
de Boletín
traballo londres nº 3
galego febreiro 80
DIANTE DO ESTATUTO
Galiza está nas vísperas dun novo referendum, éste sobre a súa autonomía. Máis unha vez estamos diante do Estatuto, mas a resposta, que fora “sí” en xuño de 1936, debe de ser un rotundo NON ao enxendro preparado por Madrid.
O Estatuto do 36 viña no marco dun reprantexamento radical do ser político de España. O de hoxe chega como parte dunha táctica de continuismo e de salvar o que se poida dunha situación podre, con podremia de séculos. O medo a reprantexamentos radicáis, entón e agora, explica por qué incluso representantes do galeguismo que algúns, non sempre ben informados, chaman hoxe “histórico”, desacreditan unha e outra vez aquel Estatuto levado adiante polo Partido no que algúns deles militaban. No 36 conseguíuse, a menor precio político e moral, con menos compromiso cós enemigos tradicionais do país, un Estatuto mellor que o que agora se plebiscita.
Non foi aquel un Estatuto ideal, porque nada que aproben as Cortes de Madrid pode satisfacer o que todo galego sabe que son as aspiracións fondas do país, pero, cando menos, non iba concebido, xa de inicio, como reforzo do caciquismo e freio desas aspiracións.
E non se nos poña a pistola ao peito con ameazas de que é “ou esto ou nada”, e de que forte dabondo temos con que non nos manden calar para sempre porque o noso nacionalismo é “débil”. É decir, que xa non soio somos de segunda con respeito a Madrid, senón tamén de terceira con relación a Barcelona e Bilbao. Nada ten de novo todo isto, pero a repetición evidencia en qué mans está o pandeiro e fai que voltemos ás razóns verdadeiras e profundas de por qué hai que decir “non” neste referendum.
O galeguismo, na súa esencia máis fonda e na sá aportación política máis interesante e esperanzadora, foi e sigue sendo unha crítica implacábel das formas políticas que abafan o desenvolvemente pleno do país e das xentes galegas. Sexan as que sexan esas formas : dictatoríais nos tempos do Xeneralísimo, ou corruptamente democráticas antes e despois do difunto. Non se pode facer chantaxes coa defensa da democracia si esa democracia non sirve para resolver os problemas radicáis da Galiza. E menos ainda si agrava eses problemas ao reforzar o poder dos que sempre o utilizaron para non deixala progresar.
BILINGÜISMO
E o mesmo pasa có do bilingüismo. Igual que temos que decir NON ao Estatuto, temos que decir NON ao Decreto de Bilingüismo. Porque non ven a resolver ningún problema nen a satisfacer ningunha aspiración. O que ven é a reforzar a discriminación na que vive Galiza.
No nos país a língua primeira tería que ser o Galego, e a segunda, o Castelán. Nembargantes, o Decreto de Bilingüismo e o correspondente artigo do Estatuto reforzan, na prática, ao castelán como idioma primeiro e todopoderoso. E, como se non for a dabondo, coñecendo en Madrid o desprezo histórico que sofriu a língua galega, decidiron que escolleran os pais si querían ou non que os seus fillos cursaran unha asignatura chamada “Galego”. Primeiro, entón, estudarán en castelán, o inglés será a segunda língua obligatoria, e o galego, unha língua de adorno. Extraña liberdade teñen os pais galegos, xa que ninguén lles pergunta si os seus fillos van ter a liberdade de quedar a traballar no país
En Madrid erraron o tiro outra vez. Si queremos ser “práticos” e prepararnos para ese futuro que nos teñen pensado, a segunda língua dos galegos tería que ser o alemán, para os que emigran a Europa, e o árabe para os que atoparan a emigración europea xa pechada…
Compre agora, pois, que o povo galego diga “NON”. Non arden ainda no curuto dos montes e nos picoutos as fogueiras que anteceden á alborada de gloria da Galiza. Hóuboas na véspera do 28 de xuño do 36. Daquela representaban a esperanza no futuro que se abría; hoxe, non están acesas, ainda que xermole a esperanza e ainda que o futuro, estamos convencidos, sexa de nós e non deles.
UNIR OU SEPARAR
Unha táctica que usou sempre Madrid para dividir aos galegos é a de presentar falsas escollas e ocultarlles ónde está a verdadeira. É a táctica de confundir. Porque confusión é dar a escoller, como alternativas únicas, entre o Galego e o Castelán, ou entre Desorden e Man Dura, ou entre Unidade e Separación.
España non é unha realidade monolítica e petrificada, como nos predican os políticos de secano. España naceu federal , e, namentras non a deixen selo, todo o demáis son lerias. Bon exemplo, as autonomías: multiplicar centriños de poder para ter máis que repartir aos amigos dos que mandan en Madrid, da máis forza a Madrid e non lle da nada aos países que forman España. Porque para ter o posto hai que empezar por estar a ben có poder central. Ou con unha das grandes forzas políticas que xogan nos escearios do poder central. E os intereses da Galiza, neste caso, irán sempre a remolque dese xogo. Os grandes partidos que agora se opoñen ao Estatuto fanno, claramente, porque lles convén na sua estratexia para a conquista da Moncloa.
O “erro psicolóxico” do Sr. Suarez
Creer que Galiza estaba “chupada”, facerlle caso aos caciques económicos e culturáis que o informan, e pensar que o resto dos galegos son tan tontos como eles, foi un erro, Sr. Suarez. Os nosos caciques valen para confundir e para dividir, mas non para pensar nen para aconsellar. Tan tontos son que algúns deles nen siquer se venden: regálanse, por unha foto na Zarzuela ou por firmar na prensa de Madrid.
Os nosos caciques non representan ao noso país, Sr. Suarez. A caste caciquil é allea ao espírito do noso povo e medrou có verme centralista. Os nosos caciques, señor presidente, sonlle uns cursis que soñan con trunfar en Madrid para viren depois a comer marisco nas Rías Baixas ou xamón en Villalba.
TODOS SOMOS ESPANOLES…
“Todos somos españoles”, dí moito habitante da Galiza… e levan razón. Sómo-lo todos, sí señor, especialmente cando hai que
-emigrar dende hai séculos, porque non podemos vivir no noso país
-recoller o diñeiro dos nosos emigrantes para financiar inversións for a da Galiza
-vivir, en partes da Galiza, en condicións infrahumanas para que vivan a “nivel europeo” en otras zonas de España
-baixar o lombo e levar os paus que manden desde Madrid.
Sí señores, por todo isto, e moito máis, somos españoles, mas un tipo moi particular, ainda que non no-lo poñan no carné de identidade ou no pasaporte.
A POLÍTICA E OS APOLÍTICOS
A política ten mala fama, e desa fama aprovéitanse para dar consellos os “apolíticos”. Que, polo que despois resulta, son máis políticos que ninguén, si por tal se entende o gusto polo poder, polo mando ou o mandiño.
Non é que haxa que apuntarse nun partido político, pero desprezar a política e creer que hai estar por riba dela é unha grave mostra de incultura. O deber de todo cidadán tería que ser, polo menos, “entender” de política e non ser analfabeto dela, porque política é todo nesta vida e da política depende o traballo, a educación e hasta a língua na que se fala.
Quen dí que despreza a política é porque, no fondo, identifica a política coas “mans suxas” e envexa a quen as ten ben metidas na maseira. Naturalmente, cando lle chega o turno, faino él tamén a todo facer. A cousa é vella. O novo, e o que está por estrear, como esá por estrear o ideal galeguista, é a política das mans limpas. Que non se demostra dando consellos dende un Olimpo pseudointelectual, senón usando honradamente do poder que cada un teña. E para eso non fai falla chegar ao Poder con maiúscula; vese na cátedra, no taller, na cooperativa, ao volante do coche, no estudio da TV ou frente á máquina de escribir.