grupo                                        2ª época                                

                                                                                                                     de                                              Boletín

                                                                                                                      traballo            londres               nº 4

                                                                                                                      galego                                       abril 80

 

 

 

 

¿QUEN  SON  OS  HISTÓRICOS?

 

A expresión “galeguismo histórico” está hoxe moi espallada, mas o uso que dela se fai resulta históricamente falso e políticamente confuso.

 

En principio, o calificativo só debería referirse ao proieto político-cultural que agromou a partir da fundación das “irmandades da Fala” e aos homes que o levaron adiante, na Terra e na emigración.

 

Hoxe aplícaselle, case exclusivamente, ao grupo “Galaxia”. Todos sabemos que “Galaxia” nascéu nos comezos dos anos cincoenta, integrada por algunha figura da xeneración “Nós”, por xentes que estiveran no Partido Galeguista ou nas súas Mocedades e por algúns homes de outras orixe ideolóxica. Tamén deberíamos saber ---e telo presente- que os inspiradores ideolóxicos de “Galaxia” encóntranse comprendidos dentro dos dos últimos casos. Quer dicer que o proieto que puxeron en marcha non foi concebido por ninguén que tivera chegado á sua maturidade, intelectual ou política, antes do estourido da guerra civil.

 

As ideoloxías de un e outro proieto son radicalmente diferentes, ainda que podan presentar aparentes semellanzas. Máis todavía, as formulacións da xeneración “Nós” foron en moitos casos ocultadas, deixadas a un lado ou diminuídas polas xentes de “Galaxia”, nas versións que desa tradición lle daban aos xóvenes privados polo franquismo de acceso directo a ela. Feito que explica, en boa medida, as discrepancias –tras a formal liquidación do Partido Galeguista-  entre grupos políticos da emigración e os fundadores de Galaxia.

 

Castelao, Bóveda, Picallo, Porteiro e todos os seus compañeiros de loita, no caso de teren herdeiros, só teñen un: o povo. A todos nós nos pertencen, igual que Rosalía, Curros e Pondal. Os únicos que non poden chamarse continuadores destes ou daqueles son os desleigados, os caciques –políticos e culturais- , os intrigantes… Estes teñen outros pais e máis outros abós.

 

O de “Galaxia” foi un “neo-galeguismo”, independentemente do valor que poida ter. Formulóuse a partir dunha actitude reducente da realidade galega. Así, o labor cultural foi orientado cara á simples procura de “prestixio”. Ao mesmo tempo eran debuxadas unhas liñas políticas vagas, cun esquema bipartidista, válido tal vez para unha sociedade sen os atrancos históricos que tiña e ten a galega. Por iso, o neo-galeguismo fracasou, esmorecendo culturalmente e perdendo o rumo na política, ao enfuciñar na realidade. O idioma galego sigue sendo contestado, por moito “prestixio” que as palabras do Rei lle deran á inauguración da sede da Academia coruñesa. Mas é no terreo político onde o proieto sofre unha derrota catastrófica. A entelequia da social democracia e da democracia cristiá caíu e os que ficaron foron os caciques.

 

Aí están eles, rebentos vigorosos, manexando o país como sempre. E non é que nasceran agora, como parásitos da árbore democrática: estaban aí dende antes. Pasaran a Monarquía, a República, a Dictadura… O que acontece é que o neo-galeguismo esquenceu que os tiña na casa.

 

Por ista razón, a loita democrática galeguista desnortouse, pois non só se trata de conseguir uns diputadiños. Isto non é dabondo no noso país.

 

A mensaxe do galeguismo histórico está ainda sen cumplir. Esquecela foi, xa o estamos vendo, unha desfeita para Galiza. Os ideólogos dese esquecimento, ainda que non o queran facer, deben retirarse. E os homes e mulleres de todos os partidos galegos deben coller as vellas bandeiras.

 

O galeguismo histórico non está morto. A súa mensaxe sigue viva: universalizar Galiza, democratizar Galiza.

 

 

 

 

GALIZA  POLO  NON

 

O país deberá dicer que NON ao Estatuto de autonomía da UCD; porque é unha trampa para perpetuar aos caciques.

 

O país deberá dicer que NON ao ingreso no Mercado Común; porque siñifica perpetuar –nunha escala maior- a pobreza que se nos impuxo.

 

Galiza ten que aprender a berrar que NON, e moi forte, para furar os ouvidos de Madrid.

 

 

 

 

O ENSINO: POR QUÉ, PARA QUÉ, ONDE, COMO E A QUEN…

 

Galiza nunca será unha nación adiantada e civilizada sen unha auténtica revolución do ensino. Se Galiza ha de contar algún día cun sistema de ensino propio, que non responda a unha simple moda ou a unha mala imitación dos que xa hai, haberá que reprantexalo dende o principio, dende o fondo mesmo da cuestión. Galiza precisa dunha verdadeira filosofía da educación, é dicer, dunha escolla fundamentada e pensada do por qué do ensino, de para qué vai servir, de cómo ha de ser, ónde se ha de realizar e a quén se ha de dirixir. Cada país ten a súa, que respnde á súa concepción da vida e ás súas necesidades, creencias e ideais.

 

Galeguizar o ensino non se esgota na introducción de novas asignaturas de contido específicamente galego, nen siquer en ensinar en galego, senón que todo isto debe ser parte dun sistema subordinado ás necesidades e aspiracións do país. Aquí, como en tantas outras cousas, o galeguismo ten a oportunidades e a obriga de ser imaxinativo e realista.

 

 

Necesidades reáis e artificiáis

 

A xente dí: “Cada vez se exixe máis e cada vez se sabe menos”. Esta frase resume exactamente o sentir do país, ainda que non se saiban as razóns de tan extraño fenómeno. Pénsase que será porque a vida é cada vez máis difícil, porque nestes tempos hai que estar moi ben preparado, porque hai que especializarse, etc.

 

Mas na vida hai dificultades que son reáis e outras que son artificiáis. Calquera materia que se estude ben e a fondo é difícil: iso é unha dificultade real. Pero a selectividade dirixida a protexer monopolios profesionais é unha dificultade artificial. Como é artificial a dificultade de aprender de memoria, porque sempre se fixo así, o que non ten por qué aprenderse dese xeito. Ou ter que aprender os nomes dos osos do esquelete humán para coller a praza de fregadora na Seguridade Social.

 

A subordinación da educación a esas necesidades artificiáis, repetida ao longo de moitos anos e até de moitos séculos, ten como consecuencia a perda do respeto polo saber, a perda da curiosidade intelectual, e a incompetencia a gran escala.

 

O ensino que temos é unha gran farsa e un gran timo. Os nosos estudantes, os nosos nenos, que son os máis agobiados do mundo, son tamén os máis ignorantes de todos. Eses estudos, tan difíciles, non producen sabios, senón que son unha fonte de inxusticia, complexos e neurosis. Este é un país de chapuzas e de talentos malogrados, ou por falla de oportunidades, ou por endiosamento e vagancia. E iso non se debe ao carácter, á personalidade, senón, pura e simplesmente, ao pésimo ensino, a que non se ensina nen a pensar nen a facer as cousas ben.

 

O mao da dictadura non foi a represión sexual… O mao foi a represión mental.

 

 

BILINGÜISMO

 

O Decreto de Bilingüismo parte dunha realidade: que en Galiza fálanse dúas línguas, ainda que esa situación sexa consecuencia dunha inxusticia histórica da que non se queren enterar en Madrid.

 

Se do que se trata é de refrendar as inxusticias, se a realidade non se pode modificar, esperemos entón un Decreto de Emigración, para que os galegos teñan que seguir gañando o pan fora da patria, e máis un Decreto de Subdesenvolvimento, para que continúen na pobreza.

 

 

SENTIMENTO  E  FOLKLORE

 

Unha vea moi profunda da educación franquista foi o combate contra o sentimento. Os valores formales desorbitáronse. E as almas ficaron secas. O galeguismo tamén, infelizmente, foi por eses camiños, e chamóu “folklore” a todo o que non for a rarificado. Tamén en Galiza actuou esa máquina neumática. E, ao zugar o ár do espírito, leváronse tamén o galeguismo. O nacionalismo non é só sentimento, pero sin sentimento non é nada. E non hai por qué envergoñarse diso. Por temor a ser ridículos hai quen acaba, como tiña que pasar, no temor a ser galego.

 

 

 

A  FORZA  DA  MARXINACIÓN

 

A forza do galeguismo é, ainda, a do marxinado, a do inadaptado. De aí sairá a creación. Non hai que facerse ilusións e pensar que se pode pactar có poderoso. O galeguista non poder ser “moderado” no seu galeguismo, sexan as que sexan as súas preferencias políticas de outra orden. Só a miopía do poder pequeno, delegado e inmediato pódeo levar a apuntarse en aventuras nas que só pode perder, en pactos do año có león. E así dase o caso triste de aspirar a ser personalidades olímpicas e acabar de xoglares da UCD.

 

Voltar ao índice de números