ENFOQUES ERRADOS DA TRADUCCIÓN
Como semella que se empeza a falar de traducir obras
literarias ao galego en grandes cantidades e até de traducir do galego ao
inglés, sería útil reflexionar un pouco sobre
cuestións de traducción e do que sucede cando duas línguas entran en contacto e
hai que pasar dunha a outra.
Pensar que calquera que “saiba” un
idioma pode traducir é unha crencia que revela un descoñecimento profundo do
proceso de adquisición e desenvolvimento das línguas. Infelizmente, esa crencia
é a que impera no estado español, onde as grandes editoras están prestes a
gastar cantidades inmensas de cartos en mercar direitos de autor da literatura
extranxeira e aforran o mais que poden na traducción
desas obras ao idioma castelán. E iso fanno porque non se da importancia
ningunha á traducción e se pensa que a fai calquera.
O resultado é un corpo de literatura en xeral mal
traducido, que espalla ideas erradas e que inflúe na língua castelá
empobrecéndoa e enchéndoa de vulgaridades.
O
primeiro
que hai
que
entender é
que traducir consiste en escribir, e
que non se pode traducir sen
saber escribir ben no
idioma ao
que se traduce. O traductor é
un
escritor. Nunha
época na
que no
estado español non se
ensina a escribir en ningunha das fases do ensino,
é moi posíbel pasar
por todas esas
fases,
incluso a universitaria, e chegar aos cúmios das
profesións sen
saber puntuar nen escribir
medianamente ben. Iso fai
que
sexa moi
difícil
que no
estado español haxa quen
poda traducir ben,
porque hai moi
poucos
que saiban escribir ben. Galiza
non é
unha
excepción.
Nen escribir nen traducir son tarefas que se podan
“industrializar” en ningún nivel, e menos cando se trata de obras literarias,
porque a esencia desas tarefas é a calidade, non a cantidade. Esa é a razón de
que en outros países se traduza moito menos pero se acolla cada traducción dunha
obra importante con grande interés e se comparen as traduccións dunha mesma obra
literaria como se comparan as distintas
interpretacións dunha obra musical.
Canto ás traduccións do galego ao inglés, compre
perguntar quen vai facer esas hipotéticas traduccións.
É un
feito
coñecido (ainda
que
non
sempre
admitido cando imperan os intereses
comerciais)
que
só se
pode traducir ben á
língua
principal de cadaquén,
porque
é a
única
na
que se
poden
ter os
recursos necesarios
para o
labor
de traducir, e
que
esa língua principal non
sempre
coincide coa lingua
materna en
sentido
literal. En principio, ningún
galego
e ningún español poden traducir
unha
obra
literaria ao inglés, e
tampouco pode traducila un “nativo” calquera da
língua
inglesa. Ten
que
ser alguén cuxa
língua principal
sexa o
inglés,
que
teña
sensibilidade literaria,
saiba
escribir ben e
poda traducir, ou
sexa
interpretar un
texto
como
se fose
unha
partitura musical e comunicalo ao
público, e tamén que teña gana de facelo.
Valería
mais,
para
empezar,
fomentar o aprecio e a valoración da
arte de traducir, e
insistir en
que non é
igual
unha traducción
que outra,
que hai
que
aprender a
distinguir
entre
elas, e
que hai traduccións
excelentes, boas, medianas,
malas e pésimas. Mentres se siga pensando
que calquera pode traducir e
que
tanto ten
unha tradución
coma
outra, cantas
menos traduccións se fagan, mellor,
porque a traducción
que non é boa destraga a
língua e rechume a
sensibilidade.
Voltar a Lingua