
de Boletín
traballo londres nº 10
galego setembro 81
AS ELECCIONS PARLAMENTARES: NON HAI MAL QUE POR BEN NON VEÑA
A estratéxia de Madrid continúa desenvolvéndose, e tócalle agora o turno á celebración de eleccións de deputados ao Parlamento Galego. Unha vez mais non lles faltou aos que cociñan estas cousas na capital do estado o apoio de algúns galegos que, desde hai tempo xa, veñen poñendo a sua sona, merecida ou non, ao servizo destas manobras. Uns recibindo diretamente a delegación do poder central, e outros buscando aconchego en partidos que acaban de demostrar claramente o centralismo que sempre os caracterizou.
En ambos casos, con protestas de independenza e choros de sacrifício. E, en ambos casos tamén, preferindo aceptar dádivas do poder central a pedir a confianza dos galegos, aberta e democráticamente. Sacrifício sería ir por Galiza adiante buscando eses votos coa predicación do ideal que dixeron defender e que invocaron para chegar onde agora se encontran. Independenza non a pode haver porque un delegado, como seu nome indica, recebe e exerce os poderes do goberno que llos da, en representación deste. E isto non permite mediar. E non permite mediar porque, en caso de conflito entre o poder central e o poder galego, o delegado encarna o primeiro. Tal vez sexa a primera na histórica en que un virrei pretende representar aos seus súbditos.
E os que se presentan ás eleccións nas listas de partidos centralistas claman independenza sobre a base dunha falácia, outra mais das que lanzaron, decindo que a teñen porque carecen de carnet de afiliación, esquecendo, ou pretendendo que se esqueza, que a independenza non se mide por este feito e sí polo de adesión ao proxecto político que o partido có que se vai ten, neste caso, para Galiza. Nen o goberno, nen o PSOE, nen a UCD, nen os restantes partidos políticos manexados desde Madrid con mais ou menos oportunismo, teñen un proxecto político que leve a unha Galiza en pe. Nen o tiveron nunca nen o van ter, porque xamais llo permitirán o groso dos intereses que representan. Todos teñen outras cousas a que atender primordialmente.
Os mesmos que presumen de independeza dínse intelectuais. Cabe por iso exixirlles unha lucidez e exemplaridade da que podería dispensarse aos profesionais da política, que eles tanto desprezan.
Nun país cunha grave crise de identidade, co seu corpo social malferido, pisoteado polas galopadas de intereses alleos e encontrados, coincidentes todos no seu desprezo por Galiza e temor aos seu rexurdimento real, o menos que se lles pode pedir aos intelectuais é que non contribúan a profundizar esa situación, enganchándose no carro do poder sen pensar a quen aplasta.
Mas non hai mal que por ben non veña.
Según vai desplegándose o proxecto de autonomía que nos botaron enriba, vaise vendo un pouquiño millor onde está cadaquén. E na hora de votar, isto é moi importante. Sábese millor o que lles interesa aos uns e aos outros, quen se deixa levar por apeténcias personais esquecendo os problemas do país, a quen lle preocupa mais a liña do partido, que ven de Madrid, que a realidade que teñen cabo deles, quen cre no que decía antes e quen o decía sen crelo.
Sabendo todo isto, o votante que desexa unha Galiza millor ten nesta ocasión unha marxe de escolla moi reducida: as listas de partidos galegos. E entendemos por partidos galegos os que non son teledirixidos desde Madrid e proclaman un ideário nacionalista.
FRAGA E A LÍNGUA DOS CACIQUES
O señor Manuel Fraga Iribarne dixo, non hai moito tempo, que el fala sempre en galego cando a persona con quen está falando faino de forma habitual.
E o ex-ministro da ditadura franquista acrecentou que o que el non fai é falar “ese galego inventando que parece portugués”.
Parabéns ao “bunker” castelanista pola implícita adesión do señor Fraga Iribarne, de todos coñecido polos seus demorados anos de servizo en prol da língua e da cultura da Galiza.
Parabéns tamén pola sua clarividéncia para-psicolóxica para distinguir quen fala galego habitualmente. Aínda que iso, tal vez, non sexa virtude. Todos sabemos que moito cacique, na nosa terra, aínda arranxa os seus negócios en vernáculo…
TIRAR POLO SEU
Moitos galegos pensan que reclamar os direitos de Galiza non está ben, que é unha cousa atrasada, localista, de pailáns, que hoxe o mundo é todo un.
Mas non é así. Tirar polo seu non é un atraso. É o que fai todo o mundo, e ben feito está mentras non se asoballe aos demais. Ou é que na Galiza considérase mais listo a quen malvende unha vaca, ou a quen deixa que lle movan un marco sen permiso?. Entenderse ben cos demais non quer dicer deixarlles facer o que lles dea a gana, nen deixarlles a eles ocuparse do noso.
Haberá, por exemplo, que defender os viños galegos para que non se acabe bebendo Mosela de mala calidade nunha taberna galega porque “xa estamos a nivel europeu”.
E haberá que loitar para non rematarmos cun cinto de lixo atómico porque “xa estamos na OTAN”.
Haberá que loitar por un ensino en Galego para que a nosa língua non quede reducida a unha curiosidade tribal porque “xa somos bilíngues”.
Haberá que loitar por un campo e unha agricultura galega de primeirísima calidade técnica e social, e non aceitar que, para que gocen desa calidade noutras terras, nos manden os de Bruxelas prantar roseiras, deixar de pescar ou cultivar cocoteiros.
Haberá que loitar por exportar, por exemplo, carne de vaca en lata, en vez de carne humana nos trens de emigrantes.
E para que non pase iso, ou pior aínda, necesitamos de moitos homes e mulleres no Parlamento que lles digan aos burócratas de Madrid ou de Bruxelas: “amiguiños, sí, pero a vaquiña é nosa”.
O DIÑEIRO TEN PATRIA…
… e a pátria do diñeiro galego é Galiza. A todos os que nos predican a solidaridade, para levaren os nosos cartos fora, diríamoslles que, como eles mesmos dín cando lles convén, a caridade verdadeira comeza pola casa de un. Cando Galiza deixe de ser un país produtor de diñeiro e cheo de pobreza poderá praticar a “solidaridade”. Non queremos a esmola que nos oferece Madrid porque nós teríamos cartos dabondo se non nolos levaran.
Unha das ventaxas que tería unha Galiza dona e señora dos seus destiños sería a de poder exixir de todos eses Bancos que a invadiron para sugarlle o diñeiro que invirtiran un tanto por cento elevado deses recursos en criar traballo digno e rentábel en Galiza.
E así como houbo barcos negreiros, non habería que empezar a falar de Bancos emigreiros?.