Historias diferentes
O xeito en que se amañaron as autonomías no seu momento levou a un erro
grave, que tivo e ten consecuencias funestas para Galiza e a sua língua. Ese
erro consistiu en crer, ou querer crer, que os problemas da Galiza eran os mesmos
que os de Cataluña, ou moi semellantes, e que a situación da língua galega era
equiparábel á da catalá. Pensábase
daquela, e seguramente séguese pensando agora, que a única diferencia estaba en
que en Cataluña a língua fora mantida e defendida pola clase media do país, e que na Galiza non
tiña sido así.
Non é moi atinada esa interpretación da historia dos dous países, Galiza
e Cataluña, que foi moi distinta para cada un deles, a pesares de teren formado
parte os dous da España unificada. A
coroa de Aragón e o Principado de Cataluña non quedaron xunguidos a Castela coa
mesma precariedade institucional e social con que quedou a Galiza, que, ademáis, foi separada do país
có que compartía a língua, que era
Portugal. Un Portugal que, na
mentalidade que se foi criando nos que quedaron formando parte de España, foi
ollado como “fillo ingrato” e “erro histórico”, para desprezalo e aldraxalo
nunha España que non aturaba ningún anceio de independenza na península, e que
despois quedou resentida tamén pola independenza das colonias de ultramar, coas
que cortóu vencellos por motivacións máis de comichón psicolóxica que de
razoamento político.
E esa é unha história que hai que ter moi en conta cando se pensa na
relación da Galiza con España, moi distinta da de Cataluña, e nos problemas da
língua galega, que non se asemellan en nada aos da catalá. Na Galiza existe un
problema social e emocional coa língua galega, que ven da sua historia e que
non se poden resolver sen un bon entendimento desa historia, e unha reflexión
que exixe moita sensibilidade e moito
tento.