CAMBIO?

 

            O problema dos cambios politicos, sobre todo dos que tardan en chegar, é que despertan esperanzas difíceis de cumplir e que poden causar desilusións.  Compre, xa que logo, ser prudentes.  Hai que manter a esperanza, pero non abandonar a análise incesante do que vaia pasando.

             Acaba de haber un cambio de cor política na composición da Xunta de Galiza. Pero hai duas cousas fundamentais que non cambian:  a estructura económica, social, política e, sobre todo, mental do país; e o marco institucional no que se da o cambio.   No marco institucional, hai que recoñecer que, desde o punto de vista nacionalista, non son satisfactorios de todo nen o Estatuto nen a Constitución. Xa se fala nos medios de comunicación e opinión de que non é urxente a reforma do Estatuto (e non digamos da Constitución), aducindo que os problemas que preocupan son os da economía “inmediata”. Semella ás veces que o materialismo histórico veu aniñar nos sectores sociais máis conservadores.

             O socialismo, encarnado na filial galega do PSOE, e o nacionalismo, encarnado nun avatar do BNG, son as dúas referencias ideolóxicas, por chamarlles así, que cabería esperar que inspiren as liñas mestras da política do novo goberno.  O que hoxe chaman socialismo, ou sexa, a socialdemocracia europea, poucas esperanzas de cambio fondo pode inspirar. A coincidencia do sector dominante da nova Xunta e un “goberno amigo” en Madrid, non é ideal para a afirmación nacional, e nen siquera para a protección dos intereses galegos, se nos guiamos por experiencias acedas do pasado.  E o BNG, no poder por primeira vez, corre o risco de desilusionar, cuase inevitabel nesas circunstancias.  As duas bandas do bipartito van ter que recurrir a iso que chaman pragmatismo, que é mortal para a política criadora. E sen criación, pode ser que non haxa socialismo, pero seguro que non hai nacionalismo.

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas