CONTOS DA NOSA TERRA
[Do número 1 da terceira época do Boletín do GTG, novembro de 1983]
Nacera galeguista, nacionalista galego; e galeguista, nacionalista galego, pensaba morrer
Xa home, saiu da terra. Traballou noutro estado, dos vários que hai por Europa adiante. Chamáronlle os seus "emigrante", ainda que ele non emigrara, non fixera mais que ir traballar a outra parte, e botáronlle enriba capeláns, mestres e xornalistas do país oficial a que sempre fora alleio. Dixéronlle que tiña que ter nostalxia do sol relocinte que non coñecera, e escandalizáronse cando lles dixo que el sentírase mais extranxeiro en Madrid. El sentíase a igual distancia física da sua terra en Madrid que en Londres, por exemplo, e a moita mais distancia espiritual. Dixéronlle que lle tiña que estar agradecido a varios señores de gabardina, que quedaran aló na terra, a quen el nen coñecía, porque se non fora por eles non sería galeguista. Pero ele nacera galeguista cando naceu ao entendimento e ao sentimento, porque tiña ollos para ver arredor de sí e sabía ler. E Rosalía deixara por escrito anacos da sua alma, e alí estaba Galicia.
Chamábase Xan. Non se chamaba nen Xohán nen Juan. E berrábanlle por se chamar así, que era nome de pailán. Pero Xan vira mais mundo que os que lle berraban, e tivera que fixarse moito e aprender moitísimo, porque polo mundo adiante non hai curmáns nen amiguiños que che resolvan a vida, nen podes andar a fungueirazos como o Duqe de Alba na Flandres. Tiña moitos amigos portugueses e un deles, moi amigo, chamábase João, que tampouco se chamaba nen Xohán ne Juan. E falaban moito un có outro, e entendíanse moi ben.
Xan andaba sempre matinando no país, enteirándose, estudando, lendo, sofrindo. Mas cada vez que pasaba por aló. decíanlle que non sabía nada de aquilo. Sabíano, en troques, os que vivían en Madrid, que iso non é emigración.
Xan nacera galeguista, nacionalista galego; e --porque aínda segue vivo a pesares de todo-- galeguista, nacionalista galego pensa morrer.