A quén convén a UE
Convén aos Estados Unidos de América, que axudaron a ideala e a construila, e convirá a calquer outra potencia mundial que poda xurdir có tempo. Para os Estados Unidos agora, e será igual para a China, a India ou calquer outro país que obteña a hexemonía no mundo, é mil veces mais apetecíbel e fácil entenderse cun conglomerado de ex nacións que deixaron os poderes todos en mans dunha burocracia centralizada, que entenderse con moitas nacións por separado. No terreo político, contarán cun bloco satélite que fará o que eles queiran en cada momento, ainda que na retórica e na propaganda se apresente moitas veces como indignado e contrariado. E no terreo económico, non podía haber nada mellor para as potencias mundiais que un mercado único, simplificado e ultrapolitizado. Como a base económica da Unión Europea é desaxeitada, non fará a competencia a esas potencias.
Convén tamén aos que utilizan a política para se sentiren importantes e figurar. O único que quedará de apariencia democrática na Unión Europea serán unhas eleccións que se celebrarán nos países para escoller políticos que non van poder facer política neses países e que serán os intermediarios entre o poder feudal que se constituirá en Bruxelas e os cidadáns de estados reducidos á obediencia e sometidos a ese poder. Quen pense que o futuro e a mellora da sociedade está na renovación dunha clase política hoxe desprestixiada, terá que ir abandoando esa esperanza diante do trasplante desa mesma clase cós mesmos instrumentos, e igualmente inepta e irresponsabel, á escala “europea”. Os exemplos á vista están.
E convén moito, moitísimo, ás grandes empresas, que poderán facer o que lles pete sen render contas a ninguén e sen ter que xustificar nada nen dar explicacións por nada. En nome da liberdade e das forzas do mercado, esas empresas terán campo libre para cometer os abusos que queran e contarán con millóns de persoas que nunca terán un emprego decente porque iso iría contra a “liberdade”. En cuestións de poder, o aumento de escala crece en progresión xeométrica para os grandes, e non se aplica nen sequer en proporción aritmética aos pequenos. Esas son as matemáticas da unidade e do imperio.