. A galeguidade só pode realizarse na libertade. De nada val inventar mitos da dependencia cós que nos convencemos de que, aínda escravos, somos máis listos, máis sentidos ou máis filosóficos que quen nos oprime.
Dous valores fondamente galegos apareceron na prática da emigración. E xa vai sendo hora de que procuremos, na prática dos galegos, as súas características, e non vaiamos a procuralas na filosofía que no momento ande de moda por aí adiante. Eses dous valores, tan fondamente galegos que todo galego os recoñece en sí propio e que todos manifestan a pouco que se lles pergunte son: a solidaridade e o desexo de educación. Unha solidaridade que nada ten que ver có consenso que nos predican os caciques de hoxe, e que non consiste en pensar todos o mesmo, ou en votar unánimemente, senón en saber organizarse para tarefas comúns e en axudarse os úns aos outros cando fai falla; e unha educación al alcance de todos os que a precisaran: novos, adultos e vellos, homes e mulleres, veciños da cidade e veciños do campo. Con eses resortes, e có seu traballo, conseguiu o emigrante galego o respeto de todo o mundo. Non foi con prestixios falsos, nen invocando conquistas nen presumindo de profundo ou de “diferente”, senón facendo o que creía que se debía facer para viver como él pensaba que se debía viver. ¿E non é esa, xustamente, a orixinalidade creadora? Así fai a súa obra o artista, a súa vida o home de ben, e así farán Galiza os galegos, a pouco que lles deixen.
¿Non será chegado o momento de que a Galiza de dentro comece a organizarse como se estivera fora?
BILINGUISMO
Queremos unha Galiza que fale galego. Por conseguinte, o ensino terá que ser todo en galego. Non hai país no mundo que fale nunha língua e teña o sistema de ensino e os medios de comunicación noutra.
O que sí pode e debe facerse é aprender a língua veciña, ou a “lingua franca” e, por suposto, respetar os direitos das minorías: nas escolas e colexios galegos debería existir unha asignatura chamada “Castellano”, para que os pais bilíngues que así o desexaran puideran escollela para os seus fillos.
GALIZA E O APÓSTOLO
A celebración do 25 de xullo veu rodeada iste ano dun clima de histeria que revela, máis unha vez, que siguen vivas certas atitudes que moitos creron que morreran en novembro do 1975. Segundo dixo un dos xornáis que se imprimen no país, o 25 de xullo debe estar exclusivamente dedicado “á adoración do Apóstolo”. Por certo que tal afirmación indica total ignorancia do que se pretende defender, pois na teoloxía católica os santos non son adorados; mas é sabido que a ignorancia, xunto có fanatismo, caracteriza a certo tipo de clericalismo peninsular.
Sucede que nese día coinciden unha celebración relixiosa e outra cívica; que non teñen por qué interferirse mutuamente.
O “Día de Galicia” non nascéu para confundir peleriños, nen para que o galeguismo medre tirando proveito da Igrexa. Isto último, por certo, ben difícil, vista a permanente sumisión de ésta ás estructuras do poder central e aos seus acólitos na Galiza.
O Día da Patria Galega nascéu para reivindicar –nunha data particular do ano- un povo, unha terra asoballada, e para afirmar a vontade de sermos nós.
É verdade –como se argumentóu- que o Día de Galicia non ten máis de setenta anos de vida e que a festa do Apóstolo é secular, mas non é menos certo –tamén- que o nome de Galiza existía antes da mención do corpo do Apóstolo e mesmo antes de que na nosa terra houbera cristiáns. Tampouco é verdade que o día da nosa patria sofrira interrupcións. Se algún hiato houbo foi en Compostela –cando non podía haber coincidencia entre actos profanos, enténdanse políticos, e relixiosos, e a Igrexa recebía baixo palio ao xefe do Estado- , mas continúouse a celebrar na emigración. A Galiza de alén-mar primeiro, e de alén-os-Pirineus despois, seguíu lembrando no 25 de xullo a patria lonxana.
E postos a falar da emigración é bon recordar que na Galiza americana os sectores feixistas sempre negaron o Día da Patria Galega e intentaron disfrazalo de Día de Santiago. Claro está que nesa ocasión nengún dos sectores que agora botan denostos dixo nada.
Non hai dúbida que hai que manter o profano e o relixioso separados –como ben asinalaron algúns personeiros e xornáis que queren que movamos o Día de Galiza a outra data, ¿cecáis o 29 de febreiro? - , mas para pediren tal cousa antes teñen que lle quitar á celebración apostólica todos vestixio constantiniano.
¿Por qué razón se cuestiona que os partidos fagan convocatorias de manisfestacións en Santiago –que por certo non entran pola catedral adiante berrando consignas- e non se renuncia ao voto de Santiago? ¿Seica o xefe do Estado ou o seu representante son menos profanos? A Constitución non parece que diga nada sobre as orixens divinas do poder.
E que ninguén se horrorice, pois se Roma quitóu do santoral a San Xorxe –para darmos un exemplo- por non ter existido nunca, non se ve –coa mesma lóxica- por qué o voto de Santiago non pode correr igoal sorte. Non se pretenderá afirmar que é históricamente certo que o fillo do Zebedéu andivo dacabalo fendendo testas mouras nos tempos de Ramiro I. Deste modo a festa do señor Santiago sería exclusivamente relixiosa, no seu ámbito natural de celebración: a catedral, e os fiéis poderán venerar ao seu padroeiro; veneralo, que non adoralo.
Ao mesmo tempo, os cidadáns poderán manifestarse polas rúas, pois aínda que lles moleste a muitos, os nacionalistas podemos renegar da historia do noso país –incluído o mito xacobeu- porque ela só nos trouxo disgracia e desacougo, mas ao que non renunciamos é ao noso país.
CARTEIS
Hai quen dí que a próxima edición dos cartéis da consellería de Turismo levará como lema: “Galicia, sempre Parque Nacional do Subdesenvolvemento”.