grupo                                        2ª época                                

                                                                                                                     de                                              Boletín

                                                                                                                     traballo            londres               nº 13

                                                                                                                     galego                                       novembro 82

 

 

 

DESPOIS DAS ELEICIÓS

 

O 28 de outubro confirmouse, por se alguén ainda tiña algunha dúbida, que Galiza é un país singular. Non foi a confirmación que nos gustaria, mas sirve para chamar a atención para o feito de que os problemas do país son moi fondos ao mesmo tempo que característicos. O voto dos galegos nese dia foi un voto “morto”, sen ilusiós nen esperanzas, produto da inércia e do desánimo. O trunfo socialista no resto de España pódese interpretar como un desexo de mudanza, de tomar un camiño novo. É certo que pensamos que o programa concreto dese partido non é unha soluzón para Galiza, mais votar como se votou ese dia na nosa terra é proba dun terror ancestral a mudar de amo. Déuselle a maioria a quen veu pedila en termos insultantes para unha sensibilidade política normal, falando na língua do país de cando en vez como se lle fala ao neno ou ao tolo na média língua que eles entenden para levalos onde ún quer. Votouse a negación de Galiza, claramente pregoada. Aceitouse con boa cara e até con entusiasmo a cadea secular do caciquismo que o pobo galego leva ao pescozo dende hai tantos séculos. Fíxoselle saber ao resto da península que os galegos queren seguir sendo escravos felices de quen naceu para mandar. E, querendo votar máis español que ninguén e por medo a que os tomaran por separatistas, votaron o máis separado posíbel do resto dos españois.

 

Chegouse ao extremo ridículo de mandar ao Parlamento cuase a metade dos diputados dun partido que xa práticamente no existe. En Lugo e Ourense abondou coa presenza dos caciques locais dese partido para que os eleitores non se decataran de que xa perderan o poder e pensaran que tiñan que seguir facéndolles reveréncias. Claro que eses caciques ainda mandan nas localidades e un deles sí que debe saber que UCD acabou, porque di que está disposto  “a sentarse rápidamente para falar dun partido galeguista forte”. Estes señores, que estúpidos non son, non sacaron dos resultados eleitorais a consecuéncia que parece ter sacado moito “progre”, de que o galeguismo rematou. Un diputado da formación trunfadora no estado español, con moita menos lama nos zapatos que os mentados caciques, asi pensa, e cré que o escaso número de votos dos partidos nazonalistas teñen ese significado. Pensamos que, felizmente para Galiza, a escasez de votos para eses partidos non significa que no futuro o nazonalismo galego non poida trunfar.

 

Os partidos nazonalistas poderán aprender moito, se queren, do que pasou nestas eleiciós. Todos os nazonalistas galegos, dentro ou fóra deses partidos, temos moito que aprender. Xa non é a primeira desfeita eleitoral, e vai sendo hora de perguntármosnos se o que se ven oferecendo do noso lado é o que o eleitor galego de boa fé ten direito a esperar de partidos cuia única razón de existir é Galiza. Se a conclusión principal é que se trata dun eleitorado inerte e falto de lideranza lúcida, entón o que hai que facer é unha laboura longa, penosa e demorada, de movilización. Porque un partido nazonalista non pode ser unha maquinária eleitoral que para de funzonar ao dia seguinte de que o cidadán votou. Un partido nazonalista debe estar en funzonamento os trescentos sesenta e cinco dia do ano, non en diálogo de café discutindo teorias abstratas, senón en diálogo contínuo, se pode ser, con todos os galegos de todos os lugares de Galiza. É unha laboura que ten máis que ver coa educación que coas técnicas de campaña. Convencer aos convencidos non ten proveito nengun, e nunca houbo revoluzón verdadeira nengunha que non se fixera sen un labor paciente de educación, empezando por abaixo e rascando ben nas costras que van ficando no inconsciente do pobo… e dos que teñen que educalo.

 

Mais para falar co pobo hai que falar na linguaxe do pobo, e escoitar tanto como se fala, porque non somos nós os chamados a libertalo, senón que é o pobo o miolo desa libertación. O único que se pode facer é tentar despertar nel a ánsia de liberación e amostrarlle os camiños posíbeis para acadala. Témonos que educar educando. Se non lles podemos dar aos galegos esa lideranza, non estamos cumplindo a nosa función, e daránlla outros, movidos por intereses alleios a Galiza, da cor que sexa, mais sempre alleios.

 

 

 

 

CACICADAS CULTURAIS

 

A precária situazón da língua, da que tantas veces falamos, acaba de empiorar outra vez, agora pola cacicada que argallaron a Académia Galega e o Instituto da Língua. Independentemente do valor das normas ortográficas ditadas, non están os tempos para “ukases” deste xénero. É a millor maneira de encirrar os ánimos cun soberbo desprezo polas opiniós de moitos que teñen máis direito a ser ouvidos que eses misteriosos “expertos” que se invocan sempre nos preámbulos das cacicadas. Vese que tardan en morrer os maus hábitos adquiridos nos tempos do franquismo, no poder e na chamada oposición, que para isto tanto ten. Os que mandaban entón, e os que estaban degoirando mandar, déronse de mans agora para tentar impor, co estilo dos caciques de sempre, unha decisión totalmente unilateral e arbitrária.

 

E noutro exemplo de singularidade, que consiste en que as mesmas persoas estexan en todas as instáncias  -os mesmos señores con distintos chapeus, que é máis fino que os mesmo cans con distintos colares-  , veu o Consello da Cultura e consagrou o feito. Esperemos polo menos que un dia a História, chamando ás cousas polo seu nome, esqueza os dos filologuiños que traballaron por baixo, e lles chame a esas normas “as normas de AP”.

 

 

 

A CAPITALIDADE DE GALIZA

 

Nun país tan inzado de problemas como é o noso, o único que parece demostrar que os galegos non están mortos e son capaces de loitar por algo é a cuestión da capitalidade.

 

É unha polémica que refrexa a adoración de valores falsos, e que xira arredor do lugar onde se vai gobernar un país que as duas partes negan. Interesa máis o prestíxio burocrático e os negociños que veñen con el, que os problemas reais da terra. É tamén, en parte, o soño de quen quer distinguirse dos parentes da aldeia, simplesmente por ser “da capital”.

 

Os dous protagonistas da polémica, A Coruña e Santiago, alegan argumentos que refrexan a pobreza espiritoal da sua posición e que nada teñen que ver con Galiza.

 

A Coruña comeza por dicer que xa é de sempre a capital de Galiza, e que non se pode deixar roubar esa distinción. Mais a Galiza político-administrativa desapareceu hai máis dun século, e nunca houbo nesa cidade unha movilización como a de agora para que voltara a existir. Di tamén que conta xa cun forte aparello burocrático, sen decatarse de que da burocrácia xa non se presume en parte nengunha. Mesmo o señor Fraga, que tantos galegos ademiran hoxe, berra a todo berrar contra o exceso de burócratas. Escóitase dicer, incluso, como un dos argumentos máis poderosos, que A Coruña merece a capitalidade polo bonita que é. Bonita foi, antes de que destragaran, mais o que se discute é onde vai estar a capital e non quen vai ser Miss Galiza. Na campaña pro-Coruña nótase un ton aborrecedor de todo o que é galego que resulta insufríbel, sobretudo cando se pretende ser a capital do que tanto se aborrece.

 

Os partidários de Santiago argumentan que está equidistante das cidades e vilas galegas. Argumento centralista por definición. Non imitemos a Felipe II. Din tamén ser capital intelectual do país. Outravolta o burocratismo, que pensa que onde se despachan títulos universitários está concentrado o pensamento todo. Ainda que fose unha universidade auténtica, que non é, non teria nada que ver coa capitalidade dun país. Nen Oxford é a capital da Gran Bretaña, nen Yale a dos EEUU, nen Heidelberg a de Alemánia. E a universidade de Santiago non ten máis de galega que a Capitanía da Octava Rexión, por exemplo, cousa que sempre dixeron os mesmos galeguistas que agora invocan este argumento de prestíxio académico. Aparte de que o intelecto non se presta ás capitalidades e o espírito sopra onde lle peta. Canto á catedral, pásalle como á universidade, a non ser que queramos unha Galiza teocrática, ou soñemos con voltar ao señorio arzobispal. Históricamente a xerarquia eclesiástica santiaguesa foi un poderoso axente de desgaleguización de Galiza. E é moi paveiro ver á esquerda agnóstica ou atea  tirando da corda do botafumeiro e invocando con unción ao “Santo Adalid Patrón de las Españas” para ter a capitalidade á man.

 

Ven, por último, o argumento “europeu”. En termos históricos Compostela foi un centro de pelerinaxe, non de cultura, e pode chegar a ser centro desa pelerinaxe moderna que se chama turismo se a poñen nos itinerários correspondentes. A sona medieval de Santiago na Europa non é argumento a favor de capitalidade nengunha. Coa mesma lóxica ou máis poderia Toledo pretender hoxe a capitalidade do estado español.

 

Máis convincente que todo isto seria que en ambas cidades a porfia se falase galego, cousa que infelizmente non sucede. E non nos enganemos, que ou moito teñen que mudar as cousas ou a capital de Galiza vai seguir estando en Madrid.

 

 

 

 

O PAPA E SAN BENITIÑO

 

Xan Paulo II foi a Compostela a loubar a europeidade. Máis lle valera ter ido a Léres ou a Paredes porque, despois de todo, o patrono de Europa é San Benito e non o Apóstol. A Xunta deberia tomar nota para a próxima visita, ainda que antes haberia que resolver cál dos dous é “o máis milagreiro”.

 

Voltar ao índice de números