grupo                                        2ª época                                

                                                                                                                     de                                              Boletín

                                                                                                                     traballo            londres               nº 11

                                                                                                                     galego                                       febreiro 82

 

 

 

 

ENXEBRISMOS E LUSISMOS

 

O problema da normativización da língua galega  -que poderia e deberia terse prantexado hai moito tempo, se de verdade lles preocupara o futuro da língua e da cultura a quen entón tiñan a posibilidade de regularizar o único que en galego se imprentaba-  prantéxase agora, cando pode ser un factor divisivo que só favorecerá aos inimigos de sempre. Mas, como queira que sexa, é verdade que é un problema sério e compre que del nos ocupemos. Se non o fixemos antes nas páxinas deste Boletín foi porque os integrantes do Grupo véñenlle dando moitas voltas e, ainda hoxe, non existe unidade de critério entre eles. Non podemos, pois, dar fórmula máxica nengunha e coidamos, francamente, que ninguén pode pontificar en matéria tan delicada e de tanta transcendéncia. O único no que os integrantes do Grupo están dacordo é na actitude de fondo, en canto á natureza do problema e o que compre facer para tentar resolvelo. O problema é tan fondo e complicado, que non se pode prantexar simplesmentes en termos de reforma ortográfica, que é como de feito se está prantexando.

 

Seguro que hai moitos dos que viven e sofren o problema que, como nós, debátense tentando, con honestidade intelectual e fidelidade galeguista, atoparlle unha soluzón. Os dous critérios son importantes: o da honestidade, porque é un problema que require pensar nele e, sen un mínimo de rigor, non faremos mais que enganarnos a nós próprios con ilusións infantís, ou interesadas, que a nada conducen. O da fidelidade á terra, porque a língua non a inventamos nós para xogar a escritores, senón que conservouna e déunola o pobo galego, ante quen somos responsábeis e que é o destinatário natural da nosa laboura.

 

Alármanos, desde a perspectiva que acabamos de definir, ver que se perfilan na polémica dous grupos, caracterizados un polo enxebrismo pechado que remata ou princípia no castelanismo, e o outro por un lusismo implacábel que vira as costas á realidade, tanto portuguesa como galega, e deixa perplexos aos falantes que precisan de conforto e apoio para non perder a língua dos seus pais. A necesidade de defender as respectivas posturas, ambas as duas pouco claras na sua base, xenera, como tantas veces o fai a inseguridade, un sectarismo no que o motivo da imposición e do poder vai erguendo a sua cabeza de feia cobra e afogando no lazo dos seus musculosos anelos os limpos anceios de acadar unha língua digna para todos os galegos.

 

Dunha banda posicións seudocientíficas, como a do Instituto da Língua Galega  -que debe ser un dos últimos currunchos do occidente nos que ainda se defende o empirismo, como se ter en conta valores nun fenómeno social como é o da língua fora só cousa de marxistas-  non poden levar mais que a levantar acta notarial de que a língua galega, como é “natural”, castelanízase mais cada dia e, finalmente, certificar a sua defunzón. Poderia, incluso, seguir existindo o Instituto despois dela, porque as línguas mortas son, como se sabe, excelente canteira de teses de doutoramento. O pregonado cientifismo ten un claro presuposto ideolóxico: o de aceitar a hexemonia da língua do estado e o “status quo” linguístico. Se o Instituto é tan científico, que siga a sua laboura, que ninguén lla vai impedir, pero se se pronúncia no terreo da política linguística, quede claro que o fai en nome dunha ideoloxia. A sua ciéncia, linguística e filolóxica, non é, como eles saben, normativa.

 

Pola outra banda, no lusismo parecen verse duas correntes. Unha, a reintegrazonista total, ten lóxica indudábel, sempre que exista a decisión política de ir por ese camiño e que se aceite que o padrón lingüístico para normalizar xa existe e é o portugués. É, como decimos, unha postura lóxica, pero, se se adopta, téñense que ter claras as consecuéncias, entre elas, a de condenar irremisibelmente a un status dialectal ao galego que falamos. Outra é a de que, xustamente por ser o portugués unha língua normalizada e cunha espléndida tradizón literária, o escritor galego só podería criar para ele un modesto recuncho “rexionalista” nesa literatura. Compre non facerse ilusións e pensar que os nosos libros, sen mais que un adubío ortográfico, pasarían a ser “best sellers” en Lisboa, Luanda e o Rio de Janeiro. Outra é que o escritor, de non ser que viva permanentemente onde se fale o portugués, teria que renunciar a todos os recursos que lle dan os ritmos, connotacións, ecos e intencións da fala da sua comunidade. Todo esto sen falar de que, para nós, non é un problema básicamente de escritores, senón da língua de todo un pobo.

 

Outra postura lusista, tal vez mais axeitada para cooperar á nosa loita  -porque trátase dunha loita-  para enriquecer, desenvolver e normalizar o galego como língua tradizonal, própria e moderna do noso pobo, é a de acudir ao portugués, e non ao castelán, sempre que atopemos esas lagoas que eivan o galego pola sua situazón anormal e o seu desenvolvimento atrancado. Se deste xeito se produce un achegamento progresivo, e incluso en xerazóns futuras acaba o galego moito mais dentro do mundo do portugués que hoxe, benvido sexa. Nada temos contra ese mundo. Pero non podemos, nestes momentos críticos para a língua e para o país, defender directrices que minen a coeréncia e a confianza de quen, ainda que no Parlamento de Santiago lle digan outra cousa, ten ainda unha forte crise de identidade pero non lle falla o pulo para sair dela e chegar a ser o que ten direito a ser e o que no fondo xa é sen sabelo.

 

 

 

OS FILLOS DOS EMIGRANTES

 

O terrorífico problema da emigrazón galega está lamentabelmente misturado con atitudes de nécia arrogáncia que actuan, inconscientes as mais das veces, mesmo no ánimo dos que tencionan defender aos emigrantes e que, de feito, tal vez o fan.

 

O emigrante está “mal visto” no fondo e ténselle manía, unha manía ancestral procedente da española envexa ao que voltaba cunha fortuna, e do desprezo ao que voltaba sen ela.

 

O caso é que, volte como volte, o emigrante é sempre criticado. Se vai de vacacións e non “solta” e ben os cartiños, é que estáos gardando nun calcetín; se solta, está fanfarronando. Se leva coche, é para runfar  (como se os outros non runfaran cós seus), mas como non o leve vai ser a risa dos veciños para todo o ano. Espérase dos emigrantes que reciban cordialmente e se desvivan por lle facer a vida grata a quen vai de visita desde a terra, mas cando eles chegan á terra o mais seguro é que ninguén lles faiga caso.

 

Do emigrante se espera que non saiba nada nen se enteire de nada do que está pasando na Terra;  ¿cómo se vai enteirar, se non está nela?  Acéitase sen discusión que o que respira o ar da terra ten ciéncia infusa, como é tamén indiscutíbel o amor pola terra dos que quedaron nela; os outros terán que probalo, e non lles será doado. ¿Cómo non van estar alleiados vivindo entre ingleses, franceses e alemáns, e con fillos que falan alemán, francés ou inglés? Emporiso, a história proba que nada hai como a distáncia para mellorar a calidade dos amores pátrios, e a realidade proba que nada hai mais alleiado que un galego que viva na Galiza.

 

O ideal do galego “de dentro” seria que o “de fora” non mudara en nada, no vira nada e, sobretudo, que non contara nada do ben que se está fora porque, eso si, “como en España, ni hablar”. Atitude procedente de moitos anos de propaganda política, trunfalista e mentirosa, nos que todo o aparato de informazón púxose ao servizo da imaxe dunha España que podia dar lecións ao mundo en todo, a pesares do isolamento no que estaba. Moitos dos que da emigrazón escreben parecen ás veces corresponsais da imprensa franquista, coa mesma ideoloxia “imperial” e antidemocrática que eles.

 

Este sentimento de incomprensión e antipatía ven ao caso e convén analizalo, porque influe moito nas atitudes políticas que se toman no seu dia. A postura nazonalista cara á emigrazón teria que ter sempre en conta dous feitos fundamentais: que o diñeiro dos emigrantes galegos que vai para fora da Galiza é capital roubado a Galiza e a eles, e que teria que ser empregado en criar postos de traballo para o retorno, voluntário ou involuntário, da emigrazón. E, mais importante se cadra, que eses fillos de emigrantes que se educan no estranxeiro terian que ser considerados parte do capital cultural da Galiza futura. E que, por conseguinte, calquer interferéncia para privarlles dos estudos que poderian facer neses países en nome de virtudes pátrias moi discutíbeis ou de paternalistas ánsias de impedir un temido alleiamento, que non ten comparanza có que terían se residiran na Galiza, é miope, criminal e unha colaborazón coas piores forzas do estado español, que son as que por riba cobran por tan fraco servizo.

 

 

 

 

MODELOS ASISADOS

 

Cando nos médios políticos ben pensantes de Madrid dise que a autonomia galega vai ser un “modelo”, só poden sentirse aloumiñados pola frase, que é un insulto, os que desde sempre veñen afirmando que teñen o monopólio do siso e o sentido común. Son os mesmos que cren, no fondo, que o siso non permite a indignazón, os que da inxustiza só lamentan que sexa de mal gosto e non lles ofende xamais a groseiría do señorito. Os mordomos condenados á dourada mediocridade dos arrabaldos do poder. Os outros, os que mandan, non cren nesas cousas cando as din: cabalgan a lombos dos mais, que para eso nasceron.

 

 

 

AS CARAS DE SEMPRE

 

Non paga a pena gastar o tempo en análisis sutís da autonomia xunteira. Para xulgala basta con ver a integrazón da Xunta: son os señores de sempre. Agora có poder que a eles lles gusta, mentras esperan o de Madrid. Os compensados aqui do que perderon aló. Sempre as mesmas caras. Incluso as dos mordomos nativos, que agora vimos saber onde estaban desde o princípio. Se o defunto voltara a Meirás ou á Zapateira, non iba estrañar as visitas de sempre…

 

Voltar ao índice de números