CATALÁNS E GALEGOS

 

Unha diferencia fundamental entre a Catalunya e a Galiza é que os cataláns parece que prefiren facer algo a pedilo, e os galegos non. Os galegos (incluidos os nacionalistas) piden. Piden que lles den isto ou outro, pero todo depende sempre dos demais. Todo é pasivo. Non semella que queran algo distinto, como queren os cataláns, que teñen ideas propias sobre como tiña que ser o seu país. E se os galegos non pensan e cultivan proxectos propios e confórmanse con seren como os demais e faceren o que os demais fan, Galiza, chámese ou non nazón no papel, non poderá realizar a sua personalidade nen acadar o seu potencial.

 Sair da pasividade mental e do conformismo emocional, e idear proxectos orixinais para a Galiza, debía ser a tarefa na que os galeguistas e os nacionalistas galegos terían que pór empeño. Parte fundamental deses proxectos tería que ser aprender a cultivar o propio. Os cataláns cultivan o propio e saben que ese cultivo non consiste en presumir do que se ten, senon en oferecer oportunidades, recoñecer méritos e animar talentos. Os galegos temos que aprender a facer ese cultivo porque, sen cultivo e con pasividade, non é que non haxa nada, senon que o que medra e espesa é a bouza e a silveira e remátase facendo o que, desafortunadamente, tantas veces se fai na sociedade galega: cercear oportunidades, esmagar talentos e non deixar que nada nen ninguén medre debidamente.

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas