BAGAXE INTELECTUAL

 

Nas crises recentes do nacionalismo partidário galego reveláronse algunhas fendas do edificio construido nas décadas anteriores.

 

No fundo da crise albiscouse unha ausencia de reflexión intelectual rigorosa. Iso é grave sempre, e pior ainda cando hai que responder aos que, canto mais lles falta a razón, mais se disfrazan de racionalismo.

 

O nacionalismo galego despontou no cadro dun descontento fondo coa realidade histórica, social e política da península no insatisfactorio estado a que tiña chegado, digamos, no século XIX. Por iso foi crítico, como tiña que ser, e con esa crítica ía subentendida a promesa dun porvir mellor para o povo galego, mais tamén a dunha aportación orixinal á civilización  e até á Humanidade. O descontento é hoxe, moi visíbelmente, descontento coa governanza mundial. E aí ten que ir o nacionalismo galego alén das adesións automáticas ao que xa está dito e aportar outra perspectiva. É dicer, partir dun pensamento nacionalista para enfocar os problemas do mundo en vez de buscar acomodo vergoñoso na orde criada por outros intereses.

 

É fundamental para o nacionalismo ter algo distinto que dicer. E para dicilo hai que telo pensado.

 

Outros partidos poden descansarse en etiquetas ideolóxicas ben asentadas e na defensa de intereses que están moi craros. Un partido ou un frente político nacionalista ten que ter unha xustificación teórica ben pensada, ben artellada e en constante evolución. Cando non hai esa base intelectual, o partido convírtese nunha maquinaria eleitoral á que poden achegarse os que queran facer carreira política e non encaixen ben noutra parte ou atopen máis difícil ser aceitos. Unha formación así é excesivamente fráxil e está á mercé dos ventos que sopren e sometida a unha efemeridade cuase fatal. Na actuación real, diante dos problemas que se apresenten nas esferas en que funcionan nacionalistas que tal vez teñan poder de decisión ou influencia, eses nacionalistas terán solución mellores ou piores, pero poucas veces distintivas e que podan asentar nunha lóxica nacionalista. É dicer, que poderían ser aportadas por calquer outra formación. E iso pasa por non ter a base intelectual necesaria para poder decidir en cada momento o que é nacionalista e o que non é.

 

Disque se está cumplindo a ideia de Ramón Piñeiro de infundir “galeguismo” en todas as formacións políticas. Mais o que se infunde son símbolos inócuos e expresións vácuas. Non é nacionalismo, como é ben lóxico, poisque Piñeiro, por declaración propia ( e nisto ninguén pode dicer que foi enganado por ele), non era nacionalista.  O que é revelador é que se poda afirmar que con esa apropiación de símbolos quedou baleiro o ideario nacionalista. Se pasou iso ­­­­--e pode ter pasado—é porque non había esa base racional que tiña que haber.

 

Urxe iniciar a tarefa de revisar esa bagaxe que tan doado lle foi apropiar aos que non son nacionalistas e ver cáles son as ideas que a poden substituir.  Hai sen dúbida un sentimento nacional na espreita de artellamento. Foi ese sentimento o que inspirou outrora iniciativas políticas e intelectuais de distinta fondura e magnitude, pero cuase sempre condicionadas polo momento histórico a que responderon. Haberá que aplicarlles unha peneira crítica, e, sobre todo, reprantexar a dimensión intelectual do sentimento nacional galego do noso tempo.

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas