AUTONOMÍA E DEPENDENCIA
Val a pena ás veces esquecer os termos técnicos do direito político e máis ainda os da ciencia política e tomar por base o sentido común das palabras.
Se nos poñemos a pescudar á luz da razón o que quer dicer a autonomía e cómo se medirá,
seguramente discorriremos nalgún momento que canta máis autonomía haxa, menos dependencia haberá. Entón, en lóxica, a autonomía comprida sería a independencia.
Pero a teoría política, nacida na práctica política, verá desatinada esa conclusión e a
desaconsellará. A falsa
prudencia criou a autonomía como atenuación da independencia. Métese polo meio a cuestión da soberanía e tudo se confunde. Nesa política a independencia da medo e a autonomía tranquiliza.
A autonomía
é un ideal e un concepto importante que dexenerou nunha fórmula política encamiñada a tranquilizar
inquedanzas dos que temen á independencia. Confúndense así ideas moi importantes e críanse dificuldades de
valoración. Por exemplo, si desexamos xuzgar cánta autonomía
ten unha das chamadas comunidades autónomas na orde constitucional vixente no Reino de España, e queremos valorar se vai a máis ou a menos, nada será máis útil que ver se depende menos ou máis de outro poder superior.
Pensando na Galiza, se ollamos os termos en que se prantexan os debates de cuestións concretas, a pesca,
digamos, e seguimos o seu curso nos meios de comunicación, veremos que tudo ou cuase tudo xira arredor do que se “consegue” en Madrid, e que o valor de uns ou outros partidos e persoalidades está en cál deles
consegue máis dese centro. O que se
valora é a eficacia do acceso ao poder, a un poder que non está na Galiza nen perto de dela. Esa era a base do caciquismo. Resulta entón
que a autonomía pode dexenerar na
institucionalización do caciquismo, en que en vez de un ou varios caciques haxa unhas institucións, cada vez máis, nas que se poden turnar individuos ou grupos de intereses (o que non é nada novo senon moi semellante aos “turnos” da Restauración). O centro de poder desplazouse en parte a Bruxelas, e iso non muda para
nada o mecanismo nen o fai máis democrático.
Sería bon
perderlle o medo á independencia, concepto nobre, e usar como altímetro ou barómetro da autonomía política o de cánta dependencia liberta en cada momento e en cada cuestión. Se aumenta ou segue a dependencia, non hai
autonomía.
Voltar a Alicerces Nacionalistas