CALIDADE DE VIDA
Agora din os gurus de fama mundial que a principal fonte de riqueza da Galiza e o seu recurso mais importante nesta economía globalizada da que estamos disfrutando non é nen poderá ser, como talvez pensasen algúns inxenuos, a pesca, ou a industria, ou a agricultura, ou as artes. É algo moito mais intanxíbel e difícil de medir; iso que na linguaxe do marketing chámase calidade de vida.
O que ten de útil ese conceito da calidade de vida é que se pode usar para o que se quera, porque sempre sucederá que o que contentará a algúns disgustará a outros, e que algúns apreciarán o que outros rexeitarán. Non pode haber dúbida de que a calidade de vida á que aspiran os ricos e poderosos non é a mesma que a dos pobres nen a das personas correntes. Para quen quera praias “animadas”, a calidade consistirá en que haxa moito ruido, moita xente e música por altavoces; para quen quera silenzo e camiñar en paz e tranquilidade, o ruido será un inferno. Mais, indo ao fondo da cuestión, seguro que o que todos queremos como mínimo nun país é que haxa medios e estímulo para levar unha vida acertada e interesante. E iso quer dicer que o primeiro que ten que haber son fontes de riqueza auténticas e posibilidade de emprego para todos. Onde hai desemprego aumenta a “calidade” para os ricos, que teñen mais pobres á sua disposición. Onde hai desemprego, e polo tanto medo e desaproveitamento das faculdades humanas, non pode haber calidade de vida. E onde non se estimulan e protexen as aptitudes e os talentos, tampouco pode habela.