
de Boletín
traballo londres nº 5
galego xulio 80
EUROPA: UNHA IDEA GASTA E ALLEA
Que os señor Suarez ou o señor González consigan ou non consigan que o Estado que rexentan entre na CEE, que aos outros Estados dese consorcio lles conveña ou lles deixa de convir esa entrada, que prefiran que sexa hoxe ou que haxa que esperar a mañán ou pasado…, todo eso é asunto que pode ter ventaxas e desventaxas económicas para uns ou para outros. Como todo neste mundo. Mas hai tamén un problema político que temos que prantexarnos en termos históricos e políticos de fondo. Non nos vaiamos deixar levar por pretendidas razóns económicas e esquezamos a outra dimensión fundamental.
Neste, como noutros problemas, Galiza e o galeguismo deben ter a súa posición política propia e non admitir a discusión nos termos que impón Madrid. O que xoga o Estados nesta operación non é o que nós xogamos, a iniciativa non é a nosa. O noso proxecto vai por outro camiño, a nosa inspiración vennos doutra banda, razoamos con outras premisas, xogamos noutro taboeiro ideal, con outras pezas e atendendo a outros valores.
Se nalgún momento a idea da Comunidade Europea pudo ter certo atractivo, cando ainda non se sabía ben o que iba ser -ou cando menos non era doa velo dende unha Galiza que, digan o que digan, era máis provinciana nos anos cincoenta que nos trinta-,
hoxe, despois de anos de cínica actuación pública, ninguén pode chamarse a engano.
Compréndese cál pudo ser o atractivo, para moitas persoas de boa vontade, da idea dunha Europa supranacional. A repugnancia moral polo xogo irresponsábel dos Estados europeus, que consumían en guerras insensatas xerazón tras xerazón de xóvenes no altar das glorias chauvinistas e das soberbas burguesías nacidas da Revolución Francesa e da fachenda napoleónica, é natural que producira o anceio dunha autoridade que enfrease tan desatados egoísmos das nacións, cunha autoridade supranacional, europea nalgunhas versión, mundial nas más utópicas.
Mas o estado supranacional é un superestado, no que todos os defetos desa institución se amplían e axigantan. Se xulgamos fracasados eses Estados e non concordamos cós seus valores, nada que eles podan pactar entre sí será outra cousa que unha ampliación dun monstruo, máis monstruosa cada vez.
Os protagonistas da política comunitaria son os Estados. Se alguén pensou outra cousa, equivocóuse; se alguén a espera ainda é porque certos optimismos non teñen límite ou porque algo gaña no asunto. Aí ven os Estados nacionáis a única posibilidade de fortalecerse e sobreviver. Nos perfís da Comunidade prolónganse as liñas mestras dos seus integrantes. Aí está o grande escenario do capitalismo, o soño dourado dos monopolios: un mercado común que é un grande mercado onde desplegar os seus profundos instintos.
O galeguismo criticou sempre a superstición cosmopolita, as inxenuidades do goberno mundial, opóndolles unha arela de auténtico universalismo, que é outra cousa. Mas nos anos do neogaleguismo, entregouse á versión europeísta do mesmo mito cun entusiasmo cuios motivos haberá que estudar algún día có vagar que merecen.
Se comezamos por aceptar os valores do Estado, non iremos a ningures senón onde ele quera levarnos. Se aceptarmos eses valores, non deixando que o Estado se afunda se lle chegou a hora, admitimos ao mesmo tempo unha interpretación da Historia Moderna que estima positivo canto para Galiza foi mortal, celebramos os trunfos da unidade e o dogmatismo, consideramos que as vítimas do irresistíbel crescendo imperial -e aí van tanto os galegos como os indios- eran vítimas “naturais”, vítimas por atrasados, por non seren máis listos, por fracos ou por brutos.
Non, a solución, a nosa solución ten que vir por outro camiño. Un camiño que para os galeguistas debería ser obvio.
Se criticamos o centralismo non podemos aceptar o supercentralismo. A Comunidade Europea levarános máis lonxe ainda os centros de decisión, cando o que queremos é telos máis perto de nós, tan perto que sexamos nós mesmos os que decidamos. Só poderemos chegar a Bruxelas por Madrid, que é o socio dese club, e Madrid peneirará as nosas pretensións e subordinará sempre os nosos intereses a outros. ¿Por qué non había de facelo se sempre o fixo? Voltamos sempre a este ponto de que a Comunidade reforza, no interno, o poder do Estado, ainda que no exterior perda éste parceliñas da súa soberanía que no fondo non lle importen e que, en todo caso, non podería manter. Pénsese, por exemplo, no reforzo dos sistemas de represión. Dentro da Comunidade, España non poderá facer a guerra a Francia ou Alemania, claro, pero dispoñerá dos mellores recursos técnicos para reprimir aos vascos…ou aos galegos. ¿E daríalles asilo político un Estado da CEE aos oponentes doutro Estado da Comunidade? Caso ben recente, o do bretón ao que lle foi negado permiso de residencia en Irlanda polas súas dificultades coas autoridades francesas. O Estado naceu para concentrar o poder. E un grande Estado, un Estado único, é o instrumento ideal do poder tiránico.
Fica o mito da Europa, ou a idea de Europa, se queremos. Mas eso é outra cousa. Con música de Beethoven e invocacións a Goethe, a Comunidade actúa predatoriamente e, no seu feroz egoísmo, é o máis contrario que cabe pensar a unha civilización que no seu ponto más alto creou a idea da Humanidade. A Europa capitalista é como todos os capitalismos, ou pior. O mellor de Europa foi crear valores que, por definición, implican a superación deses trazos. O humanismo, se naceu en Europa, non foi para convertirse en monopolio dos europeus, senón para trascender para sempre toda limitación imposta pola forza e afirmar, frente a todas as tiranías, dende as económicas ate as culturáis, o valor do ser humano, da persoa, da cor, sexo ou relixión que sexa. E, chegados aí, non se pode dicer que o que val é o home, todos por igual, pero más os que descobriron tal valor e os seus descendentes por sempiternas xeracións.
Tal vez en certos momentos da aposguerra os Estados nacionáis víranse tan desesperados, tiveran tan ameazada a súa supervivencia, que non lles quedou máis remedio que fechar filas e xuntarse para defenderse contra o resto do mundo. Mas nós, que ainda non temos conquerida a nosa identidade política, non podemos entrar nese xogo. Nós non estamos ao remate dunha experencia histórica, como están eles, senón no comezo do noso camiño. Poderemos acertalo ou non, quén sabe o que nos pasará ao andalo, quén sabe onde nos levará; pero é un futuro aberto, e non podemos deixar que nolo pechen os proxetos doutros que non queren perder o que teñen.
Da idea de Europa quedémonos coa herdanza vizosa e leda do descobrimento da libertade, non coas grises historias do absolutismo estatal, que hoxe reviven nunha Europa máis insolidaria que nunca. Recusémonos a consolidar o Estado absolutista, que agora nos chama para apuntarlar a súa decadencia e procurar escenarios onde continuar a súa historia de criminal vaidade.
O COLOQUIO DE TRÉVERIS
Tréveris ten para os galegos que coñecen a historia da súa terra un sabor de morte. Alí tronzouse a vida de Prisciliano.
Agora esa cidade vai ser escenario dun encontro sobre a “Tradición, actualidade e futuro do galego”, e esperamos que ese nome non signifique -máis unha vez- morte. Esta volta da vella arela do galeguismo histórico de fender a fronteira do Miño e reconstruir a unidade cultural do occidente hispánico.
Non se entende moi ben por qué -como andan a dicer por aí adiante- é importante que sexa nun lugar como Tréveris. Seica A Coruña, Lisboa, O Rio ou Maputo teñen menos valor. ¿Son menos universáis?
Tampouco se explica moi ben qué pinta nese coloquio o señor Camilo José Cela, cuio único mérito que se lle coñece é o de ser un escritor en castelán -língua na que vai falar- e o de facerlle á Academia Española o favor de que deixara de facer o ridículo que supoña manter no seu diccionario os aldraxes con que se nos tratou históricamente.
CINCO SÉCULOS DE MALA EDUCACIÓN
Son moitos os monopolios que escravizaron e destruíron ao país. Mas o máis grande deles todos, o que está na base de todos eles, e o máis disimulado, ou polo menos o máis aceptado xa como normal, é o monopolio do ensino. O ensino, gobernado, adeministrado ou inspirado pola Igrexa dende hai moitos anos, dende hai moitos séculos, foi o gran instrumento de asoballamento e corrupción, que inculcou, protexeu e espallou ignorancia e inmoralidade e fixo posíbel que todo seguira sempre igual no fondo, con dictadura descarada ou encoberta.
En termos xerales poderíase afirmar que os fins do ensino terían que ser instruir, educar intelectual e socialmente, e proporcionar bases sólidas para o traballo futuro. A Igrexa, baixo pretexto de “educar moralmente” , descuidou case por completo o deber de proporcionar instrucción adecuada, e valeuse do poder absoluto que conqueriu no século XV gracias á súa colaboración política cós Reis Católicos para espallar unha mala educación intelectual e social.
Para instruir e educar intelectualmente, que é o que todo mestre, profesor ou catedrático tería que facer, hai que ser un bon mestre. Un bon mestre é o que ensina ben, o que conduce e guía aos discípulos polos camiños da cultura, o que sabe e quere abrirlles as portas do entendimento. O bon mestre, o bon pedagogo, sabe cómo interesar ao alumno, e isto vai moi ligado ao feito de que sabe tamén interesarse por él, preocuparse por él, animalo. O bon mestre fai “florecer” aos alumnos.
A Igrexa nunca tivo bos mestres, salvo uns poucos que non fixeron carreira. Non os quería. Para o tipo de formación que pensaba dar, era mellor e más barato non telos, ou telos maos. E cando o ensino é mao, cando é un ensino sen bos profesores, entón, en lugar de transmitir cultura transmite ignorancia barnizada de pedantería e, en lugar de educar intelectualmente, pecha as mentes e os corazóns a todo o que signifique esforzo e verdade. Canto á “educación moral” que a Igrexa transmitiu foi a responsábel de que ano tras ano, século tras século, saíran das escolas, colexios e universidades camadas de homes e mulleres sen carácter ou co carácter deformado, que o único que aprenderan era a dicer que sí ao que mandaba, o único ao que respetaban era ao que pudiera untarlles o pan, e para os que o único que contaba era, e sigue sendo, “situarse ben”, presumir e mandar. Foi unha educación que, en lugar de conducir á libertade, á independencia, ao pensar por un mesmo e, por conseguinte, ao desenvolvimento das facultades humanas, levou á dependencia total, ao medo a todo o que non estivera “aprobado” pola sociedade do momento, a unha moral de superficie e convenencia e a unha mediocridade invexosa.
E son estes productos da mala formación, estas xentes sen carácter, as que despois axudan a facer e perpetuar os monopolios políticos, económicos e culturáis. O sistema que montou a Igrexa educa aos futuros déspotas, e eses tiranos e acaparadores son os que logo reparten os postos entre xentes “de confianza”.
Non é que a Igrexa non poda ensinar. Pode, igual que calquera outro. Mas deixando sitio para os demáis, sen marcar o paso na educación, e prescindindo dos escandalosos privilexios dos que tanto lle costa desprenderse. E só así resultaría convincente esa vocación excesiva que semella ter para o ensino. Porque, se tanta vocación ten, podería ensinar onde máis falla fai, nas aldeas, nas vilas pequenas, nos barrios pobres. Os ricos xa atoparán quen lles ensine. Ben sabemos que “hai que estar no mundo” , mas o mundo non reside somente nas cidades, nen está formado exclusivamente polas clases con diñeiro e poder.
AUTONOMÍA CULTURAL
Os defensores da pretendida “autonomía cultural” de Galiza –naturalmente, respeito de Portugal- deben falar claro e explicar se non é castelanismo puro que:
*sexa posíbel ser membro da Academia Galega tras pasar a vida escribindo en castelán e, nalgún caso, sen que a obra feita teña o mínimo vencello có noso país. ¿Tería parellos méritos algún galego que escrebese en portugués?
*muito intelectual que escrebe en galego, cada vez que bota man do diccionario para dar algún exemplo use o da Academia Española, ainda que se refira a outra língua. Porque o castelán é unha língua diferente do galego, ou…?
*o veículo normal de información do intelectual galego sexa o castelán, como se pode comprobar revisando as citas de calisquer traballo non literario. ¿E isto non leva a eivar máis ainda o galego con termos pensados para aquela língua?
*non teñamos máis que diccionarios feitos có castelán como língua de referencia.
Sería moi conveniente que explicaran cómo se constrúe a autonomía da cultura galega con feitos como os asinalados. Sería moi oportuno que deran unha boa razón pola que non se pode quebrar a dependencia cultural de Madrid. Se a autonomía cultural que nos queren impor vai ter Madrid como ponto de referencia, que o digan. A esa “cultura galega” de base castellana dicémoslle non, como dicemos non ao estatuto de “autonomía” política que nos queren vender como “ponto de partida”.
DÍA DOS MÁRTIRES
O 17 de agosto Alexandre Bóveda morreu asasinado. O exilio galego elevou esa data a “Día dos mártires”, para lembrar a todos os homes e mulleres que deron a vida por Galiza; a todos aqueles que refrendaron, nun plebiscito de sangue, as arelas de liberdade. Os galeguistas temos mártires e, esquecelos, é traicionar o ideal polo que eles morreron.