O cultivo das linguas
Na situación en que está hoxe a língua galega aquela ideia que imperaba antes, de que a maneira de defender esa língua era falala e escrevila exclusivamente, e non falar nen escrever para nada en castelán, xa non ten sentido. O único valor que pode ter esa ideia é simbólico, mas na práctica está demostrado que non val para defender a língua e que cría confusión. Hai moito, moitísimo que esclarecer neste asunto, mais compre resaltar que nestes momentos lése en galego moito menos do que se lía antes, sexa cal sexa o número de publicacións, e que sería moi útil que na Galiza se cultivase o castelán ben falado e ben escrito e o galego o mellor falado e escrito que fose posíbel. O que non pode ser é que se fale e se escreva unha mestura lamentábel das duas línguas e que non se respeite nengunha delas. Quen ama unha língua pode amar outras; quen non fai por cultivar nengunha estará contente champurrando e destragando todas, e por moito que acredite que está defendendo a língua do país, estará contribuindo á sua destrucción.
Na Galiza segue habendo o problema de que os galegos non queren de verdade falar a língua galega, e ese problema non se solucionou nen ensinando o galego nas escolas, nen usándoo nos documentos públicos, nen falando aos fillos en galego como moitos pensaron que se solucionaba. E isto significa que non se atendeu á raíz do problema e non se quixeron analizar as causas.