
de Boletín
traballo londres nº 2
galego novembro 79
GALEGO E PORTUGUÉS
“Galiza esqueceuse de Portugal e ficou estéril para concebir”.
A afirmación parece talmente saída dos beizos dun furioso lusista galego, mas non é así. Está nun texto que leva a firma de dous homes cunha conduta de fidelidade á Terra que ninguén pode contestar. Foi feita por Castelao e máis Ramón Suárez Picallo.
Pensamentos semellantes poden ser recollidos dentre os máis diversos personeiros galegos, desde o noso Rexurdimento para adiante, pois o sentimento e anelo de afundir a raia do Miño buligou sempre en todos os que soñaron cunha Galiza ideal.
Se temos presentes eses antecedentes, a actual polémica sobre o achegamento do galego ao portugués resulta estraña. Algo quebrou no devir do galeguismo nos últimos 25 ou 30 anos. Mas se levamos de conta boa parte da evolución histórica galega, tal liorta –entre “lusistas” e “isolacionistas” non é tan rara.
Castelao, para seguirmos coas citas, falou da indecisión amorosa da Galiza entre Portugal e Castela. Hesitación que nos custou chegarmos á encrucillada vital, como comunidade diferenciada, na que nos encontramos.
Desde esta perspectiva, a presente polémica é o máis claro signo do alleamento histórico do país. Máis unha prova –por se alguén quere outra- da férrea pegada da penetración castellanista que estamos sofrindo, neste caso na nosa camada intelectual.
¿De qué outro modo é posíbel explicar que presuntivos galeguistas ataquen violentamente calisquer aproximación do portugués e, ao mesmo tempo, aceiten a sistemática corrupción da fala que proclaman defender?
¿Cómo se pode interpretar que aqueles que pretenden redimir o povo galego das seculares eivas que o tollen -no económico, político e social- non tenten a total recuperación linguística, a reintegración no mundo cultural que non é propio?
Eis o maior contrasentido, a máis flagrante inconsistencia da argumentación isolacionista. Ainda que protesten o seu enxebrismo, os que defenden a absoluta autonomía cultural e linguística galega son, no fundo, castellanistas, ao defender cinco séculos de historia de degradación nosa, neste caso naquelas dúas áreas.
Se a deturpación idiomática que sofrimos no pasado e aínda estamos a sofrer, se a dependencia cultural duns centros alleos a nós son irreversíbeis, en boa lóxica debemos concluir que tampouco ten solución o subdesenvolvemento económico e social e o aferrollamento político que padecemos, pois todos son produto dunha común situación.
É posíbel dicer -con algunha razón- que o que ser quer é elevar a língua do povo. Mas entón hai que perguntar cómo. O que se leva feito até hoxe non é abondo. Significa continuar na dependencia do castellano, e iso é o camiño da morte do galego.
Porque morte é, para o noso idioma, enchelo cos desenvolvimentos do castellano madrileño, collidos dos xornais, da televisión e da radio -como fai muito falante presuntivamente culto- e tamén o é canonizar os vulgarismos e castellanismos que eivan a fala popular.
Tamén pódese acrecentar un outro argumento, o da defensa do galego vivo para evitar un distanciamento profundo dos modos de expresión do povo.
O que é ben curioso, pois aqueles que tal cousa afirman, cando falan castellano -e todos o fan- non siguen os padróns populares desa língua, nen siquer se espresan nese peculiar linguaxe que circula por Galiza.
Visto isto, non se entende moi ben por qué consideran válido o “populismo linguístico” no caso galego, e inválido no do castellano. ¿Non será porque o colonizado sempre quer emular -consciente ou inconscientemente- ao colonizador?
BOTAR SOBERBAS
O achegamento galego ao portugués, a incorporación ao mundo cultural luso-brasileiro-africano, semella ser o camiño máis rápido e natural para superar cinco séculos de historia.
Que ninguén se engane pensando que hai muito feito; que temos Shakespeare en galego, que hai pensamento filosófico, que temos novela e ensaísmo.
Isto é soberba intelectual e base do argumento acochado en todos os isolacionistas: “para qué precisamos de Portugal cando nós temos de todo”.
Non, nós non temos de todo. Temos algo que debe ser erguido, potencializado, desenvolvido… Algo que defendemos porque é noso e porque asumimos a historia que está detrás de nós, mas non para nos sentir fechados nela ou abafados por ela. Non se trata de regresar ao pasado e sí de dar un pulo no futuro sobre un río que podería ser fronteira de Castela, mas nós non somos Castela, ou…
DEMOCRACIA E DESILUSIÓN
Despois da euforia inicial, espállase polo país un sentimento de desilusión coa democracia. Desilusión que se debe, en parte, a causas históricas moi fondas pero que, máis que nada, procede de que todo o mundo pensa que a democracia non funciona porque non se ve que teña mellorado nada. E pergúntanse algúns se non terán gañada a partida os que manipularon o cambio para non perder nada con el.
LIBERDADE SEN DEMOCRACIA
¿Non será que a democracia ainda non empezou? Hai liberdades, que non é o mesmo. Sen liberdade non pode haber democracia, pero pódese abrir a man, e moito, sen dar entrada no poder ao cidadán. Cando nun país arrástrase de séculos unha concentración de poder nas mans duns poucos -ainda que agora se lles chame “clase política” , como se non chegaran ben as que hai xa- , o máis urxente é repartir o poder entre todos. Mudar equipos non é suficiente. Nesas circunstancias se poden deixar liberdades sen ter perda delas. Cando a xente está agobiada porque non hai traballo, e co pantasma da pobreza enriba, non hai vagar para pensar na política. E sen pensamento non pode haber democracia. Pódese, eso sí, acabar nun estalido que provocaría a volta ao autoritarismo. E o poder sempre nas mesmas mans.
OPOSICIÓN GALEGUISTA
Bon exemplo é o “choio” da preautonomía, que matou tantas ilusións. As iniciativas madrileñas non lle podían dar nada novo ao galeguismo, porque o ideario galeguista é radicalmente alleo a se xénero de maniobras; para esa “clase política” , Galiza sigue sendo o que foi sempre, unha feira de votos , modernizada hoxe con técnicas de Madison Avenue. O Galeguismo debe sobrevivir á marxe dos xunteiros e canfurneiros. O seu papel hoxe é o da Oposición, peza fundamentalísima de Democracia. Ate agora, ningunha democracia morreu porque houbera Oposición.
Defender a democracia non quere decir aprobar todo o que fai o grupo que goberna, senón prepararse para sustituílo democraticamente no seu día. E, no caso deo Galeguismo, manter pacientemente o seu ideario esencial, esperando e loitando para velo un día democráticamente realizado. Outra cousa é prestarse ás maniobras do poder, neste caso do poder centralista, entregándolle nomes e ideias cos que ninguén pode traficar.
----------------------
ADEUS AO PG?
O rumor afirma que os Partido Galeguista deixa a UG para se fundir no partido do presente goberno de Madrid. Según se dí, reforzarán o enxebrismo dos caciques ucedistas.
Se isto é verdade, os seus afiliados polo menos poderán reclamar a honra de ter morto igual que o PG 1, e os historiadores poderán explicar as raíces comúns de ambas as duas desaparicións.
O PROBLEMA NON É TANTO
Fálase arreo das dificultades que tería espresar en galego o vocabulario de técnica moderna. Francamente, é un problema menor e ben doado de resolver. Como en todas as línguas, pódense usar as palabras de orixe grega ou latina, levemente galeguizadas, ou as palabras inglesas, incluso deixándoas como están. Non hai por qué preocuparse tanto cando estamos deixándonos invadir por castelanismos na fala cotiá.
O difícil non é encontrar palabras para bautizar o “telex” ou os “microchips” , senón palabras para distinguir os matices da amistade ou as variedades da traición.
¡E qué falla nos farían agora mesmo …!