
de Boletín
traballo londres nº 12
galego maio 82
NA HORA DA UNIÓN
Menos os raposos, todos
Falamos todos moito de que os galegos matizamos máis na percepción da realidade que os habitantes de terras con menos neboeiro, onde os perfis son máis agresivos. Mais cando ollamos a vida política destes tempos hai que se perguntar se non estaríamos vivindo de ilusións.
Falando do galeguismo, que é unha tarefa tan longa e na que caben tantos proxectos diferentes, atopámonos nunha situazón ben curiosa. Por medo a que nos tomen por idealistas, ou “testimoniais” e non práticos, pouco nos falta para ademirar as mañas dos que, ao mesmo tempo que runfan de galeguismo histórico, fan declaracións públicas como a de que non lles cabe na cabeza que Galiza sexa unha nazón, ou a de que hai que “españolizala”, e colaboran co antigaleguismo de sempre para arrepañar as migallas de poder ou fachenda que lles deixen.
En troques, non conseguimos pactar con galeguistas indubidabéis, simplesmente porque -e iso si que é falla de realismo- aspiramos a facer o que nengun movimento político radical puido facer nunca en ningures: poñer en prática o noso programa máximo ao dia seguinte de chegar ao poder. E a cousa pasa a ser ridícula cando o poder está lonxe e o maximalismo impídenos entendernos e loitar xuntos para acadalo.
Parte da traxédia ven seguramente da falla de normalidade política en tantos anos, que non son só os do franquismo, sobretudo no caso da nazón galega. A política galega está práticamente inédita, e ninguén pode pensar que o que está pasando agora entre a Moncloa e Mariñán, ou calquera outra que veña a ser a sé do señor delegado, é política galega.
O que convén ter claro é a diferéncia entre a defesa apaixonada dos princípios e o fanatismo.
E ainda coa pobreza da vida política de que falamos, bastaria un pouco de atenzón ao que nos rodea para ver clara a diferéncia. Non hai galeguista que, á hora da verdade, non recoñeza a outro galeguista. Non temos por que ter medo a parecer idealistas e pouco “práticos”, nen a pasar por argalleiros ou treidores. Os que habian de traicionar, xa o fixeron. Os que quedan, poden estar tranquilos que ninguén os vai confundir. O antigaleguismo prémia os servizos que se lle fan. E asi identifica claramente aos seus mandados. Fainos asi o favor de deixar marxe para moitos entendimentos entre os que queremos unha Galiza que se rixa de seu, e entre os que á hora de facela o máis habitábel, o máis próspera e o máis xusta e honrada que sexa posíbel, podemos ser tan práticos e tan realistas como calquera. Práticos para todos, e non “práticos” para nos empoleirar onde Madrid nos coloque.
Só nunha sociedade xorda e cega poderíase confundir o colaboracionismo coa habilidade política. E as consecuéncias de o facer son gravísimas, porque para escapar do colaboracionismo cáese no espírito sectário. E á hora da verdade, descúlpase máis doadamente o entendimento co inimigo e os seus colaboradores que con irmáns nazonalistas, con distintas ideoloxias políticas pero con moito que facer en común para a tarefa que máis nos urxe a todos: a de poñer á Galiza en pe.
Unidade dos nazonalistas galegos non ten por que significar aquela unidade que nos predicaron os fascistas e que parece que, por disgrácia, moitos asimilaron moi ben. Se nos empeñamos en facer unha organización monolítica e disciplinária, co obxetivo teórico de conquistar o poder, o único que conseguiremos será perpetuar nese poder aos inimigos seculares da Galiza. Para evitar ese xogo suicida o que compre é poñer en marcha esa imaxinación que din que temos, e encontrar, a partires dela, e non indo á procura do “modelo” que pareza estar funcionando nalgures, a fórmula que permita combinar unha estratéxia global comun, orientada a atinxir os pontos nos que todos coincidimos, coa máxima flexibilidade en posicións individuais e de grupo.
Deste xeito ninguén teria que renunciar aos seus princípios. Teria unha razón para continuar a sua loita e para evitar cair no desespero porque non chega a hora da redenzón e acabar ademirando a raposeria política como única forma viábel de vida pública.
Madrid non lle teme aos raposos; témelle aos galegos xuntos exixindo os seus direitos. E por iso fará sempre por darlles forza aos caciques sumisos e quitarlla aos galegos unidos.
MAIS ENXEBRISMOS E LUSISMOS
Sen outra intenzón que a de afinar alguns dos argumentos que sobre da normativización se dan nas duas bandas, a “enxebrista” e a “lusista” , e non con ánimo de pontificar, continuamos a nosa análise do problema.
A famosa polémica ten razón de ser e de existir, e tivo e ten de boa cousa que nos fixo pensar a todos e ver o problema con máis claridade que denantes. Foi e é un exemplo de vitalidade intelectual que ben quereríamos que se espallara a outros problemas da nosa terra que merecen ser tratados con paixón e rigor, lonxe de sectarismos. Xa non están os tempos para atitudes complacentes, negadoras de problemas vitais, en nome dun “prestíxio” que habia que acadar para sermos máis presentábeis nunha Europa ou América envoltas na espesa néboa das fantasias pailanas dos que soñaban, non con trunfar na Europa, senón en Madrid. Nós coidamos que a argumentación honesta, ainda que sexa a risco de ter que dar viraxes de cando en vez, é unha das bases máis reais de calquera democrácia auténtica, e que moi poucas veces está ninguén en posesión de verdades absolutas e dogmas implacábeis. O que non pode ser é que o problema da ortografia remate en que xa non se abra un libro para ler o contido, senón para ver qué ortografia leva e de qué lado está o autor.
Cremos, iso si, que hai en xeral maior honestidade entre os “lusistas”, que cando menos admiten que existe un problema, e gravísimo, respeito á nosa língua, que entre os máis pechados e fanáticos “enxebristas”, que pretenden glorificar, santificar e estancar, non só o que queda de galego auténtico na fala, senón tamén o galego misturado e corrompido pola inmensa pegada do castelán.
Coidamos que ninguén pode dubidar, nen por un instante, que nas circunstáncias de persecuzón fera e desprezo profundo que sofriu e sofre o galego, a língua empobreceuse e continua a se empobrecer, e que perdeu unha grandísima parte das formas e léxico que lle son próprios, e tamén a fonética, que se vai asemellando máis cada dia á castelana.
Se a Galiza está desfeita, económica e socialmente, miragre seria que a sua língua non o estivera tamén. Unha ollada aos nomes de lugares -que ás veces nen os habitantes saben xa o que significan- da ideia de todo o que se perdeu; e ise é o galego auténtico, e non o que se poida falar nos bairros das cidades. Se hai un lugar que se chama “A Estrada”, non será por influenza “lusista”, senón porque houbo tempos que en galego dicíase “estrada” e non “carretera”.
Pretender que marque a futura evoluzón da língua o que fale calquer “galego-falante” que, analfabeto na sua língua e sometido ao mando do castelán, o máis seguro é que fale galego atrapallado e misturado, ou que esconda o que ainda ten de auténtico a sua fala para non pasar vergoña diante do señorito do magnetofón, é unha atitude, pensamos, irresponsábel e suicida, a máis de demagóxica. Ir ver o que hai por aí, disfrazados de realistas e armados dun empirismo anticientífico e decimonónico, e basear niso a nosa língua, como fai o Instituto, en lugar de ir ver o que hai, o que houbo e o que teria que haber en circunstáncias normais, leva inevitabelmente á construzón de “reductos indios” e curiosidades mortas.
Hai que ter en conta, ademais, que ás orellas castelanizadas pode sonarlles a “lusismo” o que non é máis que galego puro. A palabra “muito” en vez de “moi” pódese ouvir ainda hoxe entre os campesiños galegos. A palabra “chinés”, que parece collida dun dicionário luso, é a maneira normal que ten calquer campesiño galego de denominar aos habitantes da China, por exemplo cando os encontran na emigrazón fóra do alcance da TV en castelán, porque mentras que para un portugués seria posíbel chamarlles “chinos”, para un galego non o é, de non ser que queira insultalos, porque para nós o “chino” é o “cocho”, fora a ialma. E asi outros moitos exemplos.
Pola outra banda, certo “lusismo” fanático empeza a tinxirse de fantasias, castelanas soberbas, moita ignoráncia e algun escapismo que outro. Coa nosa língua como está nestes momentos, abandonada, corrompida e sen uso normal, non estamos para entrar con ela pisando forte e dando leciós no mundo luso-brasileiro, nen para pretender que ese mundo se adapte a nós e aos nosos problemas. Ir destragarlles a eles a língua, se fose posíbel, seria imperdoábel.
Se continuamos escrebendo en castelán disfrazado de galego, con sintaxis e formas castelás, pensando que estamos sendo moi galegos canto máis groseiros nos poñemos; se confundimos galeguismo con vulgaridade e terminamos usando casticismos madrileños pensando que son moi “do pobo”, a lusos e brasileiros seguirá sonándolles, e levan razón, o que falamos e escrebemos a castelán, por moito “nh” ou “lh” que poñamos.
Por iso unha reforma ortográfica estremista nestes momentos parécenos perigosa, porque seria unha revoluzón “formal” que taparia o problema real, confundiria a todos, e a longo prazo deixaríanos máis lonxe dese mundo irmán do que nos deixaria a loita por un galego auténtico.
O que tal vez comprise facer, ou aceptar, agora son as reformas mínimas e necesárias para que non se siga indo contra do espírito da língua, como por exemplo se fai coa contaxe “á castelana” das sílabas para efeitos da acentuazón. E ter moito cuidado de non gastar todos as forzas en bizantinismos mentras os falantes do galego perden a confianza no idioma que todos temos que facer por convertir nun instrumento de expresión normal en todos os terreos. Non esquezamos que a língua está ameazada, por arriba e por abaixo, e máis que antes seguramente, porque a ameaza anda agora disfrazada de proteción.