GRUPO DE TRABALLO GALEGO

LONDRES

 

BOLETIN No.1

 

 

 

Comentarios aos artigos 1, 14 e 17 da Ley de Educación (LEY 14/1970, de 4 agosto, General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa – B.O.del E. No. 187, 6 agosto 1970.)

 

Entresacamos do texto dos artigos a parte relevante pra o ensino das linguas vernáculas:

 

“ARTÍCULO PRIMERO.– Son fines de la educación en todos sus niveles y modalidades:[…]

Tres. La incorporación de las peculiaridades regionales[…]

ARTÍCULO CATORCE.– La educación preescolar comprende […] actividades de lenguaje, incluida en su caso, de la lengua nativa […]”

 

No Artigo 1 dise que a incorporación das peculiaridades rexionais é un fin da educación en todos os seus niveis e modalidades. Nembargantes, no resto do articulado da Lei non se fai referencia ao cultivo da lingua vernácula nada máis que na educación preescolar e na chamada xeneral básica (Artigos 14 e 17, respectivamente). ¿É que non se vai cultivar no bacharelato, no ensino téinico e no ensino superior?  Isa solución sería, de certo, máis axeitada para resolver un simple problema pedagóxico de dificultade de ensino aos nenos galegos que para unha finalidade tan elevada como a de incorporar as peculiaridades rexionais ao ensino. Máis ainda; e posible que isa dificultade práctica desapareza na xeración seguinte, precisamente si o sistema da Lei ten éxito. Limitar o ensino da lingua vernácula aos primeiros niveis da educación é, precisamente, o que se fai en países como Ghana, nos que se aspira a que, dentro de un certo tempo, a única lingua sexa o inglés. Unha cousa é resolver unha dificultade transitoria e outra satisfacer unha xusta aspiración ao cultivo da lingua propia.

 

No Artigo 14 a expresión “en su caso” é un tanto ambigua, pois podería querer decir no caso en que o medio normal de comunicación sexa o galego (cousa que excluiría cecaís a certos seitores urbáns), ou ben si hai mestres dispostos a facelo, facilidades, etc. Deberíase ter aclarado máis cál vai ser o medio básico de comunicación entre o mestre e o neno, o que é fundamental dende o punto de vista sicolóxico, si se quer evitar a disparidade entre lingua do fogar e da escola.

 

No Artigo 17, aparte da expresión “en su caso”, que prantexa os mesmos problemas que no 14, atopamos a referencia ao “cultivo” da lingua “nativa”. E isto do cultivo tamén é difícil de interpretar. Non dí, como tampouco o 14, se o mestre ha de falar ou non na lingua nativa, cántas horas á semá, se vai ou non incluir nise cultivo o ensino da gramática e a iniciación literaria no galego. Na nosa opinión, o mestre ten aquí un papel decisivo. El é o que pode darlle a ese termo de “cultivo” o seu contido máis noble, aproveitándoo para despertar no neno a confianza en sí mesmo e na lingua do seu país.

 

Onde dí “el dominio” del lenguaje mediante […] el cultivo de la lengua nativa”, pódeselle ensinar ao rapaz a lér, escreber i espresarse na súa lingua, a traducir do castelán e ao castelán, e, sobre todo, pódeselle falar ao rapaz en galego, pois iste feito valerá máis que todos os outros xuntos, aumentando a confianza en sí mesmo do neno, evitándolle complexos sicolóxicos e facéndoo verdadeiramente bilingüe, ou sexa, aumentando o campo da súa aitividade social e humá.

 

Nistes intres, convén non deixarse levar do entusiasmo –os que coiden que “xa o goberno nos fixo caso”– nin da desesperación –os que pensen que todo é inútil e que non se vai conseguir nada despois de tanto bruído gubernamental.

 

Recordamos aos nosos leitores que, sendo ista como é unha tarefa de todos, agradeceríamos cantas colaboracións e suxerencias nos envien á seguinte direición:

 

Grupo de traballo galego

Wyldes Close Corner

Hampstead Way

London NW 11

Inglaterra

Voltar ao índice de números