INTELECTUAIS E CANS DE GARDA

 

Non se lé moito agora a Julien Benda. E ben viría ter á vista  aquel encirrado livro seu de 1927 que se chama La trahison des clercs, a treizón dos letrados, ou dos intelectuais.

Sen concorrer en todas as críticas de Benda aos clercs, interesa agora unha metáfora moi axeitada que emprega na sua diatriba.

Os clercs son o que chamaríamos os intelectuais. E dí Benda que unha das funcións do intelectual é loitar contra os cans de garda do palacio. E que ese deber foi un dos que os intelectuais treizoaron, ao seren cómplices e instigadores de moitos desaforos da vida pública  do século XX: os que xa se cometeran en 1927 e, proféticamente, os que estaban por vir.

O palacio que gardan os cans é o do poder, o de todos os poderes, que sen a ollada constante e a advertencia crítica da razón e do espíritu corren, como a auga ao val, camiño do desaforo.

 O can de palacio é un nome millor e máis expresivo para o que hoxe se chama o intelectual orgánico. O  pensamento ten un prestixio tradicional e unhas maneiras propias de expresarse. Ese prestixio e esas maneiras poden ser moi úteis para todos os poderes que precisan encobrirse de respeitabilidade. E entra o profesional das formas do intelecto, o pensador orgánico que reformula, na linguaxe aparente do intelecto, as volicións do seu padriño.  Por iso é tan importante para o intelectual orgánico estar ao tanto de cómo se fala nos medios do pensamento, empregar os cacoetes das teorías de moda, a apresentar os programas e os credos como asentados no millor pensar do día. Iso tranquiliza ás conciencias, a do amo, con certeza, pero tamén a do intelectual. Fan pensar que quen fala como intelectual e está ao día non se equivoca.

Algún pensamento progresista acusou ao intelectual de fuxir do compromiso e viver nunha torre de marfín, pero o intelectual de verdade non vive nunha torre de marfín. Ao contrario, ten que aturar a intemperie, porque non está acobillado na caseta que o amo lle pon ás portas de palacio, e que pode ser ben amantiña. Si se compromete con algo ten que ser que non supoña treizón. ¿Treizón a qué? ¿Fidelidade a qué? Semella que ten que ser a algo moi fundamental. Non pode ser a un programa de partido, e menos aínda á evolución dese programa no decorrer cotiá da vida política. Terá que ser ás ideas que non son ideolóxicas. Ousemos falar de verdade e de beleza, sen medo ás grandes palabras. A fidelidade do intelectual non pode ser mais que a unha verdade que non violente a liberdade. Iso é o que anda por tras do imperativo kantiano e tamén da  veritas liberavit vos formulada desde unha perspectiva ideolóxica ben diferente.

O asunto non é banal, pois que o debate intelectual é necesario. Fai falta una vixilia que protexa do sectarismo e da fidelidade incondicional a unhacausa”. Son moi fondas as raíces de dependencia psicolóxica que levan a unha adhesión sen condicións que libere do penoso esforzo de pensar. Iso por unha banda; pola outra, son moitos os medios económicos que teñen as forzas organizadas para pagar a quen as espalle de xeito que pareza intelectual. As consecuencias individuais e sociais de treizoar á verdade están claras abondo.

Ocorre que a carón da treizón dos intelectuais hai tamén a dos espirituais, da que non tratou Benda, pero que hai que ter en conta. Porque se o intelectual pode fomentar o xacobinismo, o espiritual pode fomentar a barbarie. Asunto para outra vez.

Voltar a Alicerces Nacionalistas