SOBRE RAÍCES E SAUDADES                   

 

 

[Fragmentos do libro de Teresa Barro “Dentro e fóra”, Editorial Nigra Imaxe, Vigo 2002, páxinas 104-107]

 

 

Falouse moito do cultivo das raíces e da identidade galega, e fíxose sen pararse a pensar nen por un instante que coas raíces non abonda e que poden estar danadas, e que a árvore ou a pranta precisan medrar con xeito e botar fror e fruto ademais de ter raíces. Aceitouse tamén como verdade absoluta e indiscutíbel que a identidade se ten ou se adquire non movéndose da terra na que un naceu e se perde marchando a outra parte.

 

           Mas a  identidade vai sempre con un, e esa identidade virará mellor ou pior según que un tamén mellore ou empeore, e as raíces de cada persona van sempre con esa persona, como é natural, igual que van coa planta trasplantada, e tanto poden dañarse quedando na mesma maceta ou no mesmo lugar como trasladándose a outro. Nada garantiza que o crecimento da planta, a árvore ou a persona sexa como tiña que ser.

 

            Eu vexo neste conto do cultivo das raíces e da identidade un calco exacto dos valores típicos da estructura patriarcal. Na familia patriarcal os fillos son propiedade dos pais e nacen para servilos a eles, á propia familia e, en definitiva, ás autoridades divinas e humanas. O futuro e a independencia non interesan.O único que conta é a continuidade do pasado,  bon ou mau, porque no pasado é onde reside a  identidade que se quer impor.  A única identidade posíbel neste sistema é a que ven da familia na que se nace e hai que apegarse a esa entidade ficticia sen separarse dela. Nunca se pensa que cada persona ten que facer,desenrolar e acrescentar a sua propia identidade e que, na medida en que esa identidade se desenvolva axeitadamente, contribuirá á evolución harmoniosa do mundo e da humanidade.

 

           

 

 

 

 

Sen discutir que a psique galega teña inclinacións saudosas, que seguramente as ten, conviría tal vez aclarar que a morriña non é virtude de seu e que o cultivo que se fixo dela  ten aspectos cuestionábeis ou nos que polo menos habería que pensar sen os  habituais automatismos mentais que rodean o tema.       Extrañar aquilo ao que estamos afeitos, casa, familia, amigos, parentes, vila, cidade ou país, é natural e rasgo común de todos os humanos. A todos fáisenos costañento adaptármonos ao novo, inusual ou descoñecido e a reación de querer  volver ao vello é cousa sabida e normal. Mas todos sabemos tamén que se nos pechamos en principio a todo o que nos incomoda por novo, entramos en perigosos camiños de retroceso que levan ao atraso mental e anímico e a ter cada vez mais medo da existencia. Parte fundamental da educación tería que ser ensinarnos a estar sempre listos para mudar e aceitar que nada pode seguir sempre igual. A natureza humana está chea de contradicións e  forzas que pulan en sentidos contrarios, e en todos nós hai inclinacións que nos impulsan a desexar o novo e tendencias que nos levan a querer que todo siga igual, ou  por medo ou porque pensamos que nos convén. Mas cando nos pegamos indebidamente ao pasado estamos forzando a realidade e querendo buscar  refuxios que non pode existir, e no terreno colectivo sucede igual que no individual; os povos van adiante  cando saben camiñar cara ao futuro sen ficaren paralizados por excesivo apego ao presente ou ao pasado. O sistema patriarcal ensinou o contrario, xa desde a propia estructura familiar, centrada nos vellos e nas xeracións pasadas e non nos novos como debía ser, e polo tanto todos estamos mal educados nese sentido e tendemos a retroceder mais que a adiantar, porque así nos ensinaron desde que nacimos e parécenos natural e non sabemos facer outra cousa. E en países onde este sistema afincou mais e asentou con mais forza, nótase tamén mais ese medo ao futuro e ese retroceder inconsciente da psique individual e colectiva que non se atreve a desprenderse do sabido e teme ademais os castigos que virán por non praticar debidamente a piedade filial con nai e terra.

 

            Unha característica moi acusada dos galegos é o forte sentimento de culpabilidade con respeito aos pais e a sensación que levan dentro  de que nunca fan abondo por eles e de que non poderán contentalos. Este sentimento é típico da  familia patriarcal e provocado por un sistema na que todos nacemos baixo o peso da débida impagábel frente ás autoridades divinas e humanas. E canto mais patriarcal a estructura familiar é, mais agudizado esté ese sentimento, inculcado por todos os meios posíbeis. Na Galiza, por influencia seguramente da igrexa (a pesar daquel paganismo tan celebrado polos galeguistas), o sistema patriarcal afincou con gran dureza e resultou nunha familia especialmente insensível e exixente que apenas da nada e que chora o pouco que da, que lle parece moito. Por iso os galegos encontran tan difícil despegarse da familia, concorden con ela ou non, e por iso levan sempre un sentimento de culpabilidade e de débida impagábel que os roe por dentro e lles tira forzas para todo.

 

            Na famosa morriña pesa moito ese componente de culpa e de querer quedar ben con esas figuras de autoridade familiar que se levan cravadas ben dentro . A independencia dos fillos é impensábel e inaceitábel no sistema patriarcal en xeral, e onde arraigou moito nótase mais, como na Galiza. Os fillos non se poden afastar dos pais, nen física nen espiritualmente, e facelo síntese como un pecado imperdoábel. Este sentimento de culpabilidade e pecado causa a morriña e tamén a ansia, nos que se foron, de querer deixar ben claro que, ainda que marchasen, queren volver axiña e non se afán en ningún outro sitio. Con isto non se cumplirá de todo o mandato da piedade filial, mas polo menos se deixa claro que non se peca porque haxa vontade de pecar senon polo peso das circunstancias. Non terían esa ansia se a  patria non funcionase con pautas patriarcais, expulsando aos fillos rebeldes e independientes. Que haxa que demostrar con tal angustia que a patria segue sendo a preferida ainda que un marche a outro país revela que esa nai-patria está sempre disposta, como a outra nai, a expulsar  a quen ouse independizarse e non rinda a debida homenaxe.

 

 

Voltar a Diásporas