ELECCIÓNS E DIÁSPORA

           Cando esto se escrebe haberá que esperar polo menos unha semana para saber quen vai gobernar ou seguir gobernando a Galiza. Pode haber moito xogo aínda antes do debate de investidura, cunha maioría dun diputado, tanto no continuismo como na posíbel alianza do cambio. Hai xa aspectos moi positivos nos resultados desas eleccións, non tanto para os políticos como para a política da Galiza, porque revelan que os galegos non son indiferentes, pero tampouco están entusiasmados có que lles oferece ningún dos partidos.

             O resultado está ateando o problema do chamado “voto emigrante”, que preferimos chamar voto da diáspora

             Sería moi inxusto e moi pouco intelixente que o nacionalismo defendese a limitación do voto diásporico a uns supostos “intereses da emigración”, con representación separada. E dicir, a querer deixar sen voz aos de fóra nas grandes cuestións do país.

             Aquilo de que si o povo non vota como eu quero “que me muden o povo”, non pode ser defendido por demócratas.  Resulta que a Galiza ten moitos emigrantes e iso complica as cousas. A democracia é sempre máis complicada que o despotismo Galiza é complicada e diferente. E os nacionalistas debían ser os primeiros en defender esa realidade complicada na que está tamén a riqueza e o interés universal do país.

             Non se pode deixar que só defendan o voto da diáspora os antinacionalistas, como vai pasar a pouco que nos descuidemos.

             E volvendo ao de “mudar o povo”, xa ouvimos, medio a serio medio de brincadeira, que tampouco debían votar os vellos, e seguramente tempouco a Galiza rural. E un día non poderán votar os coxos, ou os cegos, os loiros ou os que teñan ideas “raras”. Galiza é como é, e para cambiar hai que partir do que hai, non eliminalo.  E hai diáspora. E a diáspora é unha riqueza de Galicia.

             Os argumentos de que os galegos e galegas diaspóricos non saben o que pasa no país, non resiste lóxicamente a non ser que lle fagamos un examen a cada votante “de dentro” para ver até que ponto está “ben informado”.  E se os partidos informan aos votantes, terán que informalos estexan onde estexan. Ou desinformalos, alá eles.

             ¿Haberá outras fórmulas de participación da diáspora nas elecións parlamentarias?  Non se ve ningunha que non sexa discriminatoria. E por iso non convence a idea dunha representación aparte e limitada aos “intereses dos emigrantes” . ¿Cáles serán eses intereses tan especiais que, seun din, non teñen nada que ver coa Galiza?  O debezo de controlar e que ningúen se escape (ou se libere) é evidente en toda esa reacción excluinte, O destino e o futuro da Galiza son interés primordial tamén dos que viven na Diáspora.

 Voltar a Diáspora