EMIGRACIÓN PATRIARCAL

 

Este vaise y aquél vaise,

e todos, todos se van;

Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar.

Tés, en cambio, orfos e orfas

e campos de soledad,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non tén pais.

E tés corazóns que sufren

longas ausencias mortás,

viudas de vivos e mortos

que ninguén consolará.

 

Os poetas descobren verdades e din con agudeza breve e exacta as formas e os fondos que xurden na vida.

 As palabras de Rosalia usáronse para criar un mito da emigración galega no que os “malos” eran os que marchaban e as víctimas deles –non da sociedade-- os que quedaban. Non era esa a intención de Rosalia, que falou con profundidade de corazóns nos que pesa o temor a empezar vida en países descoñecidos e o medo ao fracaso e nos que tamén hai a esperanza de sair da miseria material e espiritual.

 Compre perguntar por qué as mulleres quedaban no país e só marchaban os homes. Non parece que fose esa a maneira habitual de emigrar de outros países. Nas migracións máis fortes de habitantes de países de  Europa (os de Alemania, Suecia, Italia, Irlanda) a América o habitual era que marchara a familia inteira. ¿Qué sucedeu na Galiza? ¿Sería que as mulleres non podían marchar porque tiñan que quedar a cuidar dos pais? Iso sería unha indicación máis da estructura inmensamente patriarcal da Galiza e de até qué ponto foi paralizadora do dinamismo. Cando emigraba a familia toda, muller, home e fillos, había que ollar para o futuro sen remedio e concentrarse por completo en construir unha nova vida. Cando marchaba o home solo, quedaba prendido no que deixara atrás, material e psicolóxicamente; era como ir á guerra, pero por riba tendo que soster á familia que quedara na Galiza e tendo que demostrar desde o primeiro momento da chegada ao país novo que estaba trunfando. O medo ao país novo non era nada comparado có medo ao desprezo no país vello.

 Na forma que colleu a emigración galega destaca o duro patriarcalismo da sociedade galega e a falta de oportunidades cara ao futuro que a caracteriza. Ese patriarcalismo volve a xurdir claramente na interpretación que se fixo no galeguismo, sobretudo o da aposguerra, da emigración como sangría, como pecado imperdoábel e como un dos piores males da Galiza. Nalgunhas das versións máis influintes dese galeguismo, o emigrante era un home ávido de diñeiro que traizoaba á familia e ao país marchando a facer noutro o que podía e debía ter feito no dele. Os que quedaban, en cambio, que podían ter marchado a facer diñeiro, eran herois sacrificados e comprometidos có seu país e coa familia na que naceran.

 Nesa versión tendenciosa e patriarcal esquécense dous feitos importantes: que os que marchaban non ían ter dentro as oportunidades que buscaban fóra e que mesmo porque non podían ter esas oportunidades era polo que marchaban; e que os que quedaban era porque non tiñan gana nengunha de marchar a enfrentarse coa loita que supón facer vida nun país alleo e que non facían sacrificio nengún.

 Para o que valeu o mito que se criou con esa interpretación da emigración foi para estabelecer o control supremo que se exerce coa práctica da piedade filial (un dos pilares do sistema patriarcal) e para que o posto de mando non puidera estar nunca na Galiza da emigración senon dentro do país (é decir, nos “vellos”, outro dos pilares do sistema patriarcal). Isto probouse claramente cando os galeguistas “de dentro” decidiron, en pleno franquismo, que os da emigración non contaban e que os únicos que sabían da Galiza e podían falar dela eran os de dentro. Os de fóra quedaron expulsados, seguindo o molde patriarcal, e os de dentro quedaron esperando pola “mellora” que lles correspondía como bós fillos. E o pior de tudo é que esa mentalidade fondamente patriarcal aínda siga predominando e facendo ver as cousas ao revés.