CRIATIVIDADE E POLÍTICA
Vemos decote nas democracias de tipo occidental que a chegada ao poder de movimentos ou partidos con ambicións de reforma radical dilúe rápidamente esas ambicións e cria desilusión en quen os apoiou. Isto, repetido, remata no descrédito da política entre os cidadáns e no abandono desa actividade a profesionais que xogan nela intereses propios e descoidan o ben común, até chegar a deixar baleiro ese capital concepto.
Poderíase pensar que é cousa boa que a realidade do poder tempere as utopías; así teríase unha seguranza frente a conmocions sociais que poucos desexan. Resulta, polo contrario, que nesas democracias pouco políticas aumenta a inseguranza dos cidadáns. Non só en termos de orde social, senon tamén no económico, na
previsión da vida en idade avanzada, na exposición a doenzas e
desastres naturais.
Todos eses son aspectos prácticos nos que cabería esperar que o abandono das utopías dese resultados tanxiveis.
Igual sucede no eido das relacións internacionais. Sempre foi menos nese campo o peso da conciencìa pública, máis resignada a xestos e campañas
utópicas. Mesmo así, despois dun século de guerras quentísimas, quentes e frías, estamos entrando noutro de
estarrecente belicosidade. As de agora son guerras sen ideais que o povo, convertido en público, olla como espectáculo. E o poder, preso nese xogo, non atopa, aínda que quixer –e non quer—terreo para actividade constructiva.
A criatividade non da chegada á política. A innovación vai parar á técnica, que de seu non pode ir alén de servir aos diversos poderes, económicos ou mediáticos, ou vai ás posvangardas artísticas, que hoxe xogan ao mesmo xogo e desilusionan de propósito.
No esceario
ibérico, os nacionalismos xurdiron có intuito de correxir unha malformación nacional do estado unitario que embarcara ao conxunto das nacionalidades peninsulares nun curso histórico lerdo, animado por fantasías fatuas en troques da
imaxinación criadora e abalordado por unha versión raquitizante do sentimento relixioso. Por iso a frustración é moi forte cando quen ven dese proxecto
corrector e inspirado por ideas de criación e novidade, queda enguedellado na aparente inexorabilidade do chamado pragmatismo.
Os perigos do poder para os novicios non estan só no que se poda ou non se poda facer. Non; o pior é que ese poder forneza moldes esencialmente alleos, que están criados pola situación doentía do mundo político. Aí é onde se desforman e se poden estragar ideas e proxectos, ao tentar levalos á práctica có autoritarismo que o poder lles presta, e sobre tudo conformándoos a modelos que son contradictorios coa sua esencia. No caso do galeguismo, as políticas, e moi sinaladamente a da lingua,
aspiran á imposición more hispanico. Na cultura, a falta de paradigmas propios leva a unha imitación, moito mais fonda do que parece, das modas e os xeitos que chegan do centro.
Pode ser que os políticos nacionalistas non atopen outros paradigmas ou varas de medir na sua base social e intelectual, e nese caso non terían toda a culpa desa situación insatisfactoria. Se
é así, valería a pena revisar o ideario nacionalista e ver cánto hai do modelo hispánico no seu estilo de pensamento. É dicer, se non haberá nese estilo unha aceptación intrínseca do unitarismo, cando aínda se
estaba lonxe do poder, que explicaría moita da dificuld de pór en práctica un nacionalismo orixinal cando se tocaron as marxes do poder.
Voltar a Alicerces Nacionalistas