Ensinos que inutilizan
Ninguén sabe moi ben cómo tiña que ser un ensino axeitado. Estánse vivindo ainda no mundo inteiro os problemas que prantexa o ensino “das masas” fronte ao ensino das elites, que era o de antes. Non hai dúbida de que o paso á cantidade trouxo o deterioro da calidade. O que compre perguntarse é se ten que ser así ou non, se ese deterioro é necesario e non pode ser de outra maneira cando hai que educar a toda a poboación, ou se é querido e promocionado para cultivar un nivel baixo de coñecimiento que manteña as apariencias e encobra as realidades.
O outro problema que está sen resolver, e que é pior cada vez, ven do feito de que todo o mundo sabe que a instrucción e a educación son necesarias, pero o que non se sabe é por qué nen para qué, como non sexa para adquirir títulos que den acceso a traballos.
Hai, porén, unha cousa na que todos podemos concordar: en que o que se estude non debe inutilizar. Poderá parecer que todo o que se estude val para algo, pero non é así. Se o que se ensina son erros, ou enfoques errados, ou se ensina mal e non se crían hábitos de pensamento craro e eficaz, eses erros inutilizan mais do que inutiliza a ignorancia.
Em materias abstractas é mais difícil descobrir o erro de base, cando o hai. En materias concretas nas que se poden comprobar os resultados na práctica, como pode ser no ensino das línguas vivas, é doado descobrir os erros. Se non se destapan é porque hai preguiza mental e intereses creados, e porque o que menos se quere é que se descobra, como no conto, que o rei está en coiros.
Os habitantes de España (e a Galiza non é unha excepción) parecen ter unha incapacidade notábel para aprenderen idiomas de verdade. Pódese ter clase de inglés nos colexios e nas escolas, nas universidades, ir a clase de inglés anos e mais anos, e non saber dicer unha palabra nese idioma, non poder ler un libro ou un xornal en inglés e non entender nada do que din os nativos do idioma. E esa situación absurda, que non sucede en ningún outro lugar do mundo, non pode deberse a unha incapacidade nata. Débese a que o habitante de España está inutilizado polo mal ensino do idioma, no que o que se ensina non é inglés senon un sustituto que só val para consumo interno e para aprobar os exames nos que se exixe iso que se chama “inglés” e que non o é.
Este exemplo val para demostrar que a ignorancia é preferíbel ao coñecimento errado e ao mal ensino, porque polo menos non inutiliza. Da ignorancia pódese sair adquirindo coñecimento, e o coñecimento pódese aumentar cando hai unha base que non está errada, pero o coñecimento errado engana, fai pensar que se sabe o que non se sabe e, como todos os enganos, ten consecuencias pésimas e leva ao atraso.