CORRECTORES

 

Forma parte do insensíbel autoritarismo  con que se quixo forzar o uso da lingua galega nos que non a querían ou porque pensaban que era un atraso e que era “feia” ou porque xa tiñan outra língua que preferían, a imposición dunha normativa de intención castelanizante e a implantación de “correctores” de todo o que se escrevera en galego, que “corrixen” os máis deles cun atrevimento de burócrata indiferente. A audacia con que ultrapasan o ortográfico e chegan ao léxico e ao estilo é demostración dese espíritu impositivo. Se correxisen para poñer o escrito en mellor galego ainda podía ter algún sentido, pero en xeral nen recoñecen o galego que non é o mais vulgar, que é o que mal aprenderon e o único que lles interesa. A criación queda sometida ao que algúns investidos dese poder desfigurador leron no “catecismo” e nas listas que teñen diante.

 

Así resulta que quen escreve en galego non só ten que afacerse á ideia de que non vai ter leitores normais, porque ningúen quer ler en galego, senon que, por riba, ten que someterse a que esmaguen e amachuquen o que escreve. Iso non  pasa en nengunha outra lingua. Non hai nada que revele con maior claridade a situación real en que se encontra a língua galega, situación que favorece aos que queren abafar esa língua para non desponte nunca. E tamén nisto o nacionalismo tivo moita culpa, porque todos estamos dacordo en que unha língua precisa dunha normativa, pero a língua galega non estaba en condicións de que lle puxeran esas limitacións atrabiliárias que lle quitan vida.Tería sido preferíbel agardar a que estivese en mellor estado para introducila no ensino oficial, e non forzar por todos os meios o uso dunha normativa que, como cabía esperar, non respondeu ao que se precisaba e tivo e terá que ser substituida por outras mais, có que aumentará o aborrecemento dos alunos que teñan que mudar dunha a outra. Como con todo, sería mais atinado sensibilizarse ao problema e non substituir un autoritarismo por outro.

 

 

Voltar a Lingua