Ataque oficial á Diáspora galega

Ataque oficial á Diáspora galega

 

Aínda que digan que nestes tempos non contan as ideoloxías, resulta que contan, e moito, as ideas que se teñen das cousas. Interesa moito ver que idea do país teñen os que nos gobernan. As recentes declaracións a Europa Press do señor Mendez Romeu, Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia,  alarman a moitos dos galegos que non residen no territorio das catro provincias, e debían alarmar aos que residen nese territorio, porque revelan unha idea de Galicia que é ruin, reduccionista e rebaixadora do seu potencial.

 

O señor Conselleiro segue falando de emigración, evocando unhas imaxes de tempos pasados.  A Galiza completa non está formada por apegados e emigrados, senon que é unha realidade diaspórica, como a de Irlanda ou a do povo xudeu. Ten esa sorte, que non todos os países teñen. Ten unha riqueza espiritual e material moi importante, que algúns seguen empeñados en non ver. Vivimos nun mundo de diásporas, e a nosa pode ser un modelo se sabemos apreciala e artellala ben.  Non é cousa dun pasado que haxa que deixar atrás, senon dun futuro que hai que construir. Cando parece tan evidente que así é, preocupa que desde o goberno galego se proclame o que é unha amputación da Galiza.

 

O señor Conselleiro pensa que nisto da “emigración” hai moitos contidos sentimentais.  parece haber confusión entre  sentimentalismo e sentimento, que son cousas ben diferentes e que sorprende ver confundidas en alguén que ven das ciencias da educación.  O sentimento é un dos fundamentos da persona humana, e hai que cultivalo e atendelo, desde a familia até o poder político. Un país que desatende o sentimento vai camiño da barbarie.  O sentimentalismo explota o sentimento, é unha forma de pornografía que non precisa de estímulo porque xa o ten, pois nel se basea un grande negocio, que corre desbocado nas revistas do corazón ou nos programas lixo da TV, e que o poder político ve correr e aproveita.

 

Galiza é unha realidade da política, da economía, da sociedade e do sentimento. Por iso é unha realidade humana. E por iso non se pode reducir, como pretende o señor Mendez Romeu,  a “os contribuintes”.

É unha idea sorprendente nun gobernante socialista.  Lembra aquel moderantismo decimonónico que aceptaba o sufraxio, pero dos que “tiñan intereses no país”, e dicer, dos que contribuían a partires dun certo nivel económico. ¿Cómo xustificar a atención aos que non contribuen, ou aos que contribuen pouco?  Por ese camiño habían de ter máis direitos, ou máis votos, os que contribuen máis.  Se os países foran sociedades anónimas, así sería. ¿Será que a ese nivel de goberno galego están pensando que Galiza é Galicia S.A.?  Ben sabemos que hai a quen  lle agrada esa idea, pero non esperábamos ouvila dun goberno de socialistas e nacionalistas. Polo menos niso debían estar dacordo.

 

Tamén compre perguntar cómo se xustifica con esas ideas tan economicistas a solidaridade internacional, que hoxe xa ninguén nega, e menos os socialistas. ¿Por qué axudar a quen non é nen contribuinte nen sequer paisano?  ¿Será por sentimentalismo?

 

Deixamos ao lado, por un momento, o feito de que moitos dos que viven na diáspora son contribuintes tamén, porque teñen propiedades e intereses na Galiza. E de que non todos poden desenvolver participación política no país en que residen. Motivos de máis para non desfacerse deles como pretende o señor Conselleiro. É grave esa amputación dun membro vivo da comunidade galega, porque non deixa sen unha unha riqueza que se ten senon que abdica dunha responsabilidade que lle corresponde ao poder político desde a que se practica.

 

Voltar ao boletin en curso